Amosando publicacións coa etiqueta Francisco Cortegoso. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Francisco Cortegoso. Amosar todas as publicacións

martes, 13 de decembro de 2016

Un poema de Chus Pato para F. Cortegoso


Poema lido pola autora na mañá do 10 de decembro de 2016 no café Badía, 
en Vigo, na homenaxe dos poetas da cidade a Francisco Cortegoso




























A noite caía

e ti

que ata ese intre eras imperceptible 

materializácheste 

non che importaba a chuvia, nin o outono, nin o frío 

non querías marchar


A túa beleza estaba navegada por un delta 

as túas frases eran lentas 

como as de quen foi recrutado no 36 

e descarga toda a metralla sobre si


Eras pausado coma un avó 

partías o tempo como unha onda parte o mar


Non era de morte a orfandade

era ausencia 


Eras rapaz e servías ágapes 

os vidros o pan 

a vitela que fumega e marca o rumbo dos teus pasos

o polbo


As túas noites eran salvaxes 

sobre táboas comidas de verdello e lique

a rosada bañaba as túas maos

Ouriñaches contra as paredes dos grandes alpendres 

era quente o líquido, o leite


A túa casa era un val, de ollada moi ampla


Eran brancas as verbas 

como cortiza dun bosque de ribeira

eran cinza 

populosas como as cidades do delta 


En Berlín escribías unha tese interminable 

Londres non era segura


É así 

que o nome é infranqueable 

e da súa contemplación ou teoría

florece unha escritura 

e outra

e outra?


que a escritura é franca 

e nela flúe todo o que é nacido?


que se espalla 

sendo o seu cómaro un múltiple de nomes ou nome 

todos eles insensatos

sen posibilidade de lectura

mudos?


tal as pétalas na corola 

así escritura derredor dos nomes


por iso podías desatender 

e preguntar polo nome do brión que medra en forma de estrela

ou alzar a vista 

e dar coa diferente 

a folla da sobreira


mira mira 


No estrelecer a túa voz confundíase coas voces armenias da cidade


Un pardal, era un alción, o azul do alción cortando as augas? 


Como a folla do loureiro

como un coitelo de sílex

así a sombra 

cando ningún dos cascos do cabalo 

apaxa a terra

como o sexo dunha ninfa

así o ventre da voz


así medrou a miña envexa sobre a morte 


Xuntos estivemos en Córdoba 

eras unha pomba no peitoril da mañá 

e en Nápoles 

eras Sorrento e Capri e o Pausílipo 


A noite foi un pano de seda 

estenderon o mantel nun oasis 

alí onde as ratas corren o tronco da palmeira 

cara ao seu fogar

arriba

xunto os dátiles  


Chus Pato





























sábado, 9 de xaneiro de 2016

Tres poemas de Andrew McMillan


Andrew McMillan (South Yorkshire, 1988) é profesor de escrita creativa na Universidade John Moores de Liverpool. O seu primeiro libro de poemas, Physical (Jonathan Cape, 2015), colleitou un éxito inusitado en Gran Bretaña, sendo o primeiro poemario en gañar o prestixioso Guardian First Book Award, dotado con 10.000 £. A crítica destaca a súa capacidade para ofrecer unha visión subversiva da masculinidade a través dunha poesía de corte limpo e directo.

Agradézolle a Francisco Cortegoso, sempre atento a todo o novo que chega de Europa no campo da poesía e do pensamento, que me descubrise a McMillan. 

















O tipo duro

O meu sobriño pregúntame se podo levantalo como se fose unha pesa
o novo amante de súa nai pode e levántao moitas veces

o meu sobriño que unha vez lle dixo ao meu mozo que era ilegal
o meu sobriño coa mandíbula e a voz do seu papá

o meu sobriño que di que eu quixen
tocarlle o paquete nunha ocasión

Inténtoo outra vez           Deixo que as súas salvaxes pernas
descansen na palma da miña man      poño a outra

no seu peito     e levántoo      porque
que é a masculinidade se non termar do peso

dun neno e dar o máximo dun mesmo?
aquí estamos      un home sostendo un neno sobre si

en horizontal      como unha ofrenda ao gotelé do teito
que nin sequera un grego menor atoparía digno de ser esculpido.


