Amosando publicacións coa etiqueta arte. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta arte. Amosar todas as publicacións

domingo, 19 de xaneiro de 2014

Her

É unha película redonda. En todos os aspectos. As sinopses que circulan pola rede, de aparencia naïf, non lle fan xustiza. Paga moito a pena.


Claro que Spike Jonze xoga no campo da industria de Hollywood e iso debemos telo en conta. Hai liñas vermellas que non se poden cruzar. No entanto, el sitúase nunha vertente creativa sensiblemente distinta á doutros realizadores de culto norteamericanos, como Tarantino ou os irmáns Coen, sempre voltos á revisitación (máis cá transgresión) dos xéneros cinematográficos dos que en cada caso gustan. En Jonze hai un rexeitamento claro do recurso ao pastiche como ferramenta de construción artística e, polo tanto, a confianza nalgunha posibilidade de vangarda para o cine. Quedan opcións por explorar máis alá daquilo que, desta volta para a literatura, Genet alcumara como “a arte de facer o novo co vello”. Por aí falan da New Sincerity e da morte da ironía posmoderna. Pode ser. En teoría política chámaselle progreso

Manuel Antonio expresouno cun Máis alá! Un artista que se nega a si mesmo a posibilidade teórica de construír algo novo é, en realidade, un artista conservador.

Penso que así se deben interpretar os primeiros traballos de Jonze, especialmente Being John Makovich. Porén, se nese caso o esforzo por anovar era máis “de feitura”, estoutro é definitivamente significativo. Her é unha reflexión sobre o duelo afectivo, ben inscrito na época de relacións líquidas en que vivimos. Tamén é unha toma de partido. Unha especie de bomba no corazón da ideoloxía amorosa made in Disney. Fronte a esa rama da (bio)política da parella-para-toda-a-vida que nos anima a odiar @s nos@s ex, Spike Jonze aposta, tamén aquí, pola banda anovadora. Forma e contido camiñan de mans dadas. Hai algo que fala de visión no seu traballo.



Anda na quiniela para os Oscar e é probable que leve o de mellor guión; con algo de sorte tamén o de mellor actor para Joaquín Phoenix. Dubide que pase de aí. 

Son moitos anos de true love e esas cousas. 

http://www.youtube.com/watch?v=qkW2GmFOSOE

domingo, 28 de abril de 2013

María Antonieta



Son conciente de que refugo do seu cine cunha virulencia que non se xustifica en termos de calidade artística. Non é tan mala. En realidade, nin sequera é mala. Sophia Coppola ten demostrado que sabe dirixir e non lle coñezo unha cinta en que non manexe con acerto o tempo da narración. Marie-Antoinette, biopic da arquicoñecida raíña de Francia, está aí para demostralo. Hai quen di que é un filme lento como unha tarde de domingo, pero esa afirmación non me parece xusta. Estou falando de técnica narrativa, non de horas de metraxe.

A ver se me explico. En Marie-Antoinette, a Coppola o que lle interesa relatar é a vida diaria da corte, o luxo e os excesos. O foco pono aí. A cinta transcorre entre festa e festexo, pasteis de crema e champaña, xogos de naipes e decorados rococó. Algún que outro anacronismo e música indie para encetar a trama. De acordo. Un pode gustar ou non desa escolla, pero o certo é que o filme avanza incólume ensarillado na súa propia coherencia interna. Que sucede cando a directora, por verosimilitude histórica, se ve obrigada a contar determinados aspectos da vida da raíña que non lle interesan o máis mínimo (precisamente porque se afastan dese encaixe hedonista que quixo darlle ao filme)? Pois que consegue pasar por riba deles cun éxito sorprendente. Un par de secuencias e un cambio de cadro sonlle suficientes para contarnos a morte do primoxénito e a dor de María Antonieta pola súa perda. Como non aplaudir? Contra todo prognóstico, os seus trucos diexéticos funcionan e é aí onde Sophia Coppola se descobre como a gran contadora de historias que talvez sexa.


No entanto, hai algo que me repugna neste filme e coido que teña máis que ver co pouso ideolóxico que deita ca coas súas cualidades formais. Dicíao antes, un pode estar de acordo ou non coa selección de episodios biográficos que fai a directora. Pois ben, eu non estou de acordo.

No filme sabemos que María Antonieta sufriu o indicible por non ser quen de consumar o matrimonio. Sabemos tamén que foi vítima de todo tipo de invectivas, odios e intrigas cortesás. Mesmo a recoñecemos como unha muller leal e valente, que se nega a abandonar o seu marido cando o pobo está a piques de tomar o palacio. Só secundariamente asoman retallos de crítica á súa situación privilexiada, á súa orgullosa falta de sensibilidade cara a un pobo que morría de fame. Bastaría unha guillotina a modo de peche, a cabeza da protagonisma roldando polo patíbulo na escena final, para que toda a explosión de opulencia e suntuosidade lle fose perdoada. Un golpe de realidade no medio da fantasía. Pero nin iso nos é concedido. A película remata cunha María Antonieta melancólica despedíndose de Versalles a bordo da carruaxe. Un final tipicamente new age.


A lección que se desprende do miolo da súa obra é sempre a mesma: los ricos también lloran. E a máxima subseguinte: conformádevos coa vosa miseria. O que me molesta desta directora é non poder censurala con argumentos estritamente artísticos. Poder dicir “é mala con ganas e, ademais, o seu cine é neocon”. Porque, sendo honesto, só acredito na segunda parte desa afirmación. Salvando as distancias, pásame con ela algo semellante ao que me pasa con Pound, incorrexible fascista que escribiu algún dos mellores poemas que teño lido. As boas intencións, de seu, non crean arte. As malas, algunhas veces, conségueno. 

sábado, 27 de abril de 2013

Lampíricos



Lampíricos pertence ao xénero das obras grandes, esas que teñen a capacidade de botar abaixo o noso edificio persoal. E, no tanto, rin. Lopo lanzábanos un a un os poemas como se fosen tiros na cabeza e eu ría moito, ría con ganas e en alto. Ría á esgalla e aínda me contiven de rir máis. Había unha parte do público ao que o espectáculo non parecía facerlle ningunha graza. Dúas ou tres veces durante a obra me preguntei ata que punto eu non era simplemente un cínico. Logo, cando acabou, cando volvín á casa e comecei a dixerir aquilo que viña de escoitar, reafirmeime na actitude que mantiven durante o recitado. Porque, tal e eu como o vexo, o riso xoga un papel central no proxecto e, polo tanto, quen non ri está perdendo algo. Un comprende que as escenas que Lampíricos recrea desperten nunha parte do auditorio máis conmoción ca hilaridade. Pero talvez a obra, como se dunha peza de teatro do absurdo se tratase, veña ensinarnos que ambas actitudes non son irreconciliables. O humor non funciona en Lampíricos do mesmo xeito que o facía nos produtos máis paradigmáticos da posmodernidade estética (un salvoconduto á continxencia do discurso que se ofrece); antes ben, consolida o contido ferinte do que se está a relatar. É un riso que desestabiliza, que obriga a cuestionar a posición que mantemos como suxeitos na rede que enfía a maioría social ás estremas do sistema. Hai coherencia entre o contido e as ferramentas literarias que o canalizan. Vivimos nun mundo cruel; o humor de Lampíricos non podía ser reconfortante.



Estades a tempo de vela. Cun pouco de sorte queda algunha entrada para o pase de hoxe ou de mañá. Galería Dispara da Estrada. Ás nove da noite. Cando os vagalumes comezan a alampar.