Amosando publicacións coa etiqueta Olalla Cociña. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Olalla Cociña. Amosar todas as publicacións

martes, 10 de marzo de 2015

Celebración no Protexta


A semana pasada sorprendéronme coa noticia de que saía na portada do último ProtextaO número inclúe unha entrevista de Montse Dopico, que podedes ler clicando aquí, e mais a lectura amiga de Celebración que fixo Olalla Cociña e que vos deixo abaixo. Moi agradecido. 

































Celebración, de Gonzalo Hermo: camiñar na invernada

no solo lo he perdido todo
también sé dónde se ha ido

Mario Montalbetti
Lejos de mí decirles. Poesía reunida, Aldus, 2013

Pechamos 2014 cunha dobre celebración: o nacemento de Apiario, un novo selo editorial -e algo máis!- e da súa man o segundo libro de Gonzalo Hermo. O poeta que nos sorprendera hai tres anos con Crac fundando unha “escola do resentimento”, e que, en palabras del mesmo, entendía o seu traballo como un “acto de vinganza”, revólvese contra a inmobilidade e abre as mans para amosarnos un catálogo extremo de temperaturas.

E é que desde o “Grao límite de frío” (unha das palabras que máis se repite nos poemas) ata a brasa non hai apenas matices. Trátase da vital asunción da perda desde a adustez e desde a idea da escritura como un espazo, se non verdadeiro nin verificable, si un lugar onde non se minte (“non xa para os demais, senón sobre todo para ti mesma”, reflexiona Olvido García Valdés en conversa con Miguel Marinas, puidemos lela o ano pasado).

A perda é unha despedida, un cambio de pel en Celebración tamén desde a clarividencia do relato que esixe ser contado (falara a poeta Marina Tsvietáieva a propósito do proceso de composición do poema “coma se xa tivese sido escrito nalgún lado, con moita precisión e completamente e eu só o estivese reconstruíndo”). Un relato existencial, amoroso, que indaga na escrita e/ou no final dunha era, tanto ten: velaquí unha das habilidades de Hermo neste libro: brindarnos diferentes lecturas, e todas igual de válidas na súa contudencia.

Escoitamos en Celebración unha voz implacable que, sen abandonar o alento pensativo de Crac, escolle ben escollidos os símbolos que acompañan o cambio -a fin e a súa inmediata e incerta sucesión- para armar unha melodía triste, mais non melancólica, afouta e por tanto esperanzada.

Esta man que apalpa e non abrangue
mentres se incendia unha casa ao fondo da campía
onde o ourizo foi noutro tempo e hoxe arde

Unha paisaxe de invernada que apenas varía dun poema a outro: insectos, animais, bosque, corpos que proxectan sombra e reclaman aventura, espiñas, corazóns que se descoñecen, carne que se atopa e un memorial de luces que –a diferenza da temperatura, sempre extrema- xogan ás intensidades. E todo o tempo un ruído, tamén gradual: desde a miniatura dun “ruído de nervios que abrolla da carne/ cando dicimos o/ frío” ata o “ruído do bosque trepanándoche as tempas”.

Pero non esquezamos que estamos celebrando algo, aínda que esta festa só poida manifestarse en forma de preguntas:

Se haberá cinza que recorde

carne capaz de comprender
a altura deste
encontro

O ascenso polar que comeza no Cerebro e remata no Pracer (e no desxeo primaveral) triangula coa granada vibrante, aberta e madura que acertadamente colocou o deseñador Mauro Trastoy no medio do libro. É a única concesión á cor xunto, precisamente, cos poemas que a circundan, onde hai multitudes, mercados e barullo:

O movemento imponse.
Revélase a color.

Ti e eu marchamos sen mapa e sen costura.

E si, recuperamos a vista e a cor tras a cegueira, pero a voz poética segue a cuestionar: “cal será o prezo da visión/ despois de todo”. Tan só unha intuición, case un mantra: “o pouso do frío termará de nós/ Como a liña derradeira que nos separa do nada”.

