Amosando publicacións coa etiqueta Hölderlin. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Hölderlin. Amosar todas as publicacións

domingo, 28 de setembro de 2014

Os inocentes: un libro, dúas citas


Este poema está noutro poema.
María do Cebreiro
Non queres que o poema te coñeza (2004)

Este poema está neste poema.
María do Cebreiro
Os hemisferios (2006)


Se hai poetas que citan a mans cheas coa única finalidade de prestixiaren o que escriben, María do Cebreiro é autora doutra pasta. Os inocentes vén reafirmar o apego da poeta a non establecer xerarquías entre o texto que cita e o que compón, talvez porque á escolla deste determinado fragmento (deste libro e deste autor) lle outorgue as mesmas dimensións ca o do proceso creativo propiamente dito. E así é, que nela non hai nunca referencia baleira, referencia, digámoslle, art decó. Os inocentes ábrese e péchase con cadansúa cita e un pensa que se se decidise prescindir dalgunha delas o libro ficaría igual de coxo ca varrendo os poemas que circulan polo medio.


Quixera comezar reparando na cita final, pois semella que todo o libro fose escrito para desmentila. Asínaa Heidegger, nin menos nin máis. Heidegger, como se sabe, é o principal e máis equivocado dos hemeneutas de Hölderlin e María decidiu recoller precisamente un fragmento da sentenza primeira de Hölderlin e a esencia da poesía, que remata dun xeito, cando menos, rechamante: “A poesía é ineficaz e inofensiva. Que pode haber menos perigoso que a linguaxe?”.

Basta coñecer un pouco a obra de María para sabermos de antemán que ou ben decidiu entoar o mea culpa e dar un xiro radical a todo o discurso de seus anos ou ben a usa cunha finalidade retranqueira. Desde logo, a linguaxe bailando dentro da carne que nos presenta nun dos poemas dificilmente encaixa nesa dimensión inocua que Heidegger quixo para ela. Coido que neste punto hai que valorar a posición ético-estética da autora contra as chamadas “poéticas da comunicación”, o cal a afasta inexorablemente do miolo da poesía dos 90. Para María do Cebreiro a poesía non é un xeito diferente e fermoso de comunicar, senón unha vía de acceso ao coñecemento, e de aí que os seus poemas tendan ao aforismo e adquiran a forma da reflexión e da pregunta.

Dalgún xeito, escribimos para que o libro nos fale, di, e un imaxina a poeta asistindo pampa ás descubertas que lle revela o libro que asinou, igualiño que se se tratase dunha lectora máis. Na súa concepción, daquela, o poeta non sería creador, senón apenas a canle para algo que desexa e pode ser dito no idioma. Contra a posmodernidade, a autora revaloriza o concepto de verdade e sitúa a poesía ao seu carón, senón revelándoa en forma de palabras, si facendo as preguntas capaces de mover os marcos do noso acceso á realidade. Bater na porta do mundo para que non durma.

Poesía que desatende a eternidade e olla o mundo pasar, poesía, por tanto, histórica: temporal. Dinos María que nós somos os inocentes, non por sermos necesariamente bondadosos, senón máis ben por definirnos a nosa situación de impotencia. A fórmula exacta do que supón vivir cos ollos abertos estes violentos anos dez.

A cita que abre Os inocentes, un fragmento do Diario de Roché, funciona no conxunto como unha sorte de nota mental que nos recorda: ollo, non vos despistedes, este libro é un libro sobre o amor. E así semella concibido, como un diálogo co amante que foi e xa non é, pensado desde a lucidez que proporciona a distancia, o tempo. Penso, e podo equivocarme, que a chave de acceso ao amoroso que aquí se nos propón é de matriz lacaniana. Amar, dicía Lacan, é dar o que non se ten a alguén que non o é. María fainos intelixibles as palabras do francés en tres versos memorables: Aprende que ninguén / nos dará nunca o que buscamos / e que esa fenda é o único que temos para dar.


