[Entrevista de Inma Otero para a publicación italiana de poesía Insula Europea]
É inevitable facer referencia ao Premio da Crítica Española 2014 na modalidade de poesía que recaeu no teu segundo poemario, Celebración. Esperabas este recoñecemento e os comentarios tan positivos que recibiu? É fácil escribir despois disto?
Non esperaba unha recepción especialmente favorable, entre outras cousas porque intuía que Celebración podía non gustar a aquelas persoas que si gustaran de Crac. Se che son completamente sincero, tiña medo a que o novo libro se lese en clave conservadora, como unha especie de paso atrás con respecto ao primeiro. Tiven a sorte de ser entendido e nada disto sucedeu: Celebración achegoume a novos lectores e coido que non perdín os que xa tiña. Sobre o Premio da Crítica, son consciente de que houbo dous factores que xogaron un papel no feito de que eu o levase: por unha banda, o recoñecemento á iniciativa editorial que representa Apiario; pola outra, unha aposta estratéxica por parte da crítica para impulsar a poesía dos novos. Mesmo así, non deixa de ser un premio a unha obra en particular e a min como autor dela. Estou moi agradecido pero o sentido da responsabilidade, de agora en diante, vai ser grande.
Celebración é o primeiro libro publicado pola editorial Apiario, dirixida polas tamén poetas Antía Otero e Dores Tembrás, que adoptan un procedemento de edición moi coidado e artesanal. Por que escolliches esta editorial? Que che achegou fronte a outras editoriais máis consolidadas?
As condicións que me puxeron enriba da mesa Antía e mais Dores foron difíciles de rexeitar. A poesía sufriu os estragos da crise en termos de volume de publicación, pero tamén na calidade das edicións. Contra iso, Apiario reacciona revalorando o libro como obxecto, mimando a edición. Creo que é unha aposta intelixente: o público de poesía en galego é reducido pero é fiel e esixente. Coa dinámica dos últimos anos, en que se viñeron publicando fundamentalmente gañadores de premios literarios en edicións o máis económicas posibles, desatendeuse esta realidade. Creo que é unha sorte para a literatura galega que exista Apiario. Temos unha poesía dunha calidade moi alta e o sistema editorial que debera darlle soporte, en termos xerais, non estivo á súa altura.
Díxose en moitas ocasións, e neste momento tamén se retoma o tópico, que a poesía era o grande xénero da literatura galega. Mesmo poetas non galegos teñen gabado a calidade da lírica. Estás de acordo?
A experiencia que teño de levar a poesía galega fóra das nosas fronteiras é sempre positiva. Falo de recitais, dalgunha conferencia que dei a xeito de panorámica e tamén de recomendacións a título individual. Somos uns completos descoñecidos mesmo no contexto do estado e teño a impresión de que sobre nós se detentan dous prexuízos opostos pero complementarios: ou ben se considera que facemos unha poesía que segue estritamente as modas da poesía en castelán ou se nos imaxina escribindo coplas e muiñeiras. A poesía galega ten unha tradición de ruptura que se remonta a Rosalía e que se estende ata o momento presente. Sempre sorprende que sexamos tan libres á hora de escribir. E coido que si, que aínda que en Galicia haxa poetas bos e malos, coma en todas as partes, en xeral escríbese unha poesía disposta a asumir riscos, probablemente porque non temos nada que perder.
Na túa opinión, que faltaría para que a poesía galega traspasase as fronteiras da propia lingua?
Teño a sensación de que a posibilidade de saír fóra depende moitas veces do círculo de relacións persoais que o autor (ou a editora que o apoia) manteña cos principais axentes doutros sistemas literarios. É certo que unha poeta galega que non teña unha obra de calidade dificilmente vai ser traducida ao inglés ou ao español, pero habería que ser moi inxenuo para pensar que a calidade é o único criterio en xogo. A proba diso está nos casos de poetas canónicos en Galicia que non gozan de proxección fóra. Para salvar esa eiva, debera haber unha política cultural destinada a tender pontes con outros sistemas literarios e facilitar os procesos de tradución. Toda a difusión e o éxito que se consiga fóra repercute dentro en termos de atención e valoración do xénero e dos seus produtores.
http://www.insulaeuropea.eu/leinterviste/interviste/otero_hermo.pdf
- Entrevista completa (en galego):
http://www.insulaeuropea.eu/leinterviste/interviste/otero_hermo.html
- Entrevista completa (en italiano, traducida por Marco Paone):
http://www.insulaeuropea.eu/
- Recensión de Celebración a cargo de Inma Otero (en italiano):