Amosando publicacións coa etiqueta Cannes. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Cannes. Amosar todas as publicacións

domingo, 5 de maio de 2013

Melancholia


[Esta entrada tamén podería titularse “Sobre por que me gusta Melancolía e por que non me gusta tanto o primeiro Lars von Trier”]



Xente que viu Melancolía comenta na blogosfera que non é quen de seguir o fío que o director supostamente nos propón a través do inconsciente profundo Freud chamaríalle id de Justine, a personaxe que protagoniza a historia. O problema talvez radique en que eses espectadores están buscando no filme as claves actoriais da produción de von Trier anterior a Anticristo: unha liña ben definida entre o que temos que amar con vehemencia e o que debemos rexeitar sen miramentos.

Dicíamo un colega o outro día e estou de acordo. As personaxes de Melancolía son, ante todo, arquetipos. Máis ca abordar unha análise prolixa do comportamento dunha mente vítima da depresión idea que subxace en boa parte das críticas que circulan pola rede, o que parece interesarlle ao director é presentar a conduta paradigmática de determinados tipos sociais ante o acontecemento.

O acontecemento é, por suposto, a colisión do planeta Melancolía contra a Terra.

Nesta orde de cousas, Justine sería a representación da outsider, o prototipo da inadaptada. Ao cabo, ela diferénciase do resto da contorna en ser a única que se nega a aceptar as normas, regras e prohibicións da estrutura sociocultural Freud chamaríalle super-ego que fan da súa irmá unha neurótica obsesionada co control, do seu cuñado un megalómano avarento e do seu xefe un explotador sen escrúpulos – e velaí outros arquetipos que o filme delata. No medio desa miseria espiritual, Justine érguese como a visionaria –é, de feito, a primeira que se decata da existencia de Melancolía–, o elemento subversivo que lles devolve a cada un a imaxe do que son.

Justine e o planeta son trasuntos, retroaliméntanse; ambos os dous suspenden os acordos que fan da vida comunitaria, ela; material, o astro unha realidade posible. Mentres a irmá se aferra á esperanza dalgunha caste de salvación, Justine asume o final coa lucidez dunha mente preclara. Entre tanto, na cabalariza, xace o corpo morto do cuñado, incapaz de afrontar a revelación final do colapso.

Non creo que haxa que buscar un significado máis profundo ao proceder da personaxe principal. Justine sofre simplemente porque, malia que o intenta, e de aí o propósito de casar, non é quen de desempeñar o papel que dela se espera sen que algo se lle remoa dentro e a obrigue a abandonar a farsa, mesmo que iso implique asumir a morte na dimensión da relación cos outros, anticipo da morte real – a fin da vida na Terra.


Melancolía ten as virtudes das obras complexas (Jameson): é significativa e perturbadora. Unhas características que eu non vin por ningún lado n’A árbore da vida, filme vacuo e esteticista que, non obstante, lle arrebatou a palma de ouro na 64ª edición do Festival de Cannes. Claro que os datos cantan. Von Trier tivo a escasa astucia de proferir un comentario antisinoista –mal formulado, todo hai que dicilo– durante a presentación do filme no festival. O xurado, como era previsible, optou por non meterse en problemas.