Amosando publicacións coa etiqueta Alberto Lema. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Alberto Lema. Amosar todas as publicacións

luns, 7 de outubro de 2013

Poesía e precariedade

Os teóricos da escola de Santiago veñen falando desde hai algún tempo de dúas disposicións ou habitus, na terminoloxía de Bourdieu, que compiten por monopolizar o capital do campo literario: unha disposición lírica e unha disposición non lírica. De acordo con Arturo Casas, o habitus non lírico recolle todas aquelas prácticas poéticas que presupoñen a refutación da chamada actitude lírica, entendida esta como a construción dun suxeito discursivo que dá conta dunha subxectividade ligada á doxa romántica. Os discursos non líricos son necesariamente heteroxéneos, xa que se caracterizan á negativa, pero poden ser perspectivados como unidade na medida en que funcionan no seu conxunto como contrapeso dos líricos. En termos de Foucault, o discurso lírico sería a potentia ou forza hexemónica, mentres que o non lírico desempeñaría o papel de potestas, a contra-forza que resiste e nivela o influxo da forza dominante.

Pois ben, a miña idea sobre o estado actual da poesía galega é que a potestas está en condicións de darlle a volta á relación de poder e tornarse potentia. Tomando como referencia a produción poética galega a partir do ano 2000, ano no que, non por acaso, Chus Pato lanzaba un clamoroso «adeus á lírica», percibo cada vez máis tentativas de ensaiar fórmulas non líricas para o poema. Digo tentativas porque nalgunhas ocasións os resultados son tímidos, ou inseguros, e isto explícase pola presenza dunha tradición monopolizada ata tal punto polo habitus lírico que este chegou a confundirse coa esencia mesma do poético. No entanto, si parece claro que existe un certo cansazo das formas de escrita vertebradas en torno ao mundo interior dun eu que facilmente puidese confundirse co poeta mesmo e, por conseguinte, unha estratexia encamiñada a remarcar as fronteiras entre a voz do poema e a voz do poeta.

Ollo, con isto non quero dicir que o salto ao non lírico se salve mediante un cambio pronominal. De feito, existen poéticas perfectamente líricas que se expresan desde un nós. Da mesma maneira, o uso da primeira persoa non implica que o resultado sexa lírico de seu e, de feito, moitos textos nos que estou pensando constrúense deste xeito. A diferenza radica en que na poesía non lírica ese eu dá conta do poema, non é o poema. O texto despraza «a centralidade enunciativa e enunciada do suxeito», o reflexo dunha «sentimentalidade vinculada ao coñecemento» – son palabras de Casas. Cabe aquí a contaminación discursiva, coa entrada de modalidades neo-épicas ou epizantes, dramáticas e ensaísticas, e aínda das non literarias, pero moitas veces son poemas onde o eu simplemente se esforza por levantar a vista do embigo.

Adopte a forma que adoptar, a emerxencia de poéticas non líricas ten as súas implicacións. Por unha banda, revela unha negativa a asumir a máxima posmoderna segundo a cal é imposible saír dos esquemas pautados pola tradición (aquilo que Vattimo chamaba «a fin da era da superación») e, consecuentemente, a actualización da noción de vangarda, non na dirección de recuperar as vellas vangardas históricas, senón como confianza en que a historia, tamén para a poesía, non morreu coa caída do muro de Berlín. Por outra, representa unha posibilidade de intervención no espazo socio-político (se é que tal acción é aínda posible a través do poema), na medida en que, ao sacar o xénero da dimensión autorreferencial, se facilita a posta en marcha de análises críticas da realidade non niveladas polo recurso ao singular e ao emocional.

É dicir, a hipótese que lanzo aquí é que a proxección de poéticas non líricas en Galicia pode estar en consonancia cunha toma de conciencia e un querer posicionarse a respecto da realidade por parte dos autores que as poñen en práctica. Talvez sexa activada por poetas que se saben e se recoñecen como suxeitos históricos, perfectamente transidos polo seu espazo e o seu tempo. Non hai maneira de escapar destas coordenadas, non se pode escribir desde fóra, por moito que se nos repita que a poesía é a arte do transcendente e o poeta, a poeta, unha especie de ente atemporal que comunica as esencias do humano. Falando desta cuestión con Francisco Cortegoso, dicíame el que o escritor é un «conservador do seu tempo». Pode fantasiar coa idea de que escribe sen pai, sen tempo e sen patria, pero a súa produción deixará igualmente rexistro de quen é seu pai, cal o seu tempo e onde a súa patria.