Estamos feridas e sabémolo, e tamén sabemos que volveremos estalo. Pero queremos seguir camiñando no sorriso que enxuga as lágrimas da extraordinaria Giulietta Masina ao final de Le notti di Cabiria (unha das imaxes escollidas para o acertado booktrailer de Celebración). Porque non hai outra cousa que saibamos facer: do outro lado só campa a morte.

Olalla Cociña






venres, 23 de xaneiro de 2015

Celebrando a amizade


Entre o 10 e o 16 deste mes, acompañado por Antía Otero en representación da editora, presentei Celebración en Vigo, Compostela e na Coruña. Pedinlles ás presentadoras que me mandasen un anaco dos seus textos para facer unha montaxe no blog, un fragmento pequeno que lles tirase especialmente. Elas escollían o fragmento, eu as fotos. E velaí.

Os textos completos subiranse proximamente á web de Apiario. 



















«A escrita de Gonzalo Hermo sitúase en discusión co pensamento contemporáneo: coa teoría da literatura, coa filosofía, coas poéticas que asentan na reflexión arredor da linguaxe. A presenza do corpo talvez se relacione fundamentalmente coa procura dunha linguaxe común que se sabe extirpada e non se deixa de procurar. O idioma falado por unha comunidade de iguais no sentido en que a pensou Jacques Rancière ao dicirnos que igualdade e intelixencia son termos sinónimos. Quere que o verso se mida antes de máis consigo mesmo, sitúase enfrontado á metáfora. Dixo nunha entrevista: “Onde digo 'frío' quero dicir 'frío' e máis nada”. Hermo sabe que non conseguimos desaprender, que seguimos o máis do tempo na escola do resentimento, que nos damos feito para ler entre todas. Tamén que precisamos pensar esa apertura.» 
[Ana Salgado, A.C. Bou Eva, Vigo, 10 de xaneiro de 2015].


















«Porque aquí podemos sentir o frío na caluga e repudialo sabendo que é carne de abandono. E se o frío, “o varre todo” cumprirá regresar del, ir na súa contra, dicirlle adeus á súa parálise mentres non se constate un soño. Aquel no que un “golpe de calor (…) o arrase todo”.» 
[Elvira Ribeiro, «1.000 razóns para ler Celebración de Gonzalo Hermo», A.C. Bou Eva, Vigo, 10 de xaneiro de 2015].



















«El di: Celebración si pero o libro tampouco é unha festa.

A ruptura co teatro de comprender pero non transformar.
Por tanto, a celebración de comprender e transformar.

Ela di: Temos algunha materia aínda pendente na escola do resentimento.
Certa sensación de que aínda non nos podemos graduar e marchar correndo alameda abaixo coma se houbese algo novo ao final.

Pero este libro dalgún xeito que non sei concretar ben si que forma parte de algo novo, de algo que está a pasar: un aire fresco, excitante, estimulante que ultimamente, ás veces, sopra por aquí, sentídelo? Un aire fresco que nos saca de estarmos en pixama e zapatillas cos pés metidos no forno da cociña de leña coma se escribisemos para que nos lean as nosas amigas e choren as nosas nais». 
[Xiana Arias, libraría Couceiro, Compostela, 13 de xaneiro de 2015].


















«Quixemos que Gonzalo abrise a colección de poesía de Apiario dende o primeiro momento. A primeira carta que se puxo enriba da mesa, quedou. Era algo necesario para nós coñecer como evolucionara a poética de Gonzalo dende Crac, para onde miraba a xenreira que nacía daquelas páxinas. A lectura foi outra. Os textos eran outros. A concreción e a forma tallada dentro do bloque de mármore. Unha reformulación da nostalxia, que Celebra a oportunidade de abrir a porta da casa para que entren os cans e rebentar os puntos de sutura. Que cheire a algo. Que, por fin, cheire a algo». 

[Antía Otero, libraría Couceiro, Compostela, 13 de xaneiro de 2015].





















«Só direi: que neste texto, “Musgo 2”, veñen as instrucións para facerse cun corpo sen órganos, o colofón pono cómo o poema conclúe, rematando o ciclo Cerebro.

