Amosando publicacións coa etiqueta Berta Dávila. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Berta Dávila. Amosar todas as publicacións

luns, 3 de marzo de 2014

O derradeiro libro de Emma Olsen

[Texto lido na presentación d’O derradeiro libro de Emma Olsen, de Berta Dávila, na libraría Couceiro de Santiago, o 6 de febreiro deste ano, nun acto no que tamén interviron Anxos Sumai, Arturo Ponte e a autora]



Non podería falar desta novela co ollo desapaixonado que se lle supón a quen xulga. Eu non estou aquí para xulgar. Non sabería facelo aínda que quixese porque me decato de que me faltan boa parte das chaves compositivas que calquera narradora (ou calquera bo lector de narrativa) domina. O xusto é que fale en calidade do que son: alguén que quixo ler esta novela en canto tivo noticia de que tal novela fora escrita, cando se fallou o premio e puidemos saber que Berta creara a Emma e que Emma escribira o seu último libro.

Chamoume a atención a trama. A idea dunha escritora que, no transo de morrer, decide volver á súa vila natal para saldar contas co pasado resultábame moi atractiva. É obvio que aquí entramos no terreo das filias persoais e sobre gustos non paga a pena discutir demasiado. Hai historias que prenden con máis forza nunhas persoas ca noutras porque, en definitiva, somos nós lendo coas nosas experiencias ás costas, coas nosas motivacións e tamén coas nosas fantasmas. Non obstante, hai algúns datos que permiten obxectivar: as obras de Berta reedítanse, reciben atención por parte da crítica, tradúcense. Dávila é unha escritora exitosa e eu atreveríame a dicir que nese éxito ten algo que ver un trazo que, do meu punto vista, caracteriza a súa obra e que a falta dunha palabra mellor podería alcumar como misterio: iso enigmático do que a autora sabe dotar cada un dos seus libros. Falo de misterio e non distingo neste punto entre poesía e narrativa, moito menos entre novela ou nouvelle e relato breve, xéneros que Berta manexou e manexa – está en todo. O que descoñezo é se ese pouso de misterio ten que ver cunha técnica literaria máis ou menos traballada ou é que vai no ADN da escritora, se me permitides a pedantería, pero iso é o de menos. Está. Turra por min cando abro os seus libros e iso é o que realmente me interesa.



Sobre o xogo ficcional que esta novela propón gustaríame facer algún apuntamento. Penso na poesía, que é o ámbito onde eu me movo, e imaxínome o esforzo que supón escribir como outra con todas as consecuencias. Podo dicir que o que me impresiona neste punto non é tanto a capacidade para construír unha personaxe tan complexa como Emma, senón sobre todo a vontade de querer cederlle a voz nun terreo máis profundo ca o do punto de vista narrativo. Cederlle, dalgún xeito, a autoría. A aposta é tan arriscada como suxestiva e Berta sae vitoriosa, o que xa é dicir moito. Por outra banda, teño a impresión de que, consciente ou inconscientemente, vén de ocupar unha seara que pode dar moito cereal. Que sucede coas outras novelas de Emma, esas das que o tradutor dá noticia nas notas de rodapé? A min, particularmente, encantaríame lelas, sobre todo Dream Grass. Tamén me decato de que Dream Grass é unha obra que, mesmo que sexa na ficción, gañou un Pulitzer e debe dar moita vertixe afrontar un reto semellante. Pero aí están Wonderwald?, Men of their word, o libro de relatos Mum. A novela que hoxe se presenta podería configurar, se a autora así o quixese, o xermolo desde o cal agromasen outros resultados literarios ficcionalmente complexos, interesantes de seu. Ben sei que me estou a meter onde non me chaman, pero un pensa nas posibilidades literarias que esta liña de traballo ofrece e sente envexa sa, pero envexa ao cabo.