Ora ben, isto non quere dicir que a práctica lírica e a vontade de artellar un discurso de resistencia sexan incompatibles. Por poñer un exemplo, as poéticas feministas continúan a articularse en boa medida valéndose dunha actitude lírica, é dicir, construíndo un suxeito poético feminino que, mediante a expresión dunha subxectividade liberadora, vén entrar en concorrencia co réxime simbólico do patriarcado. Hai moitos outros exemplos, e a tradición literaria galega pode fornecérnolos sen ter que rabuñar de máis. Aí esta Rosalía, sen ir máis lonxe.

En todo caso, sexa mediante a configuración de discursos non líricos, sexa mediante discursos líricos, os elementos repertoriais da recente poesía galega dan a entender que os produtores, incluídos os poetas que se incorporan á actividade literaria no último decenio, non esquecen nin queren esquecen a condición subalterna da cultura da que agroman e cúmprense así a pauta sinalada por González-Millán segundo a cal os autores de literaturas periféricas móstranse máis receptivos a subverter as tradicións discursivas dos xéneros literarios, que son percibidos desta volta como dispositivos de poder que vehiculan unha tradición repertorial que terma do statu quo.

Isto é especialmente visible se o comparamos coas modalidades de poesía que se practican hoxe nos grandes centros de cultura. Ultimamente estiven atento ao que están escribindo poetas novos dos Estados Unidos. Non hai dúbida de que a miña visión do asunto é necesariamente incompleta, máxime cando parte da lectura de antoloxías e panoramas, pero a impresión que extraio é que estes autores mozos proxectan suxeitos poéticos que reflicten a súa percepción ante experiencias cotidianas que se viven como cruciais para a autoformación persoal ou ben reivindican aquelas escritas que senten como próximas, pero non por vía do intertexto, é dicir, mediante o diálogo con eses textos de referencia, senón sinxelamente como catálogo de predileccións, como inventario de fetiches. O cambio verdadeiro que eu detecto nos seus discursos a respecto de, por exemplo, os confesionalistas dos anos 50 e 60, é que, por primeira vez, interesa máis o efecto que o texto produce nos lectores, a imaxe que se proxecta da propia poética, que a poética en si mesma. Interesa a superficie, talvez porque a cultura da imaxe fixo o seu traballo ou ben porque se chegou á conclusión de que calquera tentativa de significación está abocada ao fracaso.

Isto é, a lírica predomina con clareza, mesmo que sexa modulada polo humor, e, ademais, trátase de lírica á que se lle poderían aplicar boa parte dos trazos característicos que Alberto Lema fixaba a semana pasada neste mesmo encontro para a novela posmoderna: predominio dunha primeira persoa que carece de identidade colectiva, preponderancia da ironía, presentismo ou ausencia de profundidade histórica, renuncia ao proxecto que representaron as vangardas, ausencia de conflito de clases, etc.

En Galicia comezan a albiscarse retallos de poéticas máis ou menos afíns, pero, se atendemos á obra dos poetas que foron aparecendo dun tempo a esta parte, xusto é dicir que andan noutra cousa. E digo eu que a barbarie coa que nos obrigan a tragar a diario algo terá que ver con isto.

Ocórreseme, mesmo, que a vangarda ben puidese estar aquí, a este lado do mapa, onde cada vez é máis xeral a sensación de que a posmodernidade, tamén a posmodernidade estética, foi un mal soño que cómpre esquecer. Mentres tanto, nas capitais do imperio algúns continuarán a escribir poemas convencidos de que a realidade é un texto e que nada máis importa.

A precariedade conta coa vantaxe de que serve para manter os ollos abertos. Algo bo tiña que ter.



Discurso lido o pasado 3 de outubro na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo no marco do VIII Ciclo de Mesas Redondas «Escritores/as na Universidade», organizado pola AELG e coordinado por Xina Vega. Na mesa estabamos presentes Xabier Xil Xardón, que actuou en calidade de presentador, Berta Dávila e mais eu.


martes, 27 de agosto de 2013

Alfonso Pexegueiro e as mulleres

Hai uns días escoitaba a Leonor Watling nun programa da TV falar sobre cinema en xeral, e sobre o seu traballo como actriz en particular. Dicía Watling que, no que ao tratamento das mulleres se refire, dous directores españois destacaban con clareza sobre os demais: Bigas Lunas, ofrecendo a pauta hetero, abertamente desexante, e Pedro Almodóvar, que achegaba a visión cómplice da ollada gay. Pensei un momento sobre o asunto e axiña bosquexei coa cabeza un aceno de profunda desaprobación. Pois, tal e como eu o vexo, un e o outro se valen de determinados estereotipos femininos para perfilar un universo cinematográfico que lles grato, e no que as mulleres desenvolven un papel, distinto en cada un dos casos, pero onde non son en absoluto voz nin centro.

