martes, 27 de agosto de 2013

Alfonso Pexegueiro e as mulleres

Hai uns días escoitaba a Leonor Watling nun programa da TV falar sobre cinema en xeral, e sobre o seu traballo como actriz en particular. Dicía Watling que, no que ao tratamento das mulleres se refire, dous directores españois destacaban con clareza sobre os demais: Bigas Lunas, ofrecendo a pauta hetero, abertamente desexante, e Pedro Almodóvar, que achegaba a visión cómplice da ollada gay. Pensei un momento sobre o asunto e axiña bosquexei coa cabeza un aceno de profunda desaprobación. Pois, tal e como eu o vexo, un e o outro se valen de determinados estereotipos femininos para perfilar un universo cinematográfico que lles grato, e no que as mulleres desenvolven un papel, distinto en cada un dos casos, pero onde non son en absoluto voz nin centro.

Non digo que iso sexa malo. De feito, talvez ningún dos dous estivese realmente interesado en converterse en estandarte de nada. Cada artista merece ser xulgado polo seu traballo e non polas súas boas intencións, aínda que se de boas intencións falamos neste terreo, talvez Watling puido pensar en Julio Medem, independentemente do bo ou malo que lle poida parecer o seu cinema. Pensar en Habitación en Roma, por exemplo.


Escoitaba a Watling cun exemplar de Hipatia na man (aqueles días regresaba á súa lectura) e, turrando fío, ocorréuseme que Pexegueiro ben puidese ser o Medem da súa xeración. Un Medem atorado no medio duns cantos Bigas Luna, con algún Almodóvar perdido polo medio. Digo isto porque cando un se achega á obra do poeta, axiña percibe un tacto especial. Especial por infrecuente se a analizamos en contexto.  

Dous factores diferencian neste punto a obra de Pexegueiro da dos seus contemporáneos. A primeira, pero non por iso a máis importante: a muller fala. Non é, en efecto, nin musa, nin amante, nin Señor. Nin Moraima dándolle asilo ao soldado que regresa vello das últimas batallas: axente. Ben é certo que hai experiencias semellantes nalgunhas escritas coetáneas. Ferrín, por poñer un caso, quixo que o líder da resistencia contra a Terra Ancha fose unha muller e iso hai que valoralo como unha decisión política lúcida. Con voz de muller fala Antonio R. López nun importante número de poemas de Sucios e desexados. No entanto, e velaí o segundo factor caracterizador da obra de Pexegueiro, se en Retorno a Tagen Ata ou en Sucios e desexados a man masculina que modula unha voz de muller se adiviña sen grandes problemas (cando menos neste último libro, semella decisión consciente por parte do autor), n’A illa das mulleres loucas ou en Hipatia esvaece sen deixar rastro. Tecnicamente, isto non debe ser doado; e velaí por que mulleres e homes que escriben poesía tenden a articular suxeitos líricos que se corresponden co seu xénero. Mediante o travestismo vocal, @ poeta corre o risco de que o lector adiviñe enseguida un aquel de impostura. E, se quen escribe é el, daquela exponse directamente a ser acusado de oportunismo.

É máis fácil ser honesto sendo el. Ou, cando menos, así un evita o tema e santas pascuas.

Pexegueiro decidiu asumir ese risco e, podendo fracasar, sae airoso cunha solvencia que sorprende. Non me gusta falar de sensibilidade cando se tocan estas cuestións, pero o certo é que Pexegueiro a ten. É de xustiza recoñecelo. El foi o primeiro. Coma eses episodios únicos, máis ben estraños, que acaban callando moito tempo despois, cando o protagonista talvez perdese toda esperanza de atopar complicidade, ou sequera comprensión.


Non son o primeiro que fala do herdo que deixaron as poéticas feministas dos 90 naqueles poetas (varóns) que vimos publicando algún tempo despois. Inclúome aquí. María do Cebreiro falou diso a propósito da estrea literaria de Alberto Lema. Helena González veno apuntando desde hai anos. Parece que a eclosión da ollada feminina autoconsciente supuxo un boom que a xeito de revulsivo entrou no discurso literario galego para quedar, como unha sorte de experiencia asimilada. Ben sei o que sucede coa miña escrita, pero non creo que se trate dun fenómeno illado. Véxoo moi claro cando leo a Mario Regueira, a Fran Cortegoso, a Ismael Ramos ou a Roi Vidal. Non hai ruptura co discurso inmediatamente precedente, o inaugurado polas poetas. Antes ben, asúmese a lección e tírase para adiante. Sen traumas.

