Amosando publicacións coa etiqueta Crac. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Crac. Amosar todas as publicacións

martes, 16 de xuño de 2015

Ana Salgado sobre Celebración


Publicado en Grial 205 (maio de 2015)


En Celebración hai un poema, “Despois de Crac”, co título do libro de Gonzalo Hermo de 2011, o primeiro dun mozo de 24 anos. O dato da idade seméllanos irrelevante, ocorre co que escribe hoxe outra xente que anda arredor dos 30, poéticas unidas a este libro por algúns nós: Raida Rodríguez, Francisco Cortegoso, Xiana Arias. Outro nó de complicidade sería a marca editorial: o libro de Hermo, obxecto inusualmente coidado, abre a colección de poesía de Apiario, proxecto que sae das mans das escritoras Dores Tembrás e Antía Otero.

A voz que, no remate, escribe as dedicatorias, dinos que este é “tamén, o libros dos amigos”. A partir destas e das citas fomos construíndo unha lectura de Celebración. Detémonos nas dúas iniciais. Unha dun texto en catalán de Eduard Velasco, tamén poeta en galego a quen leremos axiña como gañador do premio Pérez Parallé. Di: “Sempre stimaràs la terra amb què has compartit el fred”. Outra de Antonio Gamoneda, do poemario de 1992 titulado Libro del frío: “He llegado por fin; este no es mi lugar, pero he llegado”. E atopamos en Celebración elementos deste poema narrativo, do conxunto deste libro do escritor leonés. Unha simboloxía próxima: os insectos, os elementos vexetais, as aves, o frío. Unha voz poética que parece descansar no verso longo, que escora nunha fatiga extensiva, que medra e creba. Entre as conexións, amais, as tantas posibilidades de lectura para esa falta de lugar: desclasamento, desposuimento, desterritorialización, alleamentos de diversa caste.

“Renuncio a unha escrita afectada // realmente este libro acaba aquí” dicían os versos finais do penúltimo poema de Crac, e establecían unha fenda que vemos cumprida en Celebración. A violencia de Crac, con Müller, Duras, Celan, Jelinek ou Artaud, vese agora aplacada, faise máis esquiva, diríxese menos cara á memoria e máis cara ao desexo, eses planos que mesturara T. S. Eliot no comezo d'A terra herma e cavilamos se para sempre. “[...] pois nada é máis fermoso que que a memoria nos engane”, di Hermo nun verso.

Lemos Celebración como un libro sobre a perda. Sobre as perdas: a civilización rural, o territorio, a lingua, os corpos amados, a clase. Talvez estes poemas se escribisen para dicir que a perda pode ser un camiño produtivo. Achegaríase aquí ao pensamento de Jacques Derrida cando coloca, non enfrontados e si no mesmo plano, os procesos de memoria e esquecemento. E a perda pode ser no libro un proceso produtivo pola súa conexión co desexo. Os desacordos entre Lacan e Deleuze canto á maneira de entender este vólvensenos entón pertinentes para lermos Celebración. Isto tamén porque a escrita de Gonzalo Hermo se sitúa en discusión co pensamento contemporáneo: a filosofía, a teoría da literatura, as poéticas que procuran na linguaxe. E parece querernos dicir que só debera servir unha linguaxe común. Cara a esta, que se sabe extirpada, quizais apunte a presenza do corpo no libro. Cara á busca dunha lingua das iguais, no sentido en que a pensou Jacques Rancière. Así, quere que o verso se mida antes de máis consigo mesmo e sitúase enfrontado á metáfora. Dixo nunha entrevista: “Onde digo 'frío' quero dicir 'frío' e máis nada”. Hermo sabe que non damos desaprendido de vez, que non sabemos ler suspendendo o peso da tradición, en común, entre todas. Tamén que precisamos pensar esa apertura.

E outro horizonte do posible ao que Celebración se está abrindo sitúase alén dunha idea historicamente hexemónica onda nós, aquela que coloca a nostalxia nun plano privilexiado na construción da nosa subxectividade e do noso discurso político. Lemos no fragmento final dun poema da sección “Grao límite de frío” : “Porque non hai lingua que impugne o contido dunha perda // nin hai consolo desta volta / no brazo das palabras. // O movemento imponse. / Revélase a color. // Ti e eu marchamos sen mapa e sen costura. // É doloroso / pero salva. // Tarda en curar pero libera”.

