venres, 20 de febreiro de 2015

Un poema de Yves Bonnefoy


Francisco Cortegoso volve á carga e desta volta traduce un poema de Yves Bonnefoy (Tours, 1923). O texto viu a luz por vez primeira en outubro de 2014, nunha tiraxe especial non comercial de 125 exemplares acompañados dunha litografía en cor de Farhad Ostovani, destinados ao Cercle des Amis de Éditart en Xenebra. Bonnefoy recuperou este poema na edición de La Grande Ourse (Éditions Galilée, 2015). As imaxes que acompañan o texto son do propio Ostovani. 


DENTRO, FÓRA?



I
Fuxir, si, por aí! Da beira do lenzo que seca.

Tantas cores! Esta camisa, encarnada, estoutras azuis. Estes brancos de toda sorte de branco. Esta luva de baño deitada na herba.

Rin. Xogan a ser de cor, a vestila. A lanzar unha bala de cor. Apañándoa no voo ou guindándoa un cara ao outro até arrincar con toda a forza o encarnado, o azul; alento precipitado, bocas próximas.

E agora este vento da tarde en toda esta roupa que abanea!

Unha saba despréndese, voará? Non, cae, retumba. Pasar entre eses dous outros grandes lenzos que restrollan, mollados aínda. Perderse no seu albo onde abanean sombras. Aí que corren o sol déitase. Aínda por pintar.

E xusto un pintor está alí, tras do seu cabalete. Unha barba amarela. Un sombreiro tido dunha man, a causa do vento. Da outra, se cadra a esquerda, tenta pintar.


É a variante deterxente. 


















II 
E se fose por aquí?

Unha porta, certo. Purran por ela e é o fóra. De certo fóra, o inmenso fóra plano, descoñecido, con animais ao lonxe que semellen pensar noutra cousa.

E aí, diante deles, un neno, aínda un, no alto pendurado dun muro, dediante do ceo. Ri, guíndalles xerseis, vaqueiros, un vello vestido negro, esgazado.

Ponde isto, dilles. Fano. Óllanse, saltan a rir, tamén eles.

E agora, subide!

De feito fórmanse marchas, soben. Velaí están sobre unha terraza.

E sobre esta terraza un outro muro desde onde o neno fica enribaaínda, moi axitado. O que fai? Adiviñade. Guinda fotos, en feixes que se espallan. Que triste, dilapidar estas imaxes! Branco, negro, toda unha vida.

Esta, por exemplo. Apáñaa!

É, mais é o meu avó!

Un rapaciño con colo de mariñeiro, en efecto, moi serio por mor do aro que lle confiamos durante o tempo da pose.

A variante fotografías. 














III
Esas voces, escoita!

Si, é alá no alto, na cima.

Desas árbores? De todas as árbores?

Como sabelo? Berra.

Non, ri.

Risos e berros a un tempo.

Agatuñados, eis, Deus sabe por que, ou quizá non, que Eva rubiu tan alto que volvéndose colleu vertixe. Adán, que de rama en rama a segue, tende a man. Os ollos pechos, ela alonga con risco a súa perna. A primeira man que coñeceu o mundo cingue esas dedas levemente empoadas. Descende, con precaución, ou ben non.

Vin, di ela.

O que entón?

O alén, vin o que está máis alá. Todo anicado. Nubes que non corren. Casas.

E regalar a Adán o máis alá, este froito da árbore.  Rubamos máis unha vez!

Ah, canta ramada e follas, canta froita! Apartan rama a rama para acceder a outras, sempre máis altas. Observan ao lonxe, desta vez xuntos. É a variante “vida certa”.

Non descenderán xamais. Nenos que xogan no alto, atizándose, con berros e risos como ninguén coñece sobre a terra.

Pouca atención poñen nas pedras que lles caen de perto destas non saben canto aínda máis altas. Son de diverso grosor, rebotan sobre as ramas, por veces pártenas.

É a variante cima das árbores.



venres, 23 de xaneiro de 2015

Celebrando a amizade


Entre o 10 e o 16 deste mes, acompañado por Antía Otero en representación da editora, presentei Celebración en Vigo, Compostela e na Coruña. Pedinlles ás presentadoras que me mandasen un anaco dos seus textos para facer unha montaxe no blog, un fragmento pequeno que lles tirase especialmente. Elas escollían o fragmento, eu as fotos. E velaí.

Os textos completos subiranse proximamente á web de Apiario. 



















