martes, 21 de maio de 2013

Corpo de Leviatán

Nota de urxencia despois dunha primeira lectura de Carne de leviatán, aínda en estado de shock:


 


-“Eu é fóra”

Dígome a min mesmo, non te deixes enganar pola palabra espírito, pola palabra alma. Talvez Carne de Leviatán sexa o libro máis decididamente materialista de Chus Pato. Non temos corpo, somos un corpo. Canda Jean-Luc Nancy, entendo coa autora que a alma non é outra cousa que a carne fóra de si, o corpo que sente e se sente fóra de si mesmo. A derradeira negación do platonismo. Penso en Lucy Irigaray. Penso na écriture féminine. E dígome, a víscera non escribe. O corpo da muller non escribe. Escribe a alma, quérese dicir, o eu-fóra. A palabra alma, a palabra espírito xa non me molestan.

-O poema é, daquela, alma, psique 

Un “poema é pobreza medido coa vida”. Penso na vida como se se tratase dun corpo. O corpo que sente e se sente fóra chámase alma. Penso na relación entre a poesía e a vida nos mesmos termos en que a autora concibe a relación entre o corpo e a psique: carne que escapa de si para poder ollarse, para verse as veas.

-O idioma do poema non comunica nada que non sexa unha fisura 

O poema renuncia a producir linguaxe. O poema non crea significación, sentido. O poema é, ante todo caso, unha fenda. Penso en Paul Celan. Na batalla corpo a corpo que mantivo coa linguaxe en, por exemplo, A rosa de ninguén. O poema sería, nesta orde de cousas, un escenario lingüístico de colapso, o testemuño do desaxuste entre a imaxe acústica (Chus Pato chámalle melodía) e o concepto, o semema. Tamén podería dicirse, o ruído que se produce cando o signo lingüístico rompe pola metade. Un pode facer colaxes, puzzbles primorosos, cos fragmentos que sobran. En calquera caso, eses fragmentos non encaixan.

-Un poeta é unha persoa que ve

Esa persoa (o poeta) ben puidese estar privada do sentido da vista. Dito rapidamente, ser cega. 

4 comentarios:

  1. ¡Guau! Habrá que lelo :D

    ResponderEliminar
  2. Unha entrada lúcida e moi ben escrita. E ademais déboche o acceso a un libro do que estrañamente (dada a entidade da autora) non tivera noticia previa.
    Coido que ves en *Carne de Leviatán* unha continuidade coa poética anterior de Pato, moi perceptible nos referentes -Celan, Nancy- que sinalas. En cambio, para min o abraiante destes poemas é o xeito no que rompen, ao tempo que semellan regresar (sería *Nínive*, acaso, o precedente máis inmediato desta procura?).
    O verso curto, a emoción -non estou tan certa de que o libro impugne a alma, mesmo no sentido tradicional do termo-, un certo recentramento do suxeito con respecto á linguaxe... Isto non é *m-Talá*, nin *Charenton*, nin tan sequera as *Hordas*, por máis que, a través de Agamben, o amor-desexo sexa figurado como unha sucesión de pantasmas.
    Estou aínda moi lonxe de saber formular o que penso que *Carne de Leviatán* muda na poética de Chus Pato, pero creo que aquí se deu un cambio decisivo, un cambio que nos cómpre comprender. Parabéns pola entrada. María.

    ResponderEliminar
  3. Grazas pola achega, María, está claro que liches moito a Chus Pato e que a liches ben. Con todo, discrepo. Eu leo "Carne de leviatán" como a culminación dun proceso de busca na escrita, talvez formalmente máis próximo a "Nínive" ou, mellor, "A ponte das poldras" cá "m-Talá", pero que liga co percorrido iniciado por este último libro. Como a guinda que lle faltaba ao seu Método. A autora semella que tamén: http://www.crtvg.es/rg/destacados/diario-cultural-diario-cultural-do-dia-07-06-2013-603403
    Un saúdo

    ResponderEliminar
  4. Hehe, agora que xa sabemos quen somos podo dicir, con coñecemento de causa, que nunca hai que fiarse do que din os autores sobre a súa propia obra :) Pero isto ti tamén o sabes. Un pracer poñerche rostro. Sigue co blog, é un traballo importante!

    ResponderEliminar