Ana Salgado









































venres, 22 de maio de 2015

Luisa Castro sobre Celebración



Celebración

Luisa Castro
[Notas para a presentación de Celebración, La Central, Barcelona, 08/05/2015]

O primeiro poema, unha especie de pórtico, ou de ingreso, no que o poeta nos invita a unha viaxe con el a través dunha historia. É unha relación entre un tu e un eu. É un poema descritivo, no que o poeta nos presenta ese tu. Érguese e indentifícase con ese tu. Pero o que predomina neste ingreso é unha temperatura, un ambiento: o frío. É unha paisaxe: fálase de escombros, de desolación.

[“O cerebro”]

Despois deste primeiro poema, que nos sitúa, comeza a parte titulada “O cerebro”.

Nel faise referencia (no primeiro poema) ao libro anterior de Gonzalo Hermo, Crac. Comeza, por tanto, unha historia autorreferencial, unha relación de historias, ou historial. Gústame ese ton privado, radicalmente persoal, onde parecen querer erguerse as contas dun agravio.

O segundo poema, “Contra a saudade”, orixínase a partir dun centro magnífico, unha imaxe xeradora de imaxes case xaponesa, ou tántrica, ou céltica, na que se propón a escritura, o poema mesmo, como un río: unha experiencia transformadora, na que se entra sabendo que non se vai saír igual. Nesta proposta, o que cruza o río non é un home, é un animal. Unha conciencia ou percepción animal, desprovista de xuízo:

Tardei en comprender
que non hai quen trace un círculo perfecto a man alzada
sen renunciar ao nervio que imprime calor á vida

Hai unha renuncia, por tanto, cando un se interna na escritura, no río da escritura. A poesía como medio de coñecemento, como un río de augas frías, como un bautismo, e o bautismo como renuncia:

Para pensar no poema como un río.

Quen atravesa o río coñece o seu caudal:

animal ao fondo
preparando o pelo
para a muda.

E o cifrado desa renuncia é esquecer. A necesidade do olvido.

Quixera facer un inciso: resulta marabilloso que o esquecemento sexa algo que se nos nos presenta como unha conquista. A renuncia a recordar. O esquecemento como conquista. A renuncia a recordar. A memoria queda no río, pero quen atravesa o río libérase dela, queda limpo. No entanto, esta non é unha tarefa doada para a nosa cultura, onde a memoria é, de feito, a orixe de todo, dos relatos fundacionais, do que emana todo.

Na mitoloxía grecolatina, a memoria ou némese é unha deusa, e o olvido a morte. O río Leteo. Pero non é así na cultura budista nin tántrica. Tampouco na cultura céltica. Nestes pobos o esquecemento é unha graza. Gonzalo Hermo proponnos esta graza, esta conquista, esta esperanza. Ser outros. E esquecer. Pero trátase dunha graza á que se accede despois dun rito de iniciación. Non é doado. Non é gratuíto.

Esquecerei como esqueceron as mans o seu volume

o peso lento das horas

nos días máis felices

Terceiro poema. Continúan despois as imaxes extáticas, contemplativas, que fan referencia á natureza.

Algo me di que o teu labio sería máis vermello nas cidades do norte
onde a vexetación non xermola
en todo caso esténdese pola pedra.

-

Aínda se revolve e non acouga
cando a ave emprende o voo
rumbo a terra estranxeira
sen aroma de berce
sen nostalxia

Terceiro poema. De novo eses tres conceptos asociados: a contemplación da natureza, a liberación da idea de orixe e a liberdade dos paxaros.

Cuarto poema. O cambio:

Para poder amar as cousas que están connosco
cambiando

librámonos da carga

e aprendemos a fallar.

Posesión e sufrimento:

Non hai logos cando o mentas no teu soño de orfandade
orixe cando o palpas con desexo de o reter.

Hai apetito
quizais.

En todo caso, cadea.