Ora, moito antes estivo aí Alfonso Pexegueiro. Sen case que ningunha tradición que non asente na escrita fundacional de Rosalía. Abrindo camiño.


É bo que saiba. Non descubro nada novo. Pero débese saber

venres, 9 de agosto de 2013

Ningún precipicio


Dedicado a Eduard, polas conversas no bar de Castrón Douro, para que volva co sol da Costa Brava metido por dentro

Estes días ando ás voltas coa quinta entrega poética de Olalla Cociña, acabada de saír do prelo de Toxosoutos. Leo no libro, leo no prólogo de Ildefonso Rodríguez e penso nos discursos, no discurso que unha poeta inaugura cando dá a coñecer un primeiro libro e en como ese discurso evolúe co tempo, algunhas obras éditas despois, cando á autora comezan a saírlle as primeiras canas. Esa etapa da madurez literaria da que tanto se fala. Qué pasa aí.


Ben pensado, todo primeiro libro institúe un proxecto de escrita e o lector-seareiro gusta de detectar as modulacións, os cambios de rumbo que a autora vai delineando a partir dese primeiro plano ou ben a súa indeleble perseveranza. Non coñezo un poeta que non acabe renegando do seu primeiro libro e, no entanto, en moitos deles ese libro segue aí, alumando o camiño como se se tratase dun facho.

Pois ben, o que me interesa da obra de Olalla Cociña, vista en perspectiva, é a existencia dese facho; dito noutras palabras, a capacidade para instituír un discurso poético que, mantendo a coherencia trazada na súa opera prima, nin se estanca nin se esgota. Porque os discursos literarios poden esgotarse. Hai exemplos abondos, a esta e á outra beira do mapa. Poéticas moi potentes que ao cuarto, quinto libro acaban convertidas case que en caricaturas de si. Se a grandeza dun proxecto de escrita radica na súa capacidade para diseminarse sen morrer, para ir colleitando froitos novos da mesma árbore, daquela o discurso de Cociña é valioso. Éo sen grandes alaridos; dificilmente un lector a quen non lle guste Ningún precipicio o detestará con vehemencia –non hai grandilocuencia, hai honestidade. Ora ben, se lle gusta, amarao con paixón. Pasa coas cousas pequenas. Pequenas de tamaño. Unha pedra miúda de acibeche no medio dunha lámina de granito. O granito tamén é fermoso, pero vese. No acibeche hai que reparar.

Quero dicir con isto que Ningún precipicio é congruente coa poética da autora pero, ollo, hai evolución. De feito, eu diría que é o seu libro máis distinto. En certos momentos, mesmo semella difícil recoñecer a escritora que hai oito anos dera ao prelo As cervicais da memoria. Pasa nalgún texto, non en moitos, en poemas coma este:

Viñera unha palabra á boca

cruzara o corpo enteiro
e velaquí estaba o son, o peso

o estalido na lingua pero non o nome
non o nome

o esforzo por descorchalo
dilataba opiáceo os sentidos
e outorgaba moito máis
que unha palabra

Pero o pouso mantense. Olalla Cociña sabe traernos unha ollada diferente do cotidiano, a visión dun suxeito poético marcado en feminino que ben puidese ser unha rapaza especial, algo estraña ou louca, que nos encandea porque sabe descubrir mundos onde os demais só vemos zapatos, castelos de area, empanada de raia que se come os domingos. Na súa obra no hai guerra, ou mellor, a guerra atópase de portas para a dentro. Como darlle de comer na boca á irmá máis nova, que xa ten anos abondos para facelo de propia man. Tenrura e crueldade, dous planos que a poeta sabe taxar con tino para que ningún dos dous chegue a molestarnos, o un por sobredose de azucre, o outro por exceso de estridencia. Aí está a poética de Cociña. O seu enxeño.


Quixera pechar esta nota apuntando que, malia o dito, Ningún precipicio é ás veces bastante cruel, mesmo morboso en momentos, e a quen isto escribe iso gústalle, claro. Ora, se queredes unha lectura verdadeiramente lúcida, basta que vos fagades cun exemplar e o abrades pola páxina cinco. Ildefonso Rodríguez ofrécevola de graza