Mexada

Teño medo de bater con alguén mentres mexa
aqueles luns eu son un cabalo de carga    as miñas alforxas
pivotan arredor dos corpos que mexan
e algún día       ben o sei        baterei con alguén
e mexará polas pernas        ou xirarase un pouco
e amosaralle a outro home o que ten
ou caerá na súa propia charqueira coa súa húmida
e branda pirola    e ningún de nós mirará
ou el mirará para min coma se non mirase
finxindo interese nos duros azulexos de cor crema
talvez sucede que desexo que bata
comigo un estraño
brevemente durante este íntimo acto
o baño é unha intimidade
só compartida cos pais cando un é novo
e que se volve compartir cando un xa é vello
e tamén cos nosos amantes cando     por exemplo      un sábado pola mañá
alongando de máis o momento de ir ao lavabo
despertas co son dun gotexo nunha cunca
e vas abrazar o corpo espido
que está de costas a ti     e bícaslle o pescozo
e probas a totalidade da noite que hai alí
e cheiras a tenue perda amarela da mañá
e agárraslle todo coa man
e sentes a auga fluíndo dentro del
e sabes que iso é o amor    a carne mol
aquilo que expulsamos do corpo e retemos dentro.


Finalmente

Chegará o día en que
despertado polo xilófono
do sol atravesando as persianas
decataraste

de que a praia non foi o lugar
onde os cabalos arrincaron a area
nun lazo

de que o seu cheiro xurdiu
da última saba
de que non volverá

de que nunca choveu,
pero os paxaros fan como se chovese
así que poden cantar.





















venres, 20 de febreiro de 2015

Un poema de Yves Bonnefoy


Francisco Cortegoso volve á carga e desta volta traduce un poema de Yves Bonnefoy (Tours, 1923). O texto viu a luz por vez primeira en outubro de 2014, nunha tiraxe especial non comercial de 125 exemplares acompañados dunha litografía en cor de Farhad Ostovani, destinados ao Cercle des Amis de Éditart en Xenebra. Bonnefoy recuperou este poema na edición de La Grande Ourse (Éditions Galilée, 2015). As imaxes que acompañan o texto son do propio Ostovani. 


DENTRO, FÓRA?



I
Fuxir, si, por aí! Da beira do lenzo que seca.

Tantas cores! Esta camisa, encarnada, estoutras azuis. Estes brancos de toda sorte de branco. Esta luva de baño deitada na herba.

Rin. Xogan a ser de cor, a vestila. A lanzar unha bala de cor. Apañándoa no voo ou guindándoa un cara ao outro até arrincar con toda a forza o encarnado, o azul; alento precipitado, bocas próximas.

E agora este vento da tarde en toda esta roupa que abanea!

Unha saba despréndese, voará? Non, cae, retumba. Pasar entre eses dous outros grandes lenzos que restrollan, mollados aínda. Perderse no seu albo onde abanean sombras. Aí que corren o sol déitase. Aínda por pintar.

E xusto un pintor está alí, tras do seu cabalete. Unha barba amarela. Un sombreiro tido dunha man, a causa do vento. Da outra, se cadra a esquerda, tenta pintar.


É a variante deterxente. 


















II 
E se fose por aquí?

Unha porta, certo. Purran por ela e é o fóra. De certo fóra, o inmenso fóra plano, descoñecido, con animais ao lonxe que semellen pensar noutra cousa.

E aí, diante deles, un neno, aínda un, no alto pendurado dun muro, dediante do ceo. Ri, guíndalles xerseis, vaqueiros, un vello vestido negro, esgazado.

Ponde isto, dilles. Fano. Óllanse, saltan a rir, tamén eles.

E agora, subide!

De feito fórmanse marchas, soben. Velaí están sobre unha terraza.

E sobre esta terraza un outro muro desde onde o neno fica enribaaínda, moi axitado. O que fai? Adiviñade. Guinda fotos, en feixes que se espallan. Que triste, dilapidar estas imaxes! Branco, negro, toda unha vida.

Esta, por exemplo. Apáñaa!

É, mais é o meu avó!

Un rapaciño con colo de mariñeiro, en efecto, moi serio por mor do aro que lle confiamos durante o tempo da pose.

A variante fotografías. 














III
Esas voces, escoita!

Si, é alá no alto, na cima.

Desas árbores? De todas as árbores?