Durante o proceso de lectura xurdiume unha dúbida sobre a que teño pensado bastante. Que sucedería se, no canto de en Faith, a historia transcorrese, non sei, en Camelle, e Emma se chamase, por exemplo, Maruxa? Quero dicir que me cuestionei se había unha necesidade diexética de levar o relato fóra. Ollo, con isto non quero dicir que a novela galega teña que estar necesariamente ambientada en Galicia – non son eu dese criterio. A autora decidiu que fose en Norteamérica e, en principio, non hai máis que dicir. Ora ben, non creo que sexa un capricho, porque o certo é que existe unha tradición literaria asentada na cultura anglosaxona que se compón de escritoras ao máis puro estilo Emma Olsen. Mulleres que xogan a tensar as estremas entre ficción e realidade, que escriben coa memoria persoal a flor de pel. O acto de revelar unha experiencia traumática, verdadeiro resorte que dá pé á escrita desta obra, atopa acubillo na literatura de figuras como Elisabeth Bishop, Sylvia Plath ou Sharon Olds. Por esta razón, cando Berta dixo no seu blogue que creara a Emma Olsen a partir dunha fotografía de Anne Sexton, mestra do confesionalismo americano, non me estrañou en absoluto. Ese é o imaxinario que a envolve, a tradición que deu en escoller. Emma Olsen non existe fóra da literatura e talvez esa sexa unha das grandezas desta obra: poñer ao descuberto que o xogo autobiografista desta liñaxe de autoras non é máis ca outra forma de ficción.


O tempo da narración é congruente con esta aposta. O final precipítase moi rápido, os feitos que Emma quere relatar concéntranse contra as últimas dúas, tres páxinas. Dun xeito deliberadamente abrupto porque o que aquí conta, penso eu, non é tanto saber o que lle pasou a Emma, senón gozar da traxectoria que leva ata ese final. Explícao mellor ca min Rebeca Baceiredo en (repeat to fade) cando fala do erotismo polo que un texto nos pode ofrecer pracer: “non gozar coa retención e descarga do seme, desfrutar a fricción”. A fricción é clave na novela de Berta e aí caben as digresións, reflexións e inventivas, as idas e voltas do presente ao pasado, o apuntamento lúcido, a análise da contorna. Cada liña deste relato é significativa, non ten perda. Se tivese que escoller unha delas, sen dúbida quedaría con esta: a diferenza non nos vén dada, escóllese. Ser diferente é unha elección.

Emma explícao así cando fala de Clarissa:

En calquera caso somos o que inventamos sobre nós para que os demais nos vexan así. E por iso non podo dicir outra cousa de Clarissa que o que ela decidiu. Que Clarissa é a vertixe. Que Clarissa é especial, ou diferente a todos. Decidiuno como se decide tinxir o cabelo e converterse nunha loura perigosa. Decidiuno e puxo en práctica todas as estratexias necesarias para que todos nós soubésemos que ela non era igual ca o resto. Aínda que non sei exactamente en que ou por que causa, porque a diferenza non se nota igual que o cabelo osixenado, non chega facilmente para instalarse, é unha elección persoal e meditada, si, un camiño que se pode coller ou non. Pero hai que perseguila, hai que loitar por ela a risco de tornarse un enfermo, a risco de pasar a liña e non poder regresar nunca onde un estaba antes.

Recoñezo que quedei enganchado a este fragmento, que estivo aí, na miña cabeza, mentres lía o resto da novela e que, cando a acabei, pensei en El Quijote. Sei que pode soar raro, e non quero revelar ningunha parte substancial da trama porque se cadra aquí hai persoas que non leron o libro, pero si explicarme: pensei en El Quijote porque coido que o transvase, a transferencia de roles que se dá entre Alonso Quijano e Sancho, e que todos vós coñecedes, é dalgún xeito aplicable a Clarissa e a Emma. Clarissa escolle ser diferente e, en efecto, move toda a súa vida arredor desa elección, pero eu coido que fracasa. Fracasa porque acaba convertida case que nunha caricatura de si mesma, porque esa escolla a conduce a un desenlace que, dalgunha maneira, recolle algunha forma de vulgaridade – e ata aí podo ler. En todo caso, é Emma a que triunfa. É Emma, a mesma Emma que medrou á sombra de Clarissa nese xogo de simetrías, a que sae de Faith para vivir unha vida que a ningunha das dúas lles estaba reservada. A máis gris, a menos exuberante e exitosa, a que en principio non tiña intención ningunha de venderse no plano social como unha ave raris, acábao sendo. Creo que aí podemos entender que Emma executa unha sorte de vinganza, un axuste de conta, se queredes sutil, que definitivamente a humaniza. Así entendín eu o final da novela e a propia escritura da mesma: como se Emma quixese dicirlle a Clarissa que, a pesar de todo, quen o conseguiu das dúas foi ela.