[“Grao límite de frío”]

Parece que o libro fose un proceso de conxelación, ó que se someten os sentidos co obxectivo de esquecer, do cambio e da transformación. Ese frío é o frío dun río, dunhas augas nas que a percepción se interna para suspender toda tentación de calor. Un proceso de conxelación que ten por obxectivo o esquecemento e que, paradoxalmente, conduce á conservación, á memoria que non sabe de si, que nos conforma pero non nos domina, nin nos posúe.

Liberación da memoria. Conxelación. Conservación. Distancia e olvido. Transformación. Ser:

Hoxe non é o día pero queda pouco
e non seremos os mesmos cando isto ocorra.

O poeta é aquel que entoa un canto. O poeta é ante todo unha voz. A través desa voz maniféstase o espírito, e no espírito a linguaxe, e na linguaxe o mito, e na linguaxe o logos. Pero debe haber un canto. Unha harmonía que emana dunha iluminación. Unha iluminación que procede das tebras. Unha noite que é orixe e nacemento. O poeta é un canto que se abre camiño a través das tebras, e o seu canto é unha guía, e é un tanteo cara á luz. Poeta significa facedor. O poeta constrúe. O poeta crea. Onde non había nada, o poeta funda. Onde había confusión, o poeta ordena.

Ou desmonta. Ou desordena.

O ben dicir:

Quen adormece neste punto sabe do traxecto.

Consiste en espertar
de cada volta en terra estraña
cando veñan de caer as últimas certezas
e reste soamente a vertixe da aventura.

Un libro que celebra a visión:

Non había luz na espesura do bosque.

Pero de pronto
puidemos ver.

Viamos.

[O pracer]

Último poema. Unha poesía de conceptos, de ideas, de intuicións radicais sobre o tempo. Unha poesía limpa de adornos superfluos, pero indagatoria, que procura unha linguaxe útil para expresar estados novos. Unha poesía, polo tanto, de ideas e de linguaxe, e profundamente concreta, que nos remite a unha moi concreta situación: a de dous amantes, un fronte ao outro. Ou moitas veces: un fronte a si mesmo e a súa propia nudez. 


















luns, 10 de novembro de 2014

Ás voltas con Crac


Gonzalo Vázquez, deseñador, escritor e profesor da Sorbonne, reestrea web e incorpora unha crítica de Crac, que publicara no nº 4 da revista Caravansari, dedicada á poesía en linguas peninsulares:


Crac é iso, unha promesa líquida. É un libro~límite, como a ferida, o limiar ou o paraíso, como a estranxeira, o fetiche ou a rameira, como a raia ou a fame. É un libro~río, como a escrita. É un libro~violín, burgués e sucio. Por todo isto é, como quen di, un libro~parís.


Podedes ler a crítica completa aquí:





















Ademais, o 17 de novembro, en Bilbao, preséntase o proxecto audiovisual de Lázaro Louzao baseado nos poemas do libro.

O tráiler do filme aquí:



domingo, 20 de xullo de 2014

Un poema de Antón Blanco


O momento en que un toma conciencia de que deixou de pertencer á canteira da poesía galega porque outr@s veñen detrás, coa forza de Antón Blanco (Carril, Vilagarcía de Arousa, 1996), que asina este poema en diálogo con aqueloutro de Crac.














Como chagas as mapoulas do Somme
as que descobren o rastro
e negan a cegueira.

Querería por isto falar acerca dun ollo anterior ao bombardeo. Un ollo inocente
que se abre un bo día e contempla a desfeita. Un ollo que viu.
O da pupila arrasada. O da derrota.
Gonzalo Hermo

Así sacodes brazos e pernas
coma un rebordar de cunchas doentes
e todo ante o corpo-que-escintilea
figuras mercantís
rotando sobor do cráter.

Namentres
a nai compra incubadoras
eléctricas

instálaas no grande salón da parte baixa

trátase dun enormísimo cráter
nel
vivaces denosiñas invaden a taiga
(cercanía
centímetro
corenta-e-dous-catorce)
desdebuxándote.



venres, 25 de abril de 2014

Unha entrevista

Deixo a entrevista que me fixo Olalla Cociña para A voz de Barbantia. Quero agradecerlles a Riveiro Coello e a Barbantia o convite e a xestión, a Abraldes a caricatura e, sobre todo, á propia Olalla que puxera o seu talento como xornalista ao servizo deste perfil-entrevista, que tan ben sintetiza o que foi a miña vida ata agora. 