«A escrita de Gonzalo Hermo sitúase en discusión co pensamento contemporáneo: coa teoría da literatura, coa filosofía, coas poéticas que asentan na reflexión arredor da linguaxe. A presenza do corpo talvez se relacione fundamentalmente coa procura dunha linguaxe común que se sabe extirpada e non se deixa de procurar. O idioma falado por unha comunidade de iguais no sentido en que a pensou Jacques Rancière ao dicirnos que igualdade e intelixencia son termos sinónimos. Quere que o verso se mida antes de máis consigo mesmo, sitúase enfrontado á metáfora. Dixo nunha entrevista: “Onde digo 'frío' quero dicir 'frío' e máis nada”. Hermo sabe que non conseguimos desaprender, que seguimos o máis do tempo na escola do resentimento, que nos damos feito para ler entre todas. Tamén que precisamos pensar esa apertura.» 
[Ana Salgado, A.C. Bou Eva, Vigo, 10 de xaneiro de 2015].


















«Porque aquí podemos sentir o frío na caluga e repudialo sabendo que é carne de abandono. E se o frío, “o varre todo” cumprirá regresar del, ir na súa contra, dicirlle adeus á súa parálise mentres non se constate un soño. Aquel no que un “golpe de calor (…) o arrase todo”.» 
[Elvira Ribeiro, «1.000 razóns para ler Celebración de Gonzalo Hermo», A.C. Bou Eva, Vigo, 10 de xaneiro de 2015].



















«El di: Celebración si pero o libro tampouco é unha festa.

A ruptura co teatro de comprender pero non transformar.
Por tanto, a celebración de comprender e transformar.

Ela di: Temos algunha materia aínda pendente na escola do resentimento.
Certa sensación de que aínda non nos podemos graduar e marchar correndo alameda abaixo coma se houbese algo novo ao final.

Pero este libro dalgún xeito que non sei concretar ben si que forma parte de algo novo, de algo que está a pasar: un aire fresco, excitante, estimulante que ultimamente, ás veces, sopra por aquí, sentídelo? Un aire fresco que nos saca de estarmos en pixama e zapatillas cos pés metidos no forno da cociña de leña coma se escribisemos para que nos lean as nosas amigas e choren as nosas nais». 
[Xiana Arias, libraría Couceiro, Compostela, 13 de xaneiro de 2015].


















«Quixemos que Gonzalo abrise a colección de poesía de Apiario dende o primeiro momento. A primeira carta que se puxo enriba da mesa, quedou. Era algo necesario para nós coñecer como evolucionara a poética de Gonzalo dende Crac, para onde miraba a xenreira que nacía daquelas páxinas. A lectura foi outra. Os textos eran outros. A concreción e a forma tallada dentro do bloque de mármore. Unha reformulación da nostalxia, que Celebra a oportunidade de abrir a porta da casa para que entren os cans e rebentar os puntos de sutura. Que cheire a algo. Que, por fin, cheire a algo». 

[Antía Otero, libraría Couceiro, Compostela, 13 de xaneiro de 2015].





















«Só direi: que neste texto, “Musgo 2”, veñen as instrucións para facerse cun corpo sen órganos, o colofón pono cómo o poema conclúe, rematando o ciclo Cerebro.

(O cerebro, din, é un músculo, un órgano, unha máquina. Pero se é unha maquina non é un órgano. Se tal, unha conxunción, unha sala, un lugar. Gonzalo: “Un circuíto con órganos sen pel que os embace”. Tamén din que ten o tacto das mans que o aman, a textura dun texto no que se está a traballar, e tamén a textura do glande, do ano, do clítoris, das mamas e mais dos nexos sen lei que os enlazan. Entón o que é un corazón tamén o é porque é un cerebro, un pexego ou unha granada. Incluso o fígado hepático, os riles, os pulmóns ou a nai. Un corpo en ton, en tona. Entón o cerebro é un músculo, pois, no sentido en que o é unha celebración).» 
[Claudio Pato, Normal. Espazo de intervención cultural, A Coruña, 16 de xaneiro de 2015]





















«Existen poéticas que parten desa sintaxe angulosa do cuarzo para remexérense en enxames e bandadas, poéticas que entran en calor. Neste libro -cunha escrita que dá ganas de escribir, como as boas escritas- acabo por entender a poesía como unha cerámica lingüística con vontade de entrar en calor, sen esquecer que procedemos da deriva dun glaciar. Entrar en calor sen perdermos de vista –e de cerebro, e de corazón- o frío.» 
[Estíbaliz Espinosa, Normal. Espazo de intervención cultural, A Coruña, 16 de xaneiro de 2015]

























































[Por orde descendente, as fotos dos actos son de Martiño Noriega, Pedro Carrasco, Daniel Duarte e Paz Hermo]

O vídeo da presentación en Santiago aquí:

xoves, 25 de decembro de 2014

María do Cebreiro sobre *Memorial e danza*


Francisco Cortegoso ou a política da serea

Cando menos desde Martin Heidegger, a filosofía contemporánea, en virtude dunha operación que Alain Badiou ten denominado “cesura”, caeu rendida ante a obra dos poetas, aos que considera portadores da verdade do ser, da que os filósofos quedaran desprovistos. Nesta tarefa de anotación poética ―dalgún xeito censurada por Badiou, pero á que el mesmo sucumbe―, o filósofo francés tense referido a Mallarmé no libro como “un pensador do drama do acontecemento” (Alain Badiou, Being and Event). 

