Amosando publicacións coa etiqueta desexo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta desexo. Amosar todas as publicacións

mércores, 29 de outubro de 2014

Nos límites do dicible


Sería deshonesto pola miña parte escribir unhas liñas sobre Cronoloxía da urxencia como se acabase de chegar ás miñas mans. Tiven a sorte de acompañar á autora no percurso que a levou dun primeirísimo borrador á obra que agora chega aos andeis das librarías. Polo medio, circularon títulos alternativos e un traballo coa linguaxe que conduciu a escritora a explorar os límites do dicible. Desprovista de delirios ascéticos, Dores Tembrás vestiu o traxe de xastra e púxose a coser no verso ata dar na expresión xusta. E nin unha sílaba máis. O resultado revela unha lingua permeable ao silencio onde nada nela hai de instrumental, pois a autora sabe ben que o que distingue unha poeta de alguén que non o é reside na capacidade para producir idioma, e non só para habitalo. 


 A técnica e o talento ao servizo dunha reflexión delongada sobre a natureza e o alcance do desexo. Velaí a Cronoloxía, disolución dun número amplo de pensamento e lecturas, algunhas delas explícitas. O que observamos, ao final, é unha experiencia meditada, consciente. Digo isto porque, ao contrario do que acontecía con algúns dos títulos máis celebrados da poesía de muller dos anos 90, aquí hai corpo, pero non víscera. O desexo, para Tembrás, é un acontecemento, na máis pura ortodaxia deleuziana: non propiamente o evento (poderiamos dicir, a experiencia da carne), senón aquilo expresado que continuamente nos fai sinais e nos chama.

O poema sitúanos na inminencia, nese non-dar-chegado onde comparecen nervio e saliva. O desexo é antes. E a proposta da Cronoloxía asenta na ledicia de gorecérmonos na urxencia. De aí a cita de Barthes, plenamente cabal a ollos dunha concepción xusta do desexo, a deste libro: que importan as nosas oportunidades de ser colmados, se o que de veras paga a pena é experimentar esta pulsión, este estar abertos á posibilidade de que as nosas expectativas non se cumpran? Žižek, con base en Lacan, falou da inconsistencia da noción de felicidade entendida como conxunto de obxectivos conseguidos, propondo substituíla pola máis realista de interese. Do que se trata, ao cabo, é de estarmos interesados e o desexo (do outro e da palabra, ás veces entrelazados neste libro) é a forma máis perfecta de interese. Talvez por iso a Cronoloxía a vertebra un aquel de exceso vital. Porque comprende a vida tal e como é, retirándolle esa carga fantasmática que nos apiña á frustración, e por iso pode celebrala.


 Celebro, canda Dores Tembrás, a chegada deste libro, o final triunfo da finitude. Aquel que enlea o corpo saturado de desexo, cómplice co camiño que nos demarca o presente.

[Publicado en Tempos Novos, 206 (2014): p. 68]

[Booktrailer do libro aquí]



xoves, 23 de outubro de 2014

Resposta a un comentario na entrada sobre *Os inocentes*



[O servidor non me permite responder un comentario na entrada sobre Os inocentes, así que reproduzo o dito polo anónimo coa miña resposta a continuación:]


E non sería mellor considerar que María do Cebreiro non ve no poema unha canle, unha vía de acceso para acadar o coñecemento, senon un xeito de coñecemento en si mesmo, un fin? Porque máis ca desconfiar da linguaxe, a agarima sen medo de ser traicionada. É dicir, que María do Cebreiro di "este poema está neste poema" porque confía no poema, habita o poema. Élle sensible. Porque, tal e como eu o lin, *Os inocentes* quizais non sexa un libro sentimental, pero si un libro sobre os sentimentos, sobre a intuición e as preguntas, máis que sobre o coñecemento. E si creo, en calquera caso, que algo hai de candor, de dúbida co amante (que está máis vivo ca esquecido, que ten moito que dicir no poema), de apaixonamento e présa. María do Cebreiro non é canle, non é dona, é amante do poema.



Ben interesante o que dis, Anónimo. É unha lectura distinta do libro, ben argumentada, e perfectamente válida, aínda que non acabo de concordar con ela. Coido que para a poeta a linguaxe é a chave, por suposto, pero tamén o cancelo. Non diría tanto que desconfía dela como que coñece o seu poder e o seu alcance. Nese sentido, non podo ler este libro como dándolle a benzón a aquilo que escribira Heidegger de que non hai nada menos perigoso que a linguaxe. A cita, no meu entender, é contra-cita.

Non sei o que queres dicir con que María do Cebreiro é “amante do poema” e, polo tanto, tampouco por que iso entra en contradición co que eu dixen. Co da “canle” só tentaba ilustrar a capacidade da autora para borrar un suxeito centrípeto do poema e facer deste (do poema) o suxeito da propia poesía. Máis claramente, cando lemos un texto d’Os inocentes é o poema o que nos fala e non un eu lírico máis ou menos ficcionalizado que nos revela unha determinada experiencia, chamémoslle, íntima. Penso que nisto é no que María vai cos tempos. Aínda que eu non teño o don da clarividencia e, polo tanto, podo equivocarme.