Non digo que iso sexa malo. De feito, talvez ningún dos dous estivese realmente interesado en converterse en estandarte de nada. Cada artista merece ser xulgado polo seu traballo e non polas súas boas intencións, aínda que se de boas intencións falamos neste terreo, talvez Watling puido pensar en Julio Medem, independentemente do bo ou malo que lle poida parecer o seu cinema. Pensar en Habitación en Roma, por exemplo.


Escoitaba a Watling cun exemplar de Hipatia na man (aqueles días regresaba á súa lectura) e, turrando fío, ocorréuseme que Pexegueiro ben puidese ser o Medem da súa xeración. Un Medem atorado no medio duns cantos Bigas Luna, con algún Almodóvar perdido polo medio. Digo isto porque cando un se achega á obra do poeta, axiña percibe un tacto especial. Especial por infrecuente se a analizamos en contexto.  

Dous factores diferencian neste punto a obra de Pexegueiro da dos seus contemporáneos. A primeira, pero non por iso a máis importante: a muller fala. Non é, en efecto, nin musa, nin amante, nin Señor. Nin Moraima dándolle asilo ao soldado que regresa vello das últimas batallas: axente. Ben é certo que hai experiencias semellantes nalgunhas escritas coetáneas. Ferrín, por poñer un caso, quixo que o líder da resistencia contra a Terra Ancha fose unha muller e iso hai que valoralo como unha decisión política lúcida. Con voz de muller fala Antonio R. López nun importante número de poemas de Sucios e desexados. No entanto, e velaí o segundo factor caracterizador da obra de Pexegueiro, se en Retorno a Tagen Ata ou en Sucios e desexados a man masculina que modula unha voz de muller se adiviña sen grandes problemas (cando menos neste último libro, semella decisión consciente por parte do autor), n’A illa das mulleres loucas ou en Hipatia esvaece sen deixar rastro. Tecnicamente, isto non debe ser doado; e velaí por que mulleres e homes que escriben poesía tenden a articular suxeitos líricos que se corresponden co seu xénero. Mediante o travestismo vocal, @ poeta corre o risco de que o lector adiviñe enseguida un aquel de impostura. E, se quen escribe é el, daquela exponse directamente a ser acusado de oportunismo.

É máis fácil ser honesto sendo el. Ou, cando menos, así un evita o tema e santas pascuas.

Pexegueiro decidiu asumir ese risco e, podendo fracasar, sae airoso cunha solvencia que sorprende. Non me gusta falar de sensibilidade cando se tocan estas cuestións, pero o certo é que Pexegueiro a ten. É de xustiza recoñecelo. El foi o primeiro. Coma eses episodios únicos, máis ben estraños, que acaban callando moito tempo despois, cando o protagonista talvez perdese toda esperanza de atopar complicidade, ou sequera comprensión.


Non son o primeiro que fala do herdo que deixaron as poéticas feministas dos 90 naqueles poetas (varóns) que vimos publicando algún tempo despois. Inclúome aquí. María do Cebreiro falou diso a propósito da estrea literaria de Alberto Lema. Helena González veno apuntando desde hai anos. Parece que a eclosión da ollada feminina autoconsciente supuxo un boom que a xeito de revulsivo entrou no discurso literario galego para quedar, como unha sorte de experiencia asimilada. Ben sei o que sucede coa miña escrita, pero non creo que se trate dun fenómeno illado. Véxoo moi claro cando leo a Mario Regueira, a Fran Cortegoso, a Ismael Ramos ou a Roi Vidal. Non hai ruptura co discurso inmediatamente precedente, o inaugurado polas poetas. Antes ben, asúmese a lección e tírase para adiante. Sen traumas.

Ora, moito antes estivo aí Alfonso Pexegueiro. Sen case que ningunha tradición que non asente na escrita fundacional de Rosalía. Abrindo camiño.


É bo que saiba. Non descubro nada novo. Pero débese saber

xoves, 2 de maio de 2013

Isaac Lourido sobre Crac


Róubolles ás colegas do Protexta a crítica que Isaac Lourido fixo de Crac

Para non perder a entrevista de Ana Salgado a Alberto Lema a propósito da edición de Da máquina, publicada no último número da revista, que proximamente estará na rede.