Como sabelo? Berra.

Non, ri.

Risos e berros a un tempo.

Agatuñados, eis, Deus sabe por que, ou quizá non, que Eva rubiu tan alto que volvéndose colleu vertixe. Adán, que de rama en rama a segue, tende a man. Os ollos pechos, ela alonga con risco a súa perna. A primeira man que coñeceu o mundo cingue esas dedas levemente empoadas. Descende, con precaución, ou ben non.

Vin, di ela.

O que entón?

O alén, vin o que está máis alá. Todo anicado. Nubes que non corren. Casas.

E regalar a Adán o máis alá, este froito da árbore.  Rubamos máis unha vez!

Ah, canta ramada e follas, canta froita! Apartan rama a rama para acceder a outras, sempre máis altas. Observan ao lonxe, desta vez xuntos. É a variante “vida certa”.

Non descenderán xamais. Nenos que xogan no alto, atizándose, con berros e risos como ninguén coñece sobre a terra.

Pouca atención poñen nas pedras que lles caen de perto destas non saben canto aínda máis altas. Son de diverso grosor, rebotan sobre as ramas, por veces pártenas.

É a variante cima das árbores.



xoves, 25 de decembro de 2014

María do Cebreiro sobre *Memorial e danza*


Francisco Cortegoso ou a política da serea

Cando menos desde Martin Heidegger, a filosofía contemporánea, en virtude dunha operación que Alain Badiou ten denominado “cesura”, caeu rendida ante a obra dos poetas, aos que considera portadores da verdade do ser, da que os filósofos quedaran desprovistos. Nesta tarefa de anotación poética ―dalgún xeito censurada por Badiou, pero á que el mesmo sucumbe―, o filósofo francés tense referido a Mallarmé no libro como “un pensador do drama do acontecemento” (Alain Badiou, Being and Event). 

O libro de Francisco Cortegoso que hoxe presentamos está traspasado, desde o título, por este drama, descrito a partir dun dobre movemento: o memorial (que poderiamos concibir, no esteiro de Pierre Nora, como emprazamento físico da memoria) e a danza, que engade ao libro o carácter performativo das palabras, entendidas como respiración e puro movemento. Por iso o libro condensa posicións que, nun poeta menos dotado, darían lugar a unha relación imposible: a que describe a colisión entre o poema-memorial (por exemplo, o último do libro) e a concepción da verdade, traída para Memorial e danza da man de Sade. Ao entender aquilo que outra época denominara perversións como pura fluencia natural do ser, Sade vólvese no poemario o perfecto reverso de Rousseau, do mesmo xeito que Marx fora o perfecto reverso de Hegel.


Outra cita de Alain Badiou debuxa con claridade a tensión aberta polo libro de Cortegoso, pois fala do escuro paradoxo que atravesa os “lugares do acontecemento” (evental-site, na versión inglesa da que traduzo): “O paradoxo dun lugar do acontecemento é que só pode ser recoñecido a partir daquilo que non está presente na situación na cal se presenta”. Isto devólvenos sen dúbida á tentativa mallarmeana de “atopar a verdade no vacío” e de “escribir un libro sobre nada”, que deu lugar á poesía moderna. E dicimos poesía moderna, e non posmoderna nin pospoética, pois dela depende o aínda non superado réxime estético da arte, de acordo coa concepción de Jacques Rancière ―o filósofo que, xunto con Merleau-Ponty, Alain Badiou e Slavoj Žižek, mellor se ocupou de Mallarmé.

