[Esta entrada tamén podería
titularse “Sobre por que me gusta Melancolía
e por que non me gusta tanto o primeiro Lars von Trier”]
Xente que viu Melancolía comenta na blogosfera que non
é quen de seguir o fío que o director supostamente nos propón a través do
inconsciente profundo –Freud chamaríalle id– de Justine, a personaxe que protagoniza a historia. O problema talvez radique
en que eses espectadores están buscando no filme as claves actoriais da produción de von Trier anterior a Anticristo:
unha liña ben definida entre o que temos que amar con vehemencia e o que
debemos rexeitar sen miramentos.
Dicíamo un colega o outro día
e estou de acordo. As personaxes de Melancolía
son, ante todo, arquetipos. Máis ca abordar unha análise prolixa do comportamento
dunha mente vítima da depresión –idea que subxace en boa parte das críticas que
circulan pola rede–, o que parece interesarlle ao director é presentar a
conduta paradigmática de determinados tipos sociais ante o acontecemento.
O acontecemento é, por suposto,
a colisión do planeta Melancolía
contra a Terra.
Nesta orde de cousas, Justine
sería a representación da outsider, o
prototipo da inadaptada. Ao cabo, ela diferénciase do resto da contorna en ser
a única que se nega a aceptar as normas, regras e prohibicións da estrutura
sociocultural –Freud chamaríalle super-ego– que fan da súa irmá unha neurótica obsesionada co control, do seu cuñado un
megalómano avarento e do seu xefe un explotador sen escrúpulos – e velaí outros
arquetipos que o filme delata. No medio desa miseria espiritual, Justine
érguese como a visionaria –é, de feito, a primeira que se decata da existencia
de Melancolía–, o elemento subversivo
que lles devolve a cada un a imaxe do que son.
Justine e o planeta son
trasuntos, retroaliméntanse; ambos os dous suspenden os acordos que fan da vida –comunitaria, ela; material, o astro– unha realidade posible. Mentres a irmá se
aferra á esperanza dalgunha caste de salvación, Justine asume o final coa
lucidez dunha mente preclara. Entre tanto, na cabalariza, xace o corpo morto do
cuñado, incapaz de afrontar a revelación final do colapso.
Non creo que haxa que buscar
un significado máis profundo ao proceder da personaxe principal. Justine sofre
simplemente porque, malia que o intenta, e de aí o propósito de casar, non é
quen de desempeñar o papel que dela se espera sen que algo se lle remoa dentro
e a obrigue a abandonar a farsa, mesmo que iso implique asumir a morte na
dimensión da relación cos outros, anticipo da morte real – a fin da vida na
Terra.
Melancolía ten as virtudes das obras complexas (Jameson): é significativa e perturbadora. Unhas
características que eu non vin por ningún lado n’A árbore da vida, filme vacuo e esteticista que, non obstante, lle
arrebatou a palma de ouro na 64ª edición do Festival de Cannes. Claro que os
datos cantan. Von Trier tivo a escasa astucia de proferir un comentario antisinoista –mal formulado, todo hai que dicilo– durante a presentación do
filme no festival. O xurado, como era previsible, optou por non meterse en problemas.
Despois de velo filme tomeime un tempo para poder analizala, sempre quixen sacarlle o bo, a idea, o quid, pero sintoo, non podo cunha cinta lastimeira e audiovisualmente leeeeenta... demasiado lenta, redunda tanto na definición do tempo, lento e pausado, coa personalidade da actriz principal, que esgota a calquera mente que espera detalles que lle enchan a ansia de ver evolución, ou a súa ausencia comodefinición mesma, e nada... creo que a plasticidade, aínda que en menor medida que na árbore da vida, non logra acougar a necesidade dun discurso fílmico con máis... como dicilo, intensidade... Frouxa e redundante, creo que se excede en metraxe e as personaxes perden co paso dos minutos, aínda que si teño que dicir que a segunda parte se fai máis levadeira, xa que unes e concordas ideas demasiado espalladas ata para ser de Von Trier...
ResponderEliminarA min non me sobra nada, cada escena dime algo, cada minuto paréceme significativo. Diferenza de criterios, supoño!
EliminarSupoño que eu vexo o filme más dunha forma audiovisual e ti coma un poema... pero sonche incapaz de dicir que non lle sobra nada... porque mira que ten filmes moito máis plásticos e estéticos, pero Melancholia, non podo... ;)
EliminarDesde logo este filme, entre os seus valores, conta co de atentar contra a educación e o "bon senso". Diso se trata tamén, párate, permanece, aparece! O espectador toma lugar como nunca antes frente a calquera referencia estética e formalidade plástica. Deste xeito é que se simplifica aparentemente no espectacular da comunicación audiovisual, rexeita en última instancia (e se flexiona cara o título) a melancolía do movemento dramático do relato (E. Trías). E así obtemos un filme que abre para o cine o desbordamento dos seus caracteres típicos; libérate do xuízo, non garda o teu posicionamento no taboleiro do Real, apareces ti na inanición do soño. É un soño de principio a fin. Adormeces e é, certamente, solidario contigo. Agora acorda, volta a ti. Foi todo un soño. Quizá un pesadelo.
ResponderEliminarSi, adormece, non hai dúbida, pero tamén adormece o tempo e a trama, podía poñer un plano fixo das prota e sería máis interesante...
ResponderEliminarPois eu non me aburrín nin un só minuto. Pareceravos un chiste, pero eu á peli véxolle tensión narrativa.
ResponderEliminarPolas vosas críticas, entendo que tiña razón von Trier cando dixo que o filme funcionaría mellor sen tanta plasticidade. Igual o envoltorio confunde a mensaxe. A mensaxe eu véxoa. E moi ben articulada, ademais
Eu saín aqueloutrada de ver "Melancolía" no cine, non podía deixar de pensar en como reaccionaría se nos tocase vivir a fin do mundo. Tampouco se me fixo lenta, ao contrario, ten algo hipnótico que me fixo camiñar da mao da telúrica protagonista e a súa angustia cósmica, ao meu ver moi ben reflectida. Penso que é o filme que máis me gusta de Lars Von Trier. E pola contra, saín moi cabreada de ver A árbore da vida, un filme supravalorado, pedante, recargado dun preciosismo vacuo e cun trasunto místico católico que non me gustou nadiña.
ResponderEliminarConcordo con todo o que dis, Olalla :)
ResponderEliminar