Algúns leramos a Lois Pereiro
antes de 2011. Algunhas, mesmo, puxaramos por que a Academia lle dedicase o Día das Letras.
O de Monforte era daquela o
fetiche dos sectores máis heterodoxos da cultura galega. O favorito entre a
xente nova.
Falo por min cando digo que o
feito de apostar por el pouco tiña que ver coa percepción da súa obra como unha
sorte de rareza. Lois Pereiro é, ao cabo, un poeta clásico, firmemente asentado
no acervo elocutivo e formal que vén termando do arquixénero desde o Romantismo.
Un escritor que soubo aproveitar a tradición das grandes escrituras líricas dos
séculos XIX e XX para compor unha obra emotiva, transcendente, de indubidable
valor literario. Pero de ningunha maneira rupturista.
Ora ben, vender vendéusenos como
un experimental. Isto sucedeu porque quen nunca crera nel, aquelas e aqueles
que talvez nin sequera sabían que existía antes do ano 2011, se viron obrigados polas
circunstancias a mostrarlle un pouco de afecto. As experiencias vitais que
reflicte a poesía de Pereiro deberon emerxer ante esta xente como unha especie
de aparición e en efecto representan un episodio senlleiro na tradición
discursiva da literatura galega.
Pero, ollo, non confundamos contido
con forma. Falar de realidades como a SIDA ou as drogas non
converten un autor nunha especie de aloucado experimentalista. Só unha cultura
pacata, constrinxida por unha visión pequeno-burguesa do sentido do decoro,
podía formular un axioma tan simplista.
Porque o de Monforte é, á
fin, un poeta íntimo, de verso limpo e dicción solemne, como o groso da poesía
galega da década dos 80. O Lois Pereiro escritor está máis preto de Ramiro
Fonte ca de Rompente. O Lois Pereiro persoa probablemente non.
Cómpre desterrar o mito,
rabuñarmos na superficie. Pereiro é clásico na mesma medida en que o é o Rimbaud
que escribe o “Soneto ao esfínter”. Na órbita de Ginsberg, Bukowski ou Genet.
Lido en clave estritamente literaria (fóra morbos biografistas), talvez a obra
de Pereiro veña recuperar o seu espazo nativo, ese que lle foi negado en vida do autor:
a do grande canon da literatura nacional.
Creo que se pode invertir a máxima: Pereiro foi rupturista na mesma medida na que o foi o Rimbaud. É un erro transpoñer o que intuimos da vida ao que vemos na obra (dunha vida periférica non sempre se deriva unha poética marxinal, madia leva). Pero quen dixo que un soneto, pola súa forma, non poida ser transgresor? Pensa, por exemplo, no *Pictogram Sonnet* de Eduardo Kac. Ninguén dubida que Manuel Antonio, Rompente ou Ronseltz fosen máis rupturistas que Pereiro. Mais dicir que a súa obra encaixa na "poesía dos oitenta" paréceme moito máis problemático...
ResponderEliminarParabéns polo contido do blog, e polo seu título. María.
Graciñas pola achega, María. A obra de Rimbaud (como a Baudelaire, como a de Mallarmé) é fundacional; hoxe entendémola como clásica na medida en que inaugurou unha maneira de concibir a poesía que só na máis inmediata contemporaneidade comeza a resentirse. Esa é precisamente a tradición que Pereiro recolle sen grandes renxementos. Dito rapidamente, Rimbaud é rupturista, Lois Pereiro non. Eu leo a Lois Pereiro e vexo en esencia as mesmas dinámicas que caracterizan a poesía máis visible da década dos 80 (e a poesía canónica occidental desde o XIX): discurso volcado na subxectividade dun eu escasamente ficcionalizado mediante pautas elocutivas ligadas ao emocional, ao intenso, ao sublime. Eu non valoro a transgresión dos marcos xenéricos herdados como un valor en si mesmo; non hai a máis mínima intención de crítica pola miña parte neste sentido. O que si me parece criticable é que nos vendan a moto. Díxeno nesta entrada e repítoo aquí: falar de drogas ou da SIDA non o fai un poeta experimental. Ecuacións coma esas só poden caber na cabeza dun beato.