No ensaio Mallarmé ou a política da serea, Rancière comeza por soster que Mallarmé non é un poeta escuro, senón difícil, e conclúe que a operación da literatura moderna consiste nunha petrificación da palabra que, curiosamente, viría ser a súa maior forma de estar viva. E aquí Rancière demostra ser un pensador astuto, porque forxa esta concepción da poesía moderna en conversa e combate con Sartre, que afirmara que os poemas de Mallarmé eran “eses versos nos que ninguén fala e que poden pasar por un ramo de flores escollidas segundo as cores ou por un xardín oriental de pedras, son en realidade puro silencio”. Escollo esta pasaxe porque no libro de Francisco Cortegoso as flores ―esas flores de pedra, sexan estas caléndulas, rosas ou calas (21, 24, 27, 29)― adquiren unha centralidade notable. Naturalmente, hai que ollalas como quen mira para fotografías de Mapplethorpe ou para os cadros de Georgia O’Keeffe ou para os corpos nus de Edward Weston. É dicir, estas flores son formas escultóricas, que se moven e non se moven ao mesmo tempo. Formas pétreas, igual que aquelas que o Dante quixera denominar Rime petrose, pois certos procedementos técnicos do poema foron creados só para chamar a morte. E por iso Francisco Cortegoso parte da epigrafía latina e vai deitando no libro, como advertencias, algunhas máximas. Máximas que son irreversibles, a diferenza do palíndromo redescuberto por Guy Debord: “In girum imus nocte et consumimur igni”. Porque a escritura epigráfica ten dereito pero non ten revés, e non está só escrita nunha lingua morta, senón que, por estar escrita sobre a pedra, é ao mesmo tempo escritura funeraria, escritura sobre a morte e o silencio.

A vinganza de Rancière fronte a Sartre consistiu xustamente en escoller o termo “revolución silenciosa” como característica da literatura moderna, termo que Sartre usara como insulto para se referir a Flaubert e a Mallarmé. Sartre denunciara o gusto de Flaubert polos poemas en linguas mortas chamándolles: “palabras de pedra que caen dos beizos dunha estatua”, e Cortegoso segue a Flaubert, e non a Sartre, cando invoca a Cocteau, e a súa noción da especificidade da lingua do poeta, capaz de falar un idioma que poucos coñecen. Sartre di dos poemas de Mallarmé que “florecen solitarios nun xardín agochado”, pero o que nos din tanto Rancière como Cortegoso é que non hai que temerlles nin aos xardíns ―imaxes da simultaneidade do interior e do exterior do corazón humano―, nin ás estatuas.


Ben é verdade que todos os teóricos do poema moderno subliñan a imposibilidade esencial do libro absoluto, que máis dun século antes da revolución silenciosa de Mallarmé xa fora imaxinado polo romanticismo de Jena. O mundo non foi escrito para ir parar nun libro, pola mesma razón pola que Martin Heidegger non puido rematar a obra Ser e tempo. Esta é a causa pola que, malia as súas notables diferenzas como filósofos, nin Rancière nin Badiou (Merleau-Ponty e Žižek escapan un pouco desta lóxica) son de todo compracentes coa procura mallarmeana. Levaba razón Gonzalo Hermo cando advertía de que no libro de Cortegoso non falaba ninguén, pero tamén podería argumentarse que quen fala na poesía moderna é o propio poema. E a violencia do diálogo de Rancière e Badiou con Mallarmé arrinca da constatación de que o baleiro creado na páxina acaba por devorar non só ao poeta, senón tamén ao poema.

Ningún destes perigos fan sucumbir a Memorial e danza, precisamente pola dobre dirección que escolle a súa palabra, e porque nesa lingua da que fala Cocteau por boca de Cortegoso ―esa lingua nin morta nin intelixible―, non é exactamente aquela coa que están escritos poemas como os da páxina 15 ou o da páxina 25 e 26. Este libro ten múltiples virtudes, e entre elas cóntase a de desmentirse a si mesmo. Dividido entre unha orientación rítmica e unha orientación escultórica, Memorial e danza mostra tamén a posibilidade dunha intersección entre estas dúas paralelas condenadas a nunca se xuntar. O que acaso sexa a peza maior do libro, situada entre as páxinas 31 e 32, así o demostra. 

María do Cebreiro

[Texto lido na presentación de Memorial e danza no Medusa de Compostela, o 17 de decembro de 2014. No acto participaron Claudio Pato, a propia María do Cebreiro e mais o autor].

martes, 23 de decembro de 2014

Claudio Pato sobre *Memorial e danza*


No corazón de Europa.
(notas a propósito de Memorial e danza de Francisco Cortegoso)


                                                             para Xonás, que no 2016 terá “cumprido” un ano


“Un texto non é un texto máis que se se esconde á primeira mirada, ao primeiro chegado á lei da súa composición, á regra do seu xogo”.

“Só preciso ler, só me interesa ler, para no caso incluso poder pensar, escribir. Deixarme nos ocos”.