(O cerebro, din, é un músculo, un órgano, unha máquina. Pero se é unha maquina non é un órgano. Se tal, unha conxunción, unha sala, un lugar. Gonzalo: “Un circuíto con órganos sen pel que os embace”. Tamén din que ten o tacto das mans que o aman, a textura dun texto no que se está a traballar, e tamén a textura do glande, do ano, do clítoris, das mamas e mais dos nexos sen lei que os enlazan. Entón o que é un corazón tamén o é porque é un cerebro, un pexego ou unha granada. Incluso o fígado hepático, os riles, os pulmóns ou a nai. Un corpo en ton, en tona. Entón o cerebro é un músculo, pois, no sentido en que o é unha celebración).» 
[Claudio Pato, Normal. Espazo de intervención cultural, A Coruña, 16 de xaneiro de 2015]





















«Existen poéticas que parten desa sintaxe angulosa do cuarzo para remexérense en enxames e bandadas, poéticas que entran en calor. Neste libro -cunha escrita que dá ganas de escribir, como as boas escritas- acabo por entender a poesía como unha cerámica lingüística con vontade de entrar en calor, sen esquecer que procedemos da deriva dun glaciar. Entrar en calor sen perdermos de vista –e de cerebro, e de corazón- o frío.» 
[Estíbaliz Espinosa, Normal. Espazo de intervención cultural, A Coruña, 16 de xaneiro de 2015]

























































[Por orde descendente, as fotos dos actos son de Martiño Noriega, Pedro Carrasco, Daniel Duarte e Paz Hermo]

O vídeo da presentación en Santiago aquí:

venres, 25 de abril de 2014

Unha entrevista

Deixo a entrevista que me fixo Olalla Cociña para A voz de Barbantia. Quero agradecerlles a Riveiro Coello e a Barbantia o convite e a xestión, a Abraldes a caricatura e, sobre todo, á propia Olalla que puxera o seu talento como xornalista ao servizo deste perfil-entrevista, que tan ben sintetiza o que foi a miña vida ata agora. 

Tamén a podedes consultar aquí





domingo, 15 de decembro de 2013

Dous poemas de Linda Gregg

Deixo aquí dous poemas de Linda Gregg (Suffern, USA, 1942), en versión galega de Olalla Cociña. A Gregg non lle fan falta palabras estrañas, estruturas máis ou menos anómalas con respecto á linguaxe ordinaria, para dotar os seus textos de dúas características que, ao meu ver, están no groso da mellor poesía: a visión e o misterio. Podería engadir a elegancia e daquela diría que, coa autora, o mundo semella fermoso, incluso cando doe. Graciñas, Olalla, por traernos a Gregg.  
 
 adulta
 Volvín ao país onde fun feliz
 cambiada. A paixón xa non me impón terribles esforzos.
 Pregúntome que substituirá o desexo.
 Quizais eu sexa a pantasma da miña propia vida volvendo
 aos sitios onde vivín mellor. Camiñando por acó e por aló,
 facendo sinais cando vexo algo que amei fondamente.
 Agora estou na miña casa escoitando os mouchos
 e preguntándome se pouco a pouco irei recuperando a pel.

paxaros de inverno
Dime unha adiviña, dixen, que non teña resposta.
Que nos faga abrazarnos rápido
e para sempre, como as cousas simples
que non poden medrar, que non nos cambie.
Que nos deixe quedar aquí xuntos.
Que fai do inverno unha rede? Dixeches.
Que son as árbores da morte?
Que vento sopra atravesándoo todo
cando a lúa comeza a súa fin, a súa fin?
Cantaches. E bailamos na noite baleira.
Bailando e cantando ata que os nosos corazóns incharon.



venres, 9 de agosto de 2013

Ningún precipicio


Dedicado a Eduard, polas conversas no bar de Castrón Douro, para que volva co sol da Costa Brava metido por dentro

Estes días ando ás voltas coa quinta entrega poética de Olalla Cociña, acabada de saír do prelo de Toxosoutos. Leo no libro, leo no prólogo de Ildefonso Rodríguez e penso nos discursos, no discurso que unha poeta inaugura cando dá a coñecer un primeiro libro e en como ese discurso evolúe co tempo, algunhas obras éditas despois, cando á autora comezan a saírlle as primeiras canas. Esa etapa da madurez literaria da que tanto se fala. Qué pasa aí.