Había que facelo. Falar do amor a través da poesía sen a exposición sentimental que caracterizara o lirismo. Por iso neste libro hai algo novo que vai cos tempos. E por iso cumpría que se escribise. Hai que celebralo. 

xoves, 15 de maio de 2014

Memorial e danza, de Francisco Cortegoso

«O triunfo do ego é o triunfo da poesía», anunciaba onte un medio dixital para celebrar a chegada do primeiro libro de poemas dunha escritora española nova, Irene X. A xulgar pola experiencia desta rapaza, que tiña colocados 4.000 exemplares antes de que o libro saíra do prelo, a fórmula do éxito parece clara: o poeta novo ha de se converter en personaxe de culto e o poema na vía de acceso á súa vida privada. Noutras palabras, becoming Miley Cyrus e que o libro sexa a Super Pop.

Pois ben, quixera eu aquí saudar a estrea literaria de Francisco Cortegoso, Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé 2013, xustamente co lema contrario: «A morte do ego é a vitoria do poema». Probablemente Memorial e danza non chegue ás cotas de mercado da tal Irene X, mais el si pode alcumarse orgullosamente de novo.


Penso eu que se existe a posibilidade dunha post-poesía, dun discurso poético que vaia alén das estremas do lírico, Memorial e danza se situaría aí, abrindo camiño con brazada firme, tan segura que pode sorprender a quen ignore o traballo de Fran coa escritura desde hai tempo. Non hai neste libro un incipit; antes ben, atoparemos unha manchea de versos que evocan un final, a meta dunha viaxe a través das posibilidades e límites do poema. O resultado de anos de procura e reflexión, ensaio e erro, escrita e lectura, labor. Memorial e danza é un libro de madurez, por moito que a man que o escribiu non chegue aos trinta anos.

A enunciación pasa a un segundo plano. Non importa aquí quen é o eu que fala (cando o hai), tampouco a quen se dirixe. A pregunta pola voz, central na reflexión sobre o poema desde o Romantismo, deixa de ter sentido. O suxeito esvaece ao tempo que comparece o poema, na súa maxestade, coa potencia dun corpo. 

Coido que a proposta que subxace en Memorial e danza asenta, esencialmente, en negar a mímese. Leo no libro e aprendo a lección: un poema non re-presenta, non volve presentar o que xa é. É. Deste xeito, convén non sucumbir á tentación da parábola. Onde Francisco escribe rosa, corazón e xardín léase rosa, corazón, xardín. Non hai símbolo – nada que no texto remita alén de si. E, no entanto, o poema fala de nós nun sentido que transcende a visión de curto alcance, o anecdotario do estar-aquí, agora. A poesía foi visión e pode volver selo. Hölderlin, Celan, Chus Pato. Escoller ben os mestres tamén é sinónimo de talento literario.


 Memorial e danza non fai concesións. Como Oriana Méndez, Daniel Salgado ou María do Cebreiro, Cortegoso é poeta que refuga dos excesos sentimentais, talvez consciente de que tal recurso opera na dirección de conquistar pola vía fácil a aprobación do lector medio. Poeta de técnica, de cabeza, que escribe escoitando o ritmo do corazón, pero non sacumbe ao seu embate cando comeza a latexar demasiado forte. Quere dicir e di. Melodía e palabra ata dar na fórmula precisa, aquela que o poema revela no seu estilo artesanal, de manufactura.

Memorial, porque un poema é economía da memoria, que dixera Derrida, escritura e recordo. Danza, que tamén valería dicir o movemento, a acción, o corpo humano avanzando contra o transcendente, contra o absoluto. Nin máis nin menos. 

Fran escribe:

É sorprendente
non a noticia circundante para cubrir
a imaxe dun furacán atravesando América Central
ou o Caribe,
mais a compracencia con que o vento
vindo do Norte este día de xullo
trata as pólas do plátano nun xardín de Europa;
e non o voo dunha gacela sobre os campos etíopes
atravesado na boca dun guepardo;
e non a portada de National Geographic
testemuñando o cultivo de arroz nas montañas de Indochina
tras o ciclo do Monzón;
e nunca o tempo achegado do Imperio Macedonio
porque eles xa contemplaban este ceo nocturno;
porque hoxe me inquieta
só este compasado movemento
sen retorno.

Hoxe, ás 21:30, en Fene, dámoslle a benvida. Presenta: Antón Lopo