*Resultoume severamente complexo ler onde Fran (non) escribe.  Ler o non escrito, o territorio. Aquilo que non se canta pero que deixa vir á cantiga. Deixando así  á lectora, ao lector nas marxes para a intrusión da súa (in)propia lectura/escritura que tanto terá. O lugar onde o con da escrita se adianta ao se espazar en extremo. Iso que para min fai deste libro exquisitamente escrito ao inventar o “autor”, un autor mestizo e contaminado polo afora, unha gramática propia, ao el a si  expropiarse, lanzarse en envío fóra de si mesmo.

*Precisamente, seguindo a Gonzalo Hermo, o “eu poético” era un límite do poema. Poesía, entón, no intransferible da man que porta, “como un principio de escrita”, o oco por onde ELA respira, xoga, deixa pasar, retrae, exponse ao estremarse.  Ao estremar a vida deixándolle lugar, espazo: o conflito, o disenso por dicilo con Rancière.

*Pensamos que Fran apenas escribe pero escribe.  E como escribe! Porque nós, lectoras, non sabemos cara a onde vai dobrar a corneta, nin quen vai tocar coas palmas dos pés descalzos os “mirábeis tardiamente madurecidos” aló na “Rue Beauregard”. Por iso que esta escritura toléanos, tólease ela mesma por estremarse. Por deixarse nos ocos ao ela devolver “unha exacta proporción de auga” repetidamente baixo do sol, cando se espaza. CORPUS

Claro que escribe, pero nunha lingua “nin viva nin morta”. Escribe o territorio ao tocado dos humildes, unha escritura  tocada, en derrama, desmembrada, en caída. Tocada, logo, esta escritura polo abrirse a si canda o outro que re-trae para apenas cubrir o lugar deixado. Para así deixalo en aberto para nós. TOUCHER




PERO non estou logo eu clareando nada, no entanto certa hermenéutica fala de comprensión, explicación e interpretación á hora de clarificar o claro-escuro. Mais eu non tratei de comprender nada para logo poder explicar aquí algún tipo de estrutura ou retórica referida á escritura que vén canda  Memorial e danza. E menos tratei ao fin de interpretar. Polo tanto non pensei nin escribín en tal sentido. Esta vía de coñecemento só trataría, se así se dera o caso, de situala aquí por escrito, de urbanizar o territorio Cortegoso como quen tratara de urbanizar Rosalia, Fassbinder, Celan, Artaud, Genet ou a Duras. (E claro que se pode).

“Só preciso ler, só me interesa ler, para no caso incluso poder pensar, escribir. Deixarme nos ocos”.

Entón poderiamos pensar que en Memorial e danza se escribe sobre a premura de pór en escena o desaxuste do noso tempo, e se escribe xustamente desde aí , tratando de axustarse ao desaxustarse, precisamente ao deixarse tocar polo afora, ao exporse ao que esta operación opera.

E entón poderiamos dicir tamén que Memorial e danza é un libro que procura temporalizar o espazo e espazar o tempo, para que xustamente nesa operación se poda dar, se fose o caso, o que de acontecemento vén canda ela con todo o real que a estrema.

E entón tamén poderiamos dicir que en Memorial e danza non hai silencio(s), en todo caso territorios : “Se digo que hai beleza no xiro que desprega a dalia; / se digo:  olla ese neno que pendura da figueira; / digo o territorio”. Corpos, atravesados, entreverados, con-entre-cruzados de turbulencias. Quizais un ruído negro aquí no libro que lemos tratado canda unha lingua pos-humana que, no entanto, o pon en escena dándolle, iso si, acubillo por mor dun saber retórico fóra xa de toda violencia fonocentrada. Aquí esa idea de que o libro contén certa repetición sen repetición, certo traballo agochado de AMOR.  “Lixadas do pó que achegara a si, / aquelas uñas grosas e arqueadas / como unha resoluta revolución / corporal / que deslinda”. 

E tamén poderiamos dicir que  todo en Memorial e danza está transido polo transcorrer do sangue clorofílico.  Ao contacto dos corpos coa luz dos outros, incluso coa propia exapropiación hermafrodita. Que fai do poeta un animal  do  afora, ao sobrepasar a realidade sinxelamente presente por vivir no real na dirección do imposíbel.             