Ben pensado, todo primeiro libro institúe un proxecto de escrita e o lector-seareiro gusta de detectar as modulacións, os cambios de rumbo que a autora vai delineando a partir dese primeiro plano ou ben a súa indeleble perseveranza. Non coñezo un poeta que non acabe renegando do seu primeiro libro e, no entanto, en moitos deles ese libro segue aí, alumando o camiño como se se tratase dun facho.

Pois ben, o que me interesa da obra de Olalla Cociña, vista en perspectiva, é a existencia dese facho; dito noutras palabras, a capacidade para instituír un discurso poético que, mantendo a coherencia trazada na súa opera prima, nin se estanca nin se esgota. Porque os discursos literarios poden esgotarse. Hai exemplos abondos, a esta e á outra beira do mapa. Poéticas moi potentes que ao cuarto, quinto libro acaban convertidas case que en caricaturas de si. Se a grandeza dun proxecto de escrita radica na súa capacidade para diseminarse sen morrer, para ir colleitando froitos novos da mesma árbore, daquela o discurso de Cociña é valioso. Éo sen grandes alaridos; dificilmente un lector a quen non lle guste Ningún precipicio o detestará con vehemencia –non hai grandilocuencia, hai honestidade. Ora ben, se lle gusta, amarao con paixón. Pasa coas cousas pequenas. Pequenas de tamaño. Unha pedra miúda de acibeche no medio dunha lámina de granito. O granito tamén é fermoso, pero vese. No acibeche hai que reparar.

Quero dicir con isto que Ningún precipicio é congruente coa poética da autora pero, ollo, hai evolución. De feito, eu diría que é o seu libro máis distinto. En certos momentos, mesmo semella difícil recoñecer a escritora que hai oito anos dera ao prelo As cervicais da memoria. Pasa nalgún texto, non en moitos, en poemas coma este:

Viñera unha palabra á boca

cruzara o corpo enteiro
e velaquí estaba o son, o peso

o estalido na lingua pero non o nome
non o nome

o esforzo por descorchalo
dilataba opiáceo os sentidos
e outorgaba moito máis
que unha palabra

Pero o pouso mantense. Olalla Cociña sabe traernos unha ollada diferente do cotidiano, a visión dun suxeito poético marcado en feminino que ben puidese ser unha rapaza especial, algo estraña ou louca, que nos encandea porque sabe descubrir mundos onde os demais só vemos zapatos, castelos de area, empanada de raia que se come os domingos. Na súa obra no hai guerra, ou mellor, a guerra atópase de portas para a dentro. Como darlle de comer na boca á irmá máis nova, que xa ten anos abondos para facelo de propia man. Tenrura e crueldade, dous planos que a poeta sabe taxar con tino para que ningún dos dous chegue a molestarnos, o un por sobredose de azucre, o outro por exceso de estridencia. Aí está a poética de Cociña. O seu enxeño.


Quixera pechar esta nota apuntando que, malia o dito, Ningún precipicio é ás veces bastante cruel, mesmo morboso en momentos, e a quen isto escribe iso gústalle, claro. Ora, se queredes unha lectura verdadeiramente lúcida, basta que vos fagades cun exemplar e o abrades pola páxina cinco. Ildefonso Rodríguez ofrécevola de graza

luns, 29 de abril de 2013

Anne Sexton


Esta fin de semana andei ás voltas coa tradución para o español da poesía completa de Anne Sexton, que acaba de editar Linteo. A tradución ten erros dificilmente xustificables, pero dá para achegarse ao miolo da escrita de Sexton, especialmente se se cotexa o texto orixinal, que o editor tivo o acerto de incluír.