EliminarQue é "poesía dos oitenta"?
ResponderEliminarSe emprego os teus termos e digo "poesía galega da década dos 80", entendo que gañei o dereito a que sexas ti quen responda :)
ResponderEliminarPor se acaso, aquí vai o meu parecer. Pereiro é un poeta afastado dos 80 porque o seu intimismo non quere ser retórico, aínda que por descontado ás veces o seña. Non é unha cuestión de intentio auctoris: esa vontade está inscrita nos textos, e os que o escoitaban daquela e o lemos agora dalgún xeito sentímolo así. Ese pacto constrúe cousas, e non vai ser doado desfacelo. (Un pacto social non pode desfacerse formalmente: nin por medio do poema, nin por medio da crítica ao poema).
Tamén penso que, polas razóns antes expostas, ningún dos seus estritos contemporáneos serían quen de escribir nin a *Conversa..." nin *Estraños...*. E isto, desde logo, non é unicamente un xuízo de valor :)
Ola, anónimo. Se a vontade de que falas está inscrita nos textos, daquela eu non son quen de percibila. Sigo pensando que a posición marxinal da obra de Pereiro con respecto á dos seus coétanos se debe máis a elementos biográficos e (chamémoslle así) de subcultura de referencia ca a factores textuais, literarios. Probablemente tamén haxa que ter en conta a decisión consciente por parte do poeta de querer manterse afastado de todo centro. Eu non digo que a poesía de Pereiro sexa mainstream. O que digo é que non é un poeta experimental na liña de Ronseltz, como veu vendéndosenos. Máis nada.
EliminarEntón a "poesía dos oitenta" é a poesía retórica? Ou é a poesía retórica dos oitenta? :-)
ResponderEliminarOla anónimo, non sei se o mesmo anónimo do comentario anterior. Fas un uso bastante libre das aspas, que ata onde sei úsanse para reflectir citas textuais. Remítome ao texto. Un saúdo
EliminarNon sexas susceptible, home, co que presta ser anónimo! Somos dous anónimos, ou unha medio anónima e un anónimo que debaten a partir da túa entrada. Estou en xeral moi de acordo con ela, só me pregunto que é "poesía dos oitenta" e non é cita textual. As aspas, como seguramente sabes mellor ca min, úsanse tamén para advertir desviación dun significado convencional. Non estou de acordo con que o significado convencional de "poesía dos 80" sexa o significado restrito ao que intentou ser o canon dos oitenta, o tempo dirá se con éxito. Descontando clásicos interxeracionais son dos 80 Alfonso Pexegueiro, Antonio R. López, Xela Arias, Luísa Castro e Antón Reixa. Ningún deles se axusta ao prexuízo crítico do que foi "a" "poesía dos oitenta". Grazas e un saúdo.
EliminarPois agora si que concordamos, meu. Pexegueiro, Castro, Ronseltz ou Lopo (antes de asinar como tal) tamén son poesía dos 80. Ora ben, sería inxenuo negar que a liña poética dominante nesa década era outra. Cando falo do "groso da poesía galega da década dos 80" estou a referirme ao que ti chamas o "canon dos 80". Acéptoche a precisión terminolóxica pero manteño o que dixen. Lois Pereiro inscríbese adoito na liña "marxinal" de Pexegueiro ou Castro por motivos que pouco teñen que ver coa realidade dos seus textos
EliminarÚltima precisión, que parece aquí que estamos falando do demo con patas. Á esa liña dominante adscríbense poetas formidables, como Pilar Pallarés ou Xosé María Álvarez Cáccamo
EliminarOla de novo, a primeira anónima só quere dicir que está moi contenta de ter achegado algúns puntos a un debate tan suxestivo. No que toca á primeira das discrepancias, o meu problema é que cada vez me parece máis falible a diferenza entre factores socioculturais (entre eles, os biográficos) e os que ti chamas textuais. Uns vanse tramando nos outros, dun xeito non lineal, pero para min a relación é tan real como incómoda. Saúde!
ResponderEliminar