E poderiamos dicir que en Memorial e danza  se dá  un asunto ao que, seguindo ao detective Delmiro Rocha, chamarémoslle exapropiación: un exceso dobre, un exceso sobre a propiedade do propio. “Un dobre movemento no que me dirixo cara ao sentido coa intención de apropiarme del, pero á vez sei e desexo, o recoñeza ou non, que siga sendo estraño para min, transcendente, outro, que fique alí onde hai alteridade”.

E tamén, incluso, se nolo permitides, poderiamos dicir que Memorial e danza é un libro queer. “Un único órgano / emerxente e central, / hermafrodita e de polución intensa, / a onde levar este baciamento / da cunca en que bebemos.”

E se en Memorial e danza se dese unha tal relación, meu querido Xonás, que deixa a marca leve da ave. Real espazamento do tempo e real temporalización do espazo. Unha relación cunha fronteira. María, pero non como parábola, como nos adianta o tal Hermo, non, senón como REAL A SI. Alí, aí, aquí. “por se devolver ao mundo” esta escri(a)tura, meu Xonás. Este a si de seu estar fóra.

Poderiamos seguir e despregar estas notas para así seguir lendo Memorial e danza. No entanto,  quixera para rematar pór aquí unhas palabras que Jacques Derrida lle adica ao poeta Francisco, dixo del que a “exactitude” é a súa palabra, a “esixencia de chegar ao último extremo”, a esixencia que o leva a querer “tocalo todo” e que non desexa renunciar a nada, nin sequera a palabras “incríbeis” como alma ou espírito, corpo, sentido, mundo, comunidade, liberdade, amor…

                                                                             Praia de Oza (A Coruña) outono 2014

Logo do escrito: “Lean Cortegoso, o planeta ben o merece”.


[Texto lido na presentación de Memorial e danza no Medusa de Compostela, o 17 de decembro de 2014. No acto participaron María do Cebreiro, o propio Claudio Pato e mais o autor].


xoves, 6 de novembro de 2014

Un poema de Éric Sautou


Desde París, Francisco Cortegoso traduce para este blog un poema longo de Éric Sautou, até agora inédito nas linguas dos Pirineos para abaixo, pertencente ao seu último libro, Les Vacances, publicado en 2012. Sautou naceu en Montpellier en 1962 e é autor dunha decena de libros, entre os que se atopan, ademais do mencionado, Le Capitaine Nemo (1998), La Tamarissière (2006) e Frédéric Renaissan (2008).



























Non temas máis, di o corazón.
Virginia Woolf, Mrs Dalloway.

Escribo as palabras que vexo.

De en pouco vai nevar, folerpa xa.

As palabras permanecen tan simples.

El conta cos seus dedos até doce; velaí! pensa cando, un despois do outro, ergueu os seus dez dedos; dous a sumar recomezamos, todos os dedos repregados e un fai o polgar, dous o anular, eis os doce. Resulta pasmoso, números e dedos, e que dúas mans non poidan senón dez, o número dez, non máis alá.

Sabes, a casa está alumada – aínda.

(Unha pequena moi pequena casa.)

Poema: a pega
dille ao peixe
peixe
eu son a pega

Escribo as palabras que vexo.

Consólanos.

A convallaria.

Neve, aldea soñada.

É a lúa (pasando).

As flores máis sinceras.

Consólannos.

Neve, aldea soñada.

Flores (o trevo frío).

As flores.

Bolboreta (encontrará a saída).

Cando o vin pensei: velaí!

O mundo en nacemento.

A miña casa, Señor, non alberga a verdade; lin nos libros que a miña casa, Señor, non alberga a verdade.

Todo é negro todo de redor.

Escribo porque non estás aquí teño medo que xa non esteas máis aí sei que che escribo e xa que logo sei que te escribo.

Sobre todo non adormezas.

Consólanos.

Debilitado (sentado perto do lume). A súa tribo obsérvao quen se afastan (sobre a barca estarrecidos). El ve as lombas, a súa casa de pedra, a súa tribo (dispersa ao amplo dos campos).

Consólannos.

Poderiades, como moitos fixeron, tentar coñecelo (poderiades mesmo consideralo amigo).
El escribe historias que non conta a vontade (aquela da oca por exemplo).
O que el prefire, guindar o pastel tenro e a cor vello rosa; son os animais (todos os animais).

No resplandor das rúas os álamos.

Consólanos.

Teño frío, a cada pouco máis (consólanos).