Non vou dicir máis nada porque coido que talvez xa revelei demasiado tratándose da presentación dunha obra de ficción. Espero que Berta saiba desculparme, non só a berborrea, senón tamén que quixese poñerlle deberes, e que quede co importante de todo o que dixen, que é o moito que paga a pena este libro.


Grazas.

luns, 7 de outubro de 2013

Poesía e precariedade

Os teóricos da escola de Santiago veñen falando desde hai algún tempo de dúas disposicións ou habitus, na terminoloxía de Bourdieu, que compiten por monopolizar o capital do campo literario: unha disposición lírica e unha disposición non lírica. De acordo con Arturo Casas, o habitus non lírico recolle todas aquelas prácticas poéticas que presupoñen a refutación da chamada actitude lírica, entendida esta como a construción dun suxeito discursivo que dá conta dunha subxectividade ligada á doxa romántica. Os discursos non líricos son necesariamente heteroxéneos, xa que se caracterizan á negativa, pero poden ser perspectivados como unidade na medida en que funcionan no seu conxunto como contrapeso dos líricos. En termos de Foucault, o discurso lírico sería a potentia ou forza hexemónica, mentres que o non lírico desempeñaría o papel de potestas, a contra-forza que resiste e nivela o influxo da forza dominante.

Pois ben, a miña idea sobre o estado actual da poesía galega é que a potestas está en condicións de darlle a volta á relación de poder e tornarse potentia. Tomando como referencia a produción poética galega a partir do ano 2000, ano no que, non por acaso, Chus Pato lanzaba un clamoroso «adeus á lírica», percibo cada vez máis tentativas de ensaiar fórmulas non líricas para o poema. Digo tentativas porque nalgunhas ocasións os resultados son tímidos, ou inseguros, e isto explícase pola presenza dunha tradición monopolizada ata tal punto polo habitus lírico que este chegou a confundirse coa esencia mesma do poético. No entanto, si parece claro que existe un certo cansazo das formas de escrita vertebradas en torno ao mundo interior dun eu que facilmente puidese confundirse co poeta mesmo e, por conseguinte, unha estratexia encamiñada a remarcar as fronteiras entre a voz do poema e a voz do poeta.

Ollo, con isto non quero dicir que o salto ao non lírico se salve mediante un cambio pronominal. De feito, existen poéticas perfectamente líricas que se expresan desde un nós. Da mesma maneira, o uso da primeira persoa non implica que o resultado sexa lírico de seu e, de feito, moitos textos nos que estou pensando constrúense deste xeito. A diferenza radica en que na poesía non lírica ese eu dá conta do poema, non é o poema. O texto despraza «a centralidade enunciativa e enunciada do suxeito», o reflexo dunha «sentimentalidade vinculada ao coñecemento» – son palabras de Casas. Cabe aquí a contaminación discursiva, coa entrada de modalidades neo-épicas ou epizantes, dramáticas e ensaísticas, e aínda das non literarias, pero moitas veces son poemas onde o eu simplemente se esforza por levantar a vista do embigo.

Adopte a forma que adoptar, a emerxencia de poéticas non líricas ten as súas implicacións. Por unha banda, revela unha negativa a asumir a máxima posmoderna segundo a cal é imposible saír dos esquemas pautados pola tradición (aquilo que Vattimo chamaba «a fin da era da superación») e, consecuentemente, a actualización da noción de vangarda, non na dirección de recuperar as vellas vangardas históricas, senón como confianza en que a historia, tamén para a poesía, non morreu coa caída do muro de Berlín. Por outra, representa unha posibilidade de intervención no espazo socio-político (se é que tal acción é aínda posible a través do poema), na medida en que, ao sacar o xénero da dimensión autorreferencial, se facilita a posta en marcha de análises críticas da realidade non niveladas polo recurso ao singular e ao emocional.

É dicir, a hipótese que lanzo aquí é que a proxección de poéticas non líricas en Galicia pode estar en consonancia cunha toma de conciencia e un querer posicionarse a respecto da realidade por parte dos autores que as poñen en práctica. Talvez sexa activada por poetas que se saben e se recoñecen como suxeitos históricos, perfectamente transidos polo seu espazo e o seu tempo. Non hai maneira de escapar destas coordenadas, non se pode escribir desde fóra, por moito que se nos repita que a poesía é a arte do transcendente e o poeta, a poeta, unha especie de ente atemporal que comunica as esencias do humano. Falando desta cuestión con Francisco Cortegoso, dicíame el que o escritor é un «conservador do seu tempo». Pode fantasiar coa idea de que escribe sen pai, sen tempo e sen patria, pero a súa produción deixará igualmente rexistro de quen é seu pai, cal o seu tempo e onde a súa patria.