Sobre o que dis de que Os inocentes non é un libro sentimental pero si sobre os sentimentos estou totalmente de acordo. E velaí a forma de coñecemento e tamén a reflexión, neste caso, sobre os afectos, ben distinta, por exemplo, da exposición sentimental que caracterizara boa parte das poeróticas femininas dos 90. Nin mellor nin peor (non estou xulgando), só poño en destaque a diferenza. Por outra banda, o mesmo se podería dicir de Cronoloxía da urxencia, de Dores Tembrás, a propósito de desexo. Semella que xa non interesa mostrar o amor e o desexo desde unha óptica experiencial feminina, senón a unha muller pensando sobre estes temas. O campo de interese mudou, ao meu ver, da vivencia da carne ao saber sobre ela.  

Grazas por lerme e por comentar. Dá gusto comprobar de cando en vez que hai alguén detrás da pantalla, concorde ou non co que eu digo, queira ou non queira facer público o seu nome. 

sábado, 12 de abril de 2014

Un filme sobre o desexo


Para Carlos, que está de despedida, e algo sabe do que aquí conto




Si, ao meu ver, Gone with the wind é un filme fundamentalmente sobre o desexo.

Renego desa lectura canónica segundo a cal Ashley sería o verdadeiro amor de Scarlett, mentres que o fracaso do seu matrimonio con Rhett Butler se explicaría polo seu carácter de comodín ou segundo prato. Case diría que ao revés. Ben pensada, a relación de Ashley e Scarlett é a paradigmática do amor cortés, pero cos papeis cambiados: aquí ela exerce o rol de amante penitente e el o de amada esquiva. Funcionan todos os elementos: Melanie, a bondadosa (e almibarada) prima de Ashley, con quen está prometido, actúa como o elemento que imposibilita a consumación do amor, ese papel que nas cantigas provenzais e galego-portuguesas exercía un esposo ciumento ou a distancia entre clases. 

Pero que pasaría se Melanie morrese, non sei, nun accidente doméstico, e se salvase o escollo que lles impedía estar xuntos? Para min non hai dúbida. Scarlett acabaría fuxindo de Ashley como da peste. O desexo que sente cara a el é puramente fantasmático, e non se entende sen o factor-barreira que impide a consumación. Finiquitada esa distancia que permitía apreixalo como un obxecto de desexo sobre o cal fantasear, o interese desaparecía inmediatamente. Noutras palabras, Ashley pasaría de ensoñación romántica a señor-algo-molesto-que-ocupa-a-metade-da-cama e cumpriríase así a máxima da psicanálise segundo a cal non sempre queremos conseguir aquilo que pensamos desexar.




Rhett, no entanto, é real. Aparece desde un primeiro momento desprovisto de máscaras, sen carga espectral: é un latin lover caprichoso e cara dura que aspira a conquistala. Os devaneos dela, que parece nunca asumir de todo a relación, acaban co matrimonio – e velaí por que a escena final, onde el lle espeta aquel memorable «frankly, my dear, I don't give a damn», posúe a categoría de clímax no conxunto da trama. Non porque Scarlett sexa unha nena caprichosa que quere o xoguete cando llo quitan (como el mesmo suxire ao despedirse), senón porque descobre que a quen ama de verdade non é a Ashley, senón ao propio Rhett.

O final, a orixe como subterfuxio, o regreso ao fogar para comezar de novo, agora comprendéndoo todo, dá sentido á historia e complétaa como un xogo de equívocos sobre a verdadeira natureza do desexo.




Pecho esta entrada cun dos mellores poemas que se escribiron en Galicia na década de 90. E iso penso, talvez porque tamén eu regreso a Tara[goña] de cando en vez, para reconstruír o mundo ou o que sexa, e porque desde Tara hoxe escribo estas liñas. 

Tara

Como en ti, como en Atlanta. Falando da seca, da sega, dunha xeografía arriscada que se extendía simplemente así, coma campos de algodón arredor de Tara. Pero aquí, aquí todo foi noso; aprender o mundo que regresaba sempre para salvarnos xuntos, agardando atados, coas mans á espalda pero vivos, porque aquí, incluso aquí, o mundo seguía ben, nen mellor nen peor de como o deixáramos.

Xa non importa, pero eu non tiven corazón; amaba os golpes baixos e aprendía a falar con terror porque sabía historias das outras, das que aínda están por contar e permanecen sempre como a terra roxa de Tara. Sen embargo non fixen nada inútil por salvarme, e agora non debo pensar niso, de todas formas xa non importa.

Porque xa nada queda do sur, Ashley. Agora só quero amar o que me pertence e esquecer a agresividade daqueles días como esquezo a fuxida, o reencontro. O inferno non é un lugar decisivo aínda que o queime todo e xa non tente versos dominantes para ter razón e forza. Regresa o texto sen pulso nen forma e escribo detalladamente nada, reanimo algo que nen sequera existe porque esta vez habemos dicir a verdade. Porque era ese o noso destino e os nosos ollos épica.

Regresaremos a Tara para reconstruir o mundo. Será a poética da sega, da seca. Será un motivo literario que sangre. Con razón ou sen ela teremos a forza necesaria para cinguir á cintura toda esa terra queimada, estilizar o poema con violencia até que nos custe respirar.
Abismal como unha dama, e nunca máis como unha dama.

Agora que todo marchou co vento non faremos nada inútil por salvarnos, esta vez habemos dicir a verdade como se ese fose o noso destino, e os nosos ollos épica.

Realmente, mañán será outro día.

Emma Couceiro