O que me interesa de Anne Sexton é, sobre todo, a súa completa falta de pudor. Penso nela como representante avantaxada dunha xenealoxía de poetas que souberon facer de si mesmas a súa mellor personaxe literaria. Escritas que poñen chanzos ao consenso teórico arredor da ficcionalidade literaria, que xogan a presentarse ante o público, desta volta convertido en voyeur, como escaparate diáfano da vida privada da muller que escribe. A propósito de Adília Lopes, outra grande obscena da poesía contemporánea, Osvaldo Manuel Silvestre define con total elocuencia a estratexia actorial desta liñaxe de poetas como unha «forma de publicidade extrema do mais íntimo que só criaturas desprovidas de pudor –e de senso– se atrevem a praticar». Penso en Sylvia Plath, en Yolanda Castaño, en Miriam Reyes, en Marguerite Duras. Precisamente Duras, segundo me contaba hai uns días un amigo, entendía a tarefa da escritora como un labor especialmente lacerante, pois para contar o mundo ten a obriga de afastarse del cara a un non-lugar desde onde sexa posible observalo cun ollo desapasionado. O escritor, para Duras, é un suxeito que comprende, que é capaz de ver. Pois ben, se Duras andaba no certo (e eu, cando menos, comparto a súa análise), para estas autoras, que foxen de si para mirarse de novo como outra, a poesía debe ser o máis parecido a unha terapia.

Con certeza, a poesía era para Anne Sexton medicamento, terapia. Nunha ocasión, en carta dirixida a un amigo a raíz da morte de seus pais, deixou escrito: “poemas e só poemas me salvaron a vida”. Todo un inventario de revelacións íntimas, de exhibicismo emocional. Anne Sexton exponse ata tal punto nos seus textos que, ás veces, o lector só dá reaccionado pola vía da distancia, cando non da repulsa. Como cando o ecrán da TV nos arrebola as imaxes dunha guerra distante e non somos quen de termar da mirada. Dalgún xeito, Anne Sexton obríganos a observar as miserias da muller pequeno-burguesa americana, constrinxida nun corsé de aparencias, imposicións veladas e frustracións persoais. A experiencia é dura. Ás veces, tamén a ela, non lle damos aguantado o ollar.


De todos os poemarios de Anne Sexton sinto unha querencia especial por Live or Die. Gústame especialmente un texto do libro que se titula “Wanting to die”, e que tiven a ocasión de recitar en tradución propia no Picaversos, sesión "Adictos”, ao que Olalla Cociña e Branca Novoneyra tiveron a deferencia de convidarme. Velaí volo deixo, ao pé dun link de youtube onde aparece a autora recitándoo na súa casa de Boston.


Querer morrer

Agora que o preguntas, a meirande parte dos días non consigo recordar.
Camiño vestida, sen pegadas desa viaxe.
Logo a case innomeable luxuria regresa.

Nin sequera entón teño nada contra a vida.
Coñezo de sobra as follas de herba que mencionas
os mobles que puxeches baixo o sol.

Pero os suicidas manexan unha linguaxe especial.
Igual ca os carpienteiros, queren saber que ferramentas.
Nunca preguntan por que construír.

Dúas veces me expresei con total simpleza,
posuín o inimigo, devorei o inimigo
aceptei a súa arte, a súa maxia.

Deste xeito, pesada e pensativa,
máis cálida que o aceite ou a auga,
descansei, babexando polo burato da boca.

Xa nin penso en expor o meu corpo á agulla.
Ata a córnea e os mexos sobrantes se perderon.
Os suicidas xa traizoaron o corpo.

Nacidos sen vida, nin sempre morren,
pero, deslumbrados, non dan esquecido unha droga tan doce
que mesmo as nenas ollarían cun sorriso.

Botade toda esa vida debaixo do lingua
que, por si mesma, se torna unha paixón!
A morte é un óso triste; cheo de golpes, diríase

e, no entanto, ela estame a esperar, ano tras ano,
para sandar delicadamente unha vella ferida,
para libertar o meu alento da súa prisión cruel.

Abaneando, así se atopan ás veces os suicidas,
rabiosos ante o froito, unha lúa inflamada,
deixando atrás o pan que confundiron cun bico,
deixando a páxina do libro aberta ao azar,
algo sin dicir, o teléfono descolgado,
e o amor, calquera cousa que fose, unha infección