Andoriñas no serán.

A convallaria, a mimosa.

Sobre todo non adormezas.

(É particularmente certo as estrelas.) 

Vinte e catro mariñeiros apiñados á corda.

A neve pousa no nada (ouvimos respirar).

Obxectos apracíbeis, abandonados.

As mans xeadas baixo a almofada.

Soños (que non lembramos).

Nós somos radiantes, abandonamos o noso sol.

Ínfimos fulgores.

A neve cae (cae).

Ínfimos fulgores (ouvimos respirar).

Somos (privados).

Isto só aconteceu tempo atrás.

Teño frío sobre a pel.

Ouzo.

A respiración.

Trazo duras pegadas.

Téntoo de pés nus sobre o vidro.

Hai que asubiar ou chifrar (vibrar como as cousas).

Ler, escribir, (ceo anubado niño de palla).

Azul e amarelo (verde mazá).

A bondade.

Os paxaros, sempre outros, altamente conmovedores.

Flor (que non lembramos).

Flor da silveira.

Unha flor na distancia (ouzo bater a chuva).

(Veredes que é sempre cando chove.)

A bondade.

O vagar.

As árbores (xemendo).

Ler, escribir (recordos minúsculos).

Todo é negro todo de redor.

A lúa (que chamabamos a lúa) deveu a noite.

O pío, aí que guindamos pedras (razón que apareza).

Unha flor, é esta (ou Pedras entre a neve).

O que escribes desde tanto tempo atrás?

A miúdo ouvía tocar o sino.

O enorme edredón.

Milleiros de abellas, unha flor enxoita, as soleiras, as oliveiras de estío.

Decidía entretanto que non habería máis laios non me compadecería xa máis.

Non trataba doutro que de ti e de min. (Verlaine.)

Voluptuosidade sen suspiro fiado á miña orella. (Coralie.)

Onde non chegará a sorpresa de me ver deste xeito acariñarche a meixela. (Coralie á bela Clément.)

Os castelos de area fría. (Rhoda.)

O meu caxato, as miñas flores, abandónoas. (Lenz.)

Nubes que pasan. (Rhoda.)

A árbore abatida a auga devóraa. (Lenz.)

A auga volve fría, o ar é frío. (Rhoda.)

A miúdo falo só.

Gosto desta foto, aquí, esta.

As cousas avellentaron sobre a cómoda.

Pode nevar, chover, ou non.

Vagalumes e reloxos de area.

Mais nada que a penas adiviñados, antigos cafés profundos, árbores negras, esfolladas, un tapiz esponxoso, crepitante, que esa que pesa sobre esoutra pousada na terra, non ouve senón repentinos ladros silenciados, asubiando – e como así tornan.

Ler. Escribir.

Como unha flor de tinta despregada do papel (aínda que peche os ollos...).

A poesía (“...e sentín por un pouco o seu inmenso corpo” Arthur Rimbaud).

Durmo.

As flores que vos enviamos (as cousas belas) as árbores (delicadas).

Nas flores malvas (flores e follas mortas) chove sobre a terra sobre a herba chuva observo a chuva.

Até cen.

Logo é certo nada mudou?

O rebote, o escuro eco.

Non estou só sentado en voo na dorna.

Fastuoso xogo de lampos.

Pasada a treboada fixo bo no serán.

Reabrir a vela – a reaparición.

As bolboretas (baten infinitamente).

O ultramarinos (de Félicie).

Fun o vello neno por caso.

Suma toda un aborrece máis ben.

Certo tesouro moi antigo.

Unha árbore en si (de son vivo).

Lagarto (desamparado).

Unha neveira de polistireno azul, un pelador, un reloxo de cuco, unha botella de refresco.

As cigarras (regálanse un recital).

(De igual xeito a poesía non quere que pousemos.)

Sorte de paisaxe última: o mar.

As flores do cardo (elas tamén tiveron a súa parte).

Nubes (esfiadas).

Fóra vai menos frío.

A dozura (de rematar).

Lémbraste de min?

Ao que chegarás?

Nós non chegaremos alá.

Xa pouco non chove.

Por veces aborrezo un cacho mais non ten importancia.

Eu non sei nada cando escribo.

Non estamos mortos.

Véxote na imaxe.

Oi, acho que vou partir.

O outono e mais o inverno.