Ora ben, isto non quere dicir que a práctica lírica e a vontade de artellar un discurso de resistencia sexan incompatibles. Por poñer un exemplo, as poéticas feministas continúan a articularse en boa medida valéndose dunha actitude lírica, é dicir, construíndo un suxeito poético feminino que, mediante a expresión dunha subxectividade liberadora, vén entrar en concorrencia co réxime simbólico do patriarcado. Hai moitos outros exemplos, e a tradición literaria galega pode fornecérnolos sen ter que rabuñar de máis. Aí esta Rosalía, sen ir máis lonxe.

En todo caso, sexa mediante a configuración de discursos non líricos, sexa mediante discursos líricos, os elementos repertoriais da recente poesía galega dan a entender que os produtores, incluídos os poetas que se incorporan á actividade literaria no último decenio, non esquecen nin queren esquecen a condición subalterna da cultura da que agroman e cúmprense así a pauta sinalada por González-Millán segundo a cal os autores de literaturas periféricas móstranse máis receptivos a subverter as tradicións discursivas dos xéneros literarios, que son percibidos desta volta como dispositivos de poder que vehiculan unha tradición repertorial que terma do statu quo.

Isto é especialmente visible se o comparamos coas modalidades de poesía que se practican hoxe nos grandes centros de cultura. Ultimamente estiven atento ao que están escribindo poetas novos dos Estados Unidos. Non hai dúbida de que a miña visión do asunto é necesariamente incompleta, máxime cando parte da lectura de antoloxías e panoramas, pero a impresión que extraio é que estes autores mozos proxectan suxeitos poéticos que reflicten a súa percepción ante experiencias cotidianas que se viven como cruciais para a autoformación persoal ou ben reivindican aquelas escritas que senten como próximas, pero non por vía do intertexto, é dicir, mediante o diálogo con eses textos de referencia, senón sinxelamente como catálogo de predileccións, como inventario de fetiches. O cambio verdadeiro que eu detecto nos seus discursos a respecto de, por exemplo, os confesionalistas dos anos 50 e 60, é que, por primeira vez, interesa máis o efecto que o texto produce nos lectores, a imaxe que se proxecta da propia poética, que a poética en si mesma. Interesa a superficie, talvez porque a cultura da imaxe fixo o seu traballo ou ben porque se chegou á conclusión de que calquera tentativa de significación está abocada ao fracaso.

Isto é, a lírica predomina con clareza, mesmo que sexa modulada polo humor, e, ademais, trátase de lírica á que se lle poderían aplicar boa parte dos trazos característicos que Alberto Lema fixaba a semana pasada neste mesmo encontro para a novela posmoderna: predominio dunha primeira persoa que carece de identidade colectiva, preponderancia da ironía, presentismo ou ausencia de profundidade histórica, renuncia ao proxecto que representaron as vangardas, ausencia de conflito de clases, etc.

En Galicia comezan a albiscarse retallos de poéticas máis ou menos afíns, pero, se atendemos á obra dos poetas que foron aparecendo dun tempo a esta parte, xusto é dicir que andan noutra cousa. E digo eu que a barbarie coa que nos obrigan a tragar a diario algo terá que ver con isto.

Ocórreseme, mesmo, que a vangarda ben puidese estar aquí, a este lado do mapa, onde cada vez é máis xeral a sensación de que a posmodernidade, tamén a posmodernidade estética, foi un mal soño que cómpre esquecer. Mentres tanto, nas capitais do imperio algúns continuarán a escribir poemas convencidos de que a realidade é un texto e que nada máis importa.

A precariedade conta coa vantaxe de que serve para manter os ollos abertos. Algo bo tiña que ter.



Discurso lido o pasado 3 de outubro na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo no marco do VIII Ciclo de Mesas Redondas «Escritores/as na Universidade», organizado pola AELG e coordinado por Xina Vega. Na mesa estabamos presentes Xabier Xil Xardón, que actuou en calidade de presentador, Berta Dávila e mais eu.