Amosando publicacións coa etiqueta Bukowski. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Bukowski. Amosar todas as publicacións

domingo, 26 de maio de 2013

Lois Pereiro. Dous anos despois

Algúns leramos a Lois Pereiro antes de 2011. Algunhas, mesmo, puxaramos por que a Academia lle dedicase o Día das Letras. 

O de Monforte era daquela o fetiche dos sectores máis heterodoxos da cultura galega. O favorito entre a xente nova.

Falo por min cando digo que o feito de apostar por el pouco tiña que ver coa percepción da súa obra como unha sorte de rareza. Lois Pereiro é, ao cabo, un poeta clásico, firmemente asentado no acervo elocutivo e formal que vén termando do arquixénero desde o Romantismo. Un escritor que soubo aproveitar a tradición das grandes escrituras líricas dos séculos XIX e XX para compor unha obra emotiva, transcendente, de indubidable valor literario. Pero de ningunha maneira rupturista.


Ora ben, vender vendéusenos como un experimental. Isto sucedeu porque quen nunca crera nel, aquelas e aqueles que talvez nin sequera sabían que existía antes do ano 2011, se viron obrigados polas circunstancias a mostrarlle un pouco de afecto. As experiencias vitais que reflicte a poesía de Pereiro deberon emerxer ante esta xente como unha especie de aparición e en efecto representan un episodio senlleiro na tradición discursiva da literatura galega.

Pero, ollo, non confundamos contido con forma. Falar de realidades como a SIDA ou as drogas non converten un autor nunha especie de aloucado experimentalista. Só unha cultura pacata, constrinxida por unha visión pequeno-burguesa do sentido do decoro, podía formular un axioma tan simplista.

Porque o de Monforte é, á fin, un poeta íntimo, de verso limpo e dicción solemne, como o groso da poesía galega da década dos 80. O Lois Pereiro escritor está máis preto de Ramiro Fonte ca de Rompente. O Lois Pereiro persoa probablemente non.


Cómpre desterrar o mito, rabuñarmos na superficie. Pereiro é clásico na mesma medida en que o é o Rimbaud que escribe o “Soneto ao esfínter”. Na órbita de Ginsberg, Bukowski ou Genet. Lido en clave estritamente literaria (fóra morbos biografistas), talvez a obra de Pereiro veña recuperar o seu espazo nativo, ese que lle foi negado en vida do autor: a do grande canon da literatura nacional.


domingo, 21 de abril de 2013

Blue bird


O meu paxaro azul non é coma o de Bukowski. 

Este sae máis ben pola tarde, sobre todo os domingos, e ás veces desvaría coa extravagancia de abrir un blogue e ver que pasa.



paxaro azul


hai un paxaro azul no meu corazón que

quere saír

pero son demasiado duro con el,

dígolle, queda aí, non vou deixar

que ninguén te

vexa.


hai un paxaro azul no meu corazón que

quere saír

pero bótolle whisky por riba e trago

fume de cigarro

e as putas e as camareiras

e os dependentes do supermercado

nunca saben que

está aí

dentro.


hai un paxaro azul no meu corazón que

quere saír

pero son demasiado duro con el,

dígolle,

acouga, ou é que queres meterme

en liortas?

queres talvez escarallar o meu

traballo?

botar abaixo a venda dos meus libros

en Europa?


hai un paxaro azul no meu corazón que

quere saír

pero eu son moi pillabán e só o solto

de cando en vez polas noites

cando todo o mundo está durmindo.

dígolle, ben sei que estás aí,

así que non te me poñas

triste.

despois métoo outra vez,

e el canta baixiño

dentro, non o deixo morrer

de todo

e durmimos xuntos

así

co noso

pacto secreto

e é tan bonito como para facer

chorar

a un home, pero eu non

choro, choras

ti?

Charles Bukowski
*A tradución é miña