O libro de Francisco Cortegoso que hoxe presentamos está traspasado, desde o título, por este drama, descrito a partir dun dobre movemento: o memorial (que poderiamos concibir, no esteiro de Pierre Nora, como emprazamento físico da memoria) e a danza, que engade ao libro o carácter performativo das palabras, entendidas como respiración e puro movemento. Por iso o libro condensa posicións que, nun poeta menos dotado, darían lugar a unha relación imposible: a que describe a colisión entre o poema-memorial (por exemplo, o último do libro) e a concepción da verdade, traída para Memorial e danza da man de Sade. Ao entender aquilo que outra época denominara perversións como pura fluencia natural do ser, Sade vólvese no poemario o perfecto reverso de Rousseau, do mesmo xeito que Marx fora o perfecto reverso de Hegel.


Outra cita de Alain Badiou debuxa con claridade a tensión aberta polo libro de Cortegoso, pois fala do escuro paradoxo que atravesa os “lugares do acontecemento” (evental-site, na versión inglesa da que traduzo): “O paradoxo dun lugar do acontecemento é que só pode ser recoñecido a partir daquilo que non está presente na situación na cal se presenta”. Isto devólvenos sen dúbida á tentativa mallarmeana de “atopar a verdade no vacío” e de “escribir un libro sobre nada”, que deu lugar á poesía moderna. E dicimos poesía moderna, e non posmoderna nin pospoética, pois dela depende o aínda non superado réxime estético da arte, de acordo coa concepción de Jacques Rancière ―o filósofo que, xunto con Merleau-Ponty, Alain Badiou e Slavoj Žižek, mellor se ocupou de Mallarmé.

No ensaio Mallarmé ou a política da serea, Rancière comeza por soster que Mallarmé non é un poeta escuro, senón difícil, e conclúe que a operación da literatura moderna consiste nunha petrificación da palabra que, curiosamente, viría ser a súa maior forma de estar viva. E aquí Rancière demostra ser un pensador astuto, porque forxa esta concepción da poesía moderna en conversa e combate con Sartre, que afirmara que os poemas de Mallarmé eran “eses versos nos que ninguén fala e que poden pasar por un ramo de flores escollidas segundo as cores ou por un xardín oriental de pedras, son en realidade puro silencio”. Escollo esta pasaxe porque no libro de Francisco Cortegoso as flores ―esas flores de pedra, sexan estas caléndulas, rosas ou calas (21, 24, 27, 29)― adquiren unha centralidade notable. Naturalmente, hai que ollalas como quen mira para fotografías de Mapplethorpe ou para os cadros de Georgia O’Keeffe ou para os corpos nus de Edward Weston. É dicir, estas flores son formas escultóricas, que se moven e non se moven ao mesmo tempo. Formas pétreas, igual que aquelas que o Dante quixera denominar Rime petrose, pois certos procedementos técnicos do poema foron creados só para chamar a morte. E por iso Francisco Cortegoso parte da epigrafía latina e vai deitando no libro, como advertencias, algunhas máximas. Máximas que son irreversibles, a diferenza do palíndromo redescuberto por Guy Debord: “In girum imus nocte et consumimur igni”. Porque a escritura epigráfica ten dereito pero non ten revés, e non está só escrita nunha lingua morta, senón que, por estar escrita sobre a pedra, é ao mesmo tempo escritura funeraria, escritura sobre a morte e o silencio.

A vinganza de Rancière fronte a Sartre consistiu xustamente en escoller o termo “revolución silenciosa” como característica da literatura moderna, termo que Sartre usara como insulto para se referir a Flaubert e a Mallarmé. Sartre denunciara o gusto de Flaubert polos poemas en linguas mortas chamándolles: “palabras de pedra que caen dos beizos dunha estatua”, e Cortegoso segue a Flaubert, e non a Sartre, cando invoca a Cocteau, e a súa noción da especificidade da lingua do poeta, capaz de falar un idioma que poucos coñecen. Sartre di dos poemas de Mallarmé que “