Tamén a podedes consultar aquí





luns, 9 de decembro de 2013

Unha entrevista de Montse Dopico para Dioivo


[Recupero a entrevista que me fixera Montse Dopico para Dioivo, a raíz da publicación de Crac. Coa desaparición do xornal, desapareceu tamén a entrevista e coido que paga a pena volvela traer aquí, polo atinado das preguntas e tamén pola foto tan bonita que me fixera para a ocasión o meu amigo David González del Riego]


-O libro parte dese primeiro poema. Que fala do poema como acto de vinganza. Do resentimento dos que "fomos castrados". Cal é o motivo dese resentimento? Cales son as violencias contra as que se rebela?

Poderiamos falar de violencias en plural pero son, ao cabo, distintas pólas dunha mesma realidade: a violencia exercida polos elementos que ostentan a hexemonía simbólica contra aqueles que non a posúen. A dinámica centro/periferia existe, e non só no plano xeográfico ou xeocultural (binomios do tipo occidental/oriental, etc.), senón tamén en experiencias coma o xénero, a raza ou a opción sexual. Tal e como eu o vexo, Crac representa un intento de colocarse, en sentido amplo, no lado feble da balanza. Nun espazo onde circulen distintos procesos identitarios vertebrados en torno á idea de subalteridade. Non son tan pretensioso como para pensar que o libro vaia cambiar as cousas, pero gústame escribir como se esa posibilidade fose real. Cando menos non ser cómplice dunha orde de cousas ilexítima e perversa.


-Desde o principio hai referencias múltiples á literatura: Astarté, Ganga.... Ao final recoñécese debedor de Jelinek, Duras, Celan e Müller. Está en parte concibido o libro como un diálogo con todos eses outros autores e autoras? Con que obxectivo?

Máis ca de diálogo, eu falaría da escolla dunha posición. O libro elixe reivindicar unha tradición que lle resulta cómoda, aquela que mellor se lle axusta.. O meu “canon occidental” non é o de Harold Bloom; é aquel onde Jelinek ou Müller teñen un papel sobranceiro. Por outra banda, os catro autores practican un tipo de discurso deliberadamente violento e excesivo que a min me interesaba cando escribía Crac porque ese era o ton que eu quería para o libro. Unha poesía dun só acto, rotunda e radical, coma unha labazada.


-Hai nos poemas cambios no xénero. Non podo evitar relacionalo coa túa concepción da literatura galega como literatura queer, e a túa reivindicación do queer como xeito de transcender o binomio de xénero masculino/feminino. É ese o sentido dese xogo?

Cando a Kurt Cobain lle preguntaban por que ás veces vestía de muller nos seus concertos, el acostumaba a responder que o facía porque dese xeito demostraba que podía ser tan feminino como quixese. Esa é a idea. Desnaturalizar o xénero. Poñer en evidencia a non correspondencia entre o sexo (biolóxico) e o rol social adscrito a ese sexo. Haberá quen me acuse de frivolidade pero, particularmente, acredito en que este tipo de estratexias son útiles para a causa do feminismo porque contribúen a mudar o imaxinario social que relega as mulleres ás marxes. Travestismo poético. Por que non? Tampouco estou a descubrir nada novo. Das cantigas de amigo a Sucios e desexados, o discurso literario galego ten transitado esas augas


-Tamén é claro o fondo social: a explotación laboral está, por exemplo, moi presente. "A clase desclasada/ colabora". (Aínda que ese poema fala dunha época histórica pasada, a Francia de Vichy). Ou o Norte/ Sur. Ou ese "A esquerda morreu. Viva a esquerda!". Cales, neste sentido, as preocupacións político-sociais túas máis inmediatas que te levaron ao poemario?

Escribín o libro moi condicionado por tentativas de revisionismo histórico emerxentes na altura. De súpeto Franco xa non era un ditador fascista, senón un patriota que salvara España da sovietización e do caos. O discurso oficial do réxime regresaba naquel momento da man de xente coma Pío Moa e iso tivo un impacto moi directo no proceso de escrita de Crac, que é, en moitos sentidos, unha homenaxe aos derrotados na guerra. Lembro que, daquela, tamén andaba moi pendente dos movementos políticos en América Latina, que para min supuñan (e supoñen) o xermolo desde o que construír a esquerda do século XXI. En Europa e no mundo.


-Non creo que sexa casualidade que fales no mesmo poemario de nazismo e de franquismo. Do Gulag, de Auswitch, de Stonewall ou de Hiroshima. Lugares do conflito, da violencia extrema. Tamén de loita: Stonewall. É unha mesma reflexión sobre o abuso de poder?

Auswitch representa o escenario onde o odio á subalteridade é levado ata as súas últimas consecuencias: a solución final, o exterminio total da diferenza. Pero Auswitch podería chamarse tamén Palestina, San Simón, Iraque. Son espazos onde iso que Paco Sampedro denominou “violencia excedente” se manifesta dun xeito tan incuestionable que nos obriga a reformularnos as ideas de límite, xustiza ou humanidade. Un golpe duro de máis como para ser asimilado sen esganarse.


-O libro ten tamén moito de reflexión sobre o desexo. Da dama mordida polo can aos poemas que lle siguen ou a imaxes como as de Indochina mon amour, a mesma Erika Kohut (A Pianista)... E creo que reivindicas o desexo libre, non amordazado pola sociedade, non sometido ás normas. É así?

Non creo que exista un desexo que estea “máis alá” do social, unha sorte de pulsión primaria que se poida canalizar sorteando os fluxos de poder que nos estruturan como suxeitos desexantes. Eses fluxos de poder existen e coido que sería inxenuo pensar que as relacións homosexuais son de seu máis “libres” ca outras. Cousa ben distinta é denunciar a homofobia, que por desgraza continúa ben enraízada na nosa sociedade e contra a cal a política ha ser de tolerancia cero.


-De igual xeito que o libro debe moito a moitas obras literarias, tamén está zarrapicado de cinema e música: o Boss, o punk, o garage.... Ata que punto o libro é debedor de todas esas influencias?

O libro tenta armar unha especie de colaxe cultural con materiais de moi diverso tipo, entre eles os tirados da música e o cinema, pero coido que os fundamentais son os literarios. É curioso, porque se fixese un rexistro do tempo que lle dedico a unha e outra cousa, cinema e música gañaríanlle en moito á literatura. Gústame ler. E leo moito. Pero interésome tamén por outras realidades. Supoño que coma todo o mundo. 


-A patria, a nación, son tamén citadas e problematizadas (as armas que se volven contra un...). En que sentido?

Repéleme esa idea de “nación obxectiva” que asoma en certos estratos do nacionalismo galego. Recoñezo que en Galicia sobran elementos para pronunciármonos nese sentido pero máis ca insistir nas especificidades, eu prefiro falar de vontades colectivas. Non somos un país soamente por posuírmos unha lingua e cultura de noso, senón sobre todo porque temos vontade de selo. Quero crer que non existe un manual establecido de como sermos galegos. Do que se trata é de construílo.


-A memoria da "tribo" (imaxe varias veces repetida), é tamén reivindicada, por se á xente nova se lle ocorre esquecer. "Hiroshima tamén eu", dis. Canto ten o poemario de reivindicación desa memoria?

O libro está cosido con retallos de memoria e esa memoria é sobre todo colectiva. Continuamos sendo seres esencialmente comunitarios e coido que os anos que nos queden de hexemonía liberal non conseguirán convencerme do contrario.

venres, 22 de novembro de 2013

Lázaro Louzao e Crac


O amigo Lázaro Louzao, artista galego afincado en Bilbao, prepara un proxecto audiovisual a partir dos textos de Crac, dos que podedes ver un avance na ligazón que deixo abaixo. Nada pode facer máis feliz a un escritor ca que os seus textos poñan a traballar a cerebros con talento. Son afortunado e feliz. 


xoves, 2 de maio de 2013

Isaac Lourido sobre Crac


Róubolles ás colegas do Protexta a crítica que Isaac Lourido fixo de Crac

Para non perder a entrevista de Ana Salgado a Alberto Lema a propósito da edición de Da máquina, publicada no último número da revista, que proximamente estará na rede.