Amosando publicacións coa etiqueta Paul Celan. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Paul Celan. Amosar todas as publicacións

xoves, 15 de maio de 2014

Memorial e danza, de Francisco Cortegoso

«O triunfo do ego é o triunfo da poesía», anunciaba onte un medio dixital para celebrar a chegada do primeiro libro de poemas dunha escritora española nova, Irene X. A xulgar pola experiencia desta rapaza, que tiña colocados 4.000 exemplares antes de que o libro saíra do prelo, a fórmula do éxito parece clara: o poeta novo ha de se converter en personaxe de culto e o poema na vía de acceso á súa vida privada. Noutras palabras, becoming Miley Cyrus e que o libro sexa a Super Pop.

Pois ben, quixera eu aquí saudar a estrea literaria de Francisco Cortegoso, Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé 2013, xustamente co lema contrario: «A morte do ego é a vitoria do poema». Probablemente Memorial e danza non chegue ás cotas de mercado da tal Irene X, mais el si pode alcumarse orgullosamente de novo.


Penso eu que se existe a posibilidade dunha post-poesía, dun discurso poético que vaia alén das estremas do lírico, Memorial e danza se situaría aí, abrindo camiño con brazada firme, tan segura que pode sorprender a quen ignore o traballo de Fran coa escritura desde hai tempo. Non hai neste libro un incipit; antes ben, atoparemos unha manchea de versos que evocan un final, a meta dunha viaxe a través das posibilidades e límites do poema. O resultado de anos de procura e reflexión, ensaio e erro, escrita e lectura, labor. Memorial e danza é un libro de madurez, por moito que a man que o escribiu non chegue aos trinta anos.

A enunciación pasa a un segundo plano. Non importa aquí quen é o eu que fala (cando o hai), tampouco a quen se dirixe. A pregunta pola voz, central na reflexión sobre o poema desde o Romantismo, deixa de ter sentido. O suxeito esvaece ao tempo que comparece o poema, na súa maxestade, coa potencia dun corpo. 

Coido que a proposta que subxace en Memorial e danza asenta, esencialmente, en negar a mímese. Leo no libro e aprendo a lección: un poema non re-presenta, non volve presentar o que xa é. É. Deste xeito, convén non sucumbir á tentación da parábola. Onde Francisco escribe rosa, corazón e xardín léase rosa, corazón, xardín. Non hai símbolo – nada que no texto remita alén de si. E, no entanto, o poema fala de nós nun sentido que transcende a visión de curto alcance, o anecdotario do estar-aquí, agora. A poesía foi visión e pode volver selo. Hölderlin, Celan, Chus Pato. Escoller ben os mestres tamén é sinónimo de talento literario.


 Memorial e danza non fai concesións. Como Oriana Méndez, Daniel Salgado ou María do Cebreiro, Cortegoso é poeta que refuga dos excesos sentimentais, talvez consciente de que tal recurso opera na dirección de conquistar pola vía fácil a aprobación do lector medio. Poeta de técnica, de cabeza, que escribe escoitando o ritmo do corazón, pero non sacumbe ao seu embate cando comeza a latexar demasiado forte. Quere dicir e di. Melodía e palabra ata dar na fórmula precisa, aquela que o poema revela no seu estilo artesanal, de manufactura.

Memorial, porque un poema é economía da memoria, que dixera Derrida, escritura e recordo. Danza, que tamén valería dicir o movemento, a acción, o corpo humano avanzando contra o transcendente, contra o absoluto. Nin máis nin menos. 

Fran escribe:

É sorprendente
non a noticia circundante para cubrir
a imaxe dun furacán atravesando América Central
ou o Caribe,
mais a compracencia con que o vento
vindo do Norte este día de xullo
trata as pólas do plátano nun xardín de Europa;
e non o voo dunha gacela sobre os campos etíopes
atravesado na boca dun guepardo;
e non a portada de National Geographic
testemuñando o cultivo de arroz nas montañas de Indochina
tras o ciclo do Monzón;
e nunca o tempo achegado do Imperio Macedonio
porque eles xa contemplaban este ceo nocturno;
porque hoxe me inquieta
só este compasado movemento
sen retorno.

Hoxe, ás 21:30, en Fene, dámoslle a benvida. Presenta: Antón Lopo

domingo, 23 de marzo de 2014

Un inédito. Entre Celan e Chus Pato


Podes tranquilamente
agasallarme con neve:
sempre que atravesei o verán
ombro con ombro coa moreira branca
berrou a súa máis tenra
folla

Paul Celan
Cambio de alento
1967













Ti, tamén ti,
aprendiches da moreira
branca
a cruzar o verán
pola ruta
que atravesa
o bosque á
metade.

Fóra
brilla o sol da última coresma
en que comemos.

É inútil tapiar as portas,
facer da casa un varadoiro
contra aquilo que se impón
desde máis
alá da
soleira.

Fóra
brilla o sol da última vixilia
en que quixemos comer.

Qué carencia foi esta que eliximos pactando.

Velaí a pregunta:

por que a fame

Inédito
[En diálogo co poema de Celan. 
Para Chus Pato]

















Auschwitz

é a morte
a seda
o sudario branco que tece o verme na moreira branca
o aire

2
a raia nos cabelos
pregos de cinza
respirámoste palabra
respiramos

3
criches que o vieiro remataba aquí
todas as mañás comeza o que vai por dentro e é boca
quen puidese as liñas da túa mao
os días

Chus Pato
Inédito
[En resposta ao poema anterior]




martes, 21 de maio de 2013

Corpo de Leviatán

Nota de urxencia despois dunha primeira lectura de Carne de leviatán, aínda en estado de shock:


 


-“Eu é fóra”

Dígome a min mesmo, non te deixes enganar pola palabra espírito, pola palabra alma. Talvez Carne de Leviatán sexa o libro máis decididamente materialista de Chus Pato. Non temos corpo, somos un corpo. Canda Jean-Luc Nancy, entendo coa autora que a alma non é outra cousa que a carne fóra de si, o corpo que sente e se sente fóra de si mesmo. A derradeira negación do platonismo. Penso en Lucy Irigaray. Penso na écriture féminine. E dígome, a víscera non escribe. O corpo da muller non escribe. Escribe a alma, quérese dicir, o eu-fóra. A palabra alma, a palabra espírito xa non me molestan.

-O poema é, daquela, alma, psique 

Un “poema é pobreza medido coa vida”. Penso na vida como se se tratase dun corpo. O corpo que sente e se sente fóra chámase alma. Penso na relación entre a poesía e a vida nos mesmos termos en que a autora concibe a relación entre o corpo e a psique: carne que escapa de si para poder ollarse, para verse as veas.

-O idioma do poema non comunica nada que non sexa unha fisura 

O poema renuncia a producir linguaxe. O poema non crea significación, sentido. O poema é, ante todo caso, unha fenda. Penso en Paul Celan. Na batalla corpo a corpo que mantivo coa linguaxe en, por exemplo, A rosa de ninguén. O poema sería, nesta orde de cousas, un escenario lingüístico de colapso, o testemuño do desaxuste entre a imaxe acústica (Chus Pato chámalle melodía) e o concepto, o semema. Tamén podería dicirse, o ruído que se produce cando o signo lingüístico rompe pola metade. Un pode facer colaxes, puzzbles primorosos, cos fragmentos que sobran. En calquera caso, eses fragmentos non encaixan.

-Un poeta é unha persoa que ve

Esa persoa (o poeta) ben puidese estar privada do sentido da vista. Dito rapidamente, ser cega.