Pequeno home sen palabras, sen música, sen nada.

Sentado sobre un banco no peirao – silencioso.

A dozura (de rematar).

Son os balóns, os chapeus (son flores estrañas).

Após, cada un de nós desaparece.

Recordo de amizade.

As palabras son as mesmas.

Vémonos menos coido.

Escribo para estar aquí.

Todos os cardos, a sorte de azuis, a luz do verán sobre o gran papaventos.

Logo é certo nada mudou.

Endexamais voltamos a nos ver.

As palabras suplementarias.

Chove (de paso).

Os meus poemas fan vellos no marco.

É un camiño que atravesa e nos leva (sós e sen palabra)

Chove (de paso).

O mar está calmo.

O mar é máis escuro de súbito.

Pensei que sería bo escribilo.

Podo sentar baixo o ceo (escribo).

Vexo reaparecer (e mais non dixen xa palabra despois).

Se xa pouco non chove e é máis doce.

Ela abandona.

Volta.

Nada non unha nube.

Si de acordo é si.

A árbore deixa caer os niños
Leves sobre as follas
Tranquilas as augas

Ser (baixo o abrigo).

Aqueles que, alí, sobre a praia, non poden xa máis nada por vós.

Soño adormecido.

A Tamarissière.

Oración.

Mil cousas.

O meu corazón (bate aínda perto do corazón). Silénciome. (Silénciome, escoito.)

Tiramos dos pés as sandalias descendemos.

Escribir non o di máis, amar non é de certo.

Estamos no bordo avanzamos.

Camiñar, camiñar aínda.

Entrar (no primeiro cuarto escuro).

Cego perto das voces.

Oración.

É unha oración (unha oración aparentemente).

Dúas flores reabertas na auga (lentes de flores).

Descenden das montañas, roldan as ribeiras, agardan que apareza. (Os animais sofren.)

Anacos de madeira, montes de cousas en equilibrio.

Coios guindados ás nosas portas.

A herba e o orballo.

Manteis no interior, incensarios.

O vestido de ouro e o sobrepeliz.

O que resta de lume.

Soprar a chama.

Isto é o alumado (é prendido) longamente as vagas  (a chuva).

Neste movemento de estrelas (e nós aparecemos) son as palabras que deseño esquecémolas.

Fun supersticioso sen exceso.

Vixiado (protexido á vez).

O pouco en todas as cousas.

Eu non amaño, rexeito.

Cada unha das palabras (redescuberta).

Un tren parte (logo desaparece).

Podo camiñar (e desaparecer).

Feble flor.

A agua (nos meus zapatos).

O gran ceo.

Vin, nun lampo, o relampo, golpear, todo o horizonte negro.

Todo é negro de redor.

So pena de ser acordado.

Teño frío baixo o meu pucho.

As vagas.

As vagas.

Chove olla chove.

Desapareces (e incríbel nada é máis silencioso).

Contra as palabras na evidencia.

Encontra a rima.

Chove.

O tranvía é alumado baixo a chuva.

Contra as xanelas, sobre as palabras da palabra amor, na velocidade, encima embaixo das pontes.

Cuarto de inmoble, negro de luz, abaixo como a agua.

Xamais eu apago.

Pedir un desexo.

Seriamos lanzados ao baleiro por nós mesmos.

Todo un anaco (de muro estrelado).

Luminoso sobre a baía abre en arcos.

De costas baixo a cúpula.

A miña mai non é máis que o amor mais alí demoro.

Soños que son voces (gosto de dicilas todas).

A resistencia cede.

Poalla.

Poema: o pombo torcaz (ela mesma sobre a vella árbore ruiba...).

Os paxaros non saben nada. (Así mesmo un cabalo non ten imaxe.)

Soño.

Dunha carta de meu pai (recibida por correo: “O primeiro soño”)...

Poalla.

De abrigo negro e gardachuva (nós eramos un baixo os tres gardachuvas).

Ou ben entón peixes (que mesmo debuxados non son visíbeis).

Íllome no cerne e avellento.

Vamos guindar pedras caen máis unha vez.

Non é preciso que morra, non é preciso que morras.

Agardamos a neve (foi anunciada).

Reabro finalmente os ollos.

A neve inmensa.

Olla como neva (a neve inmensa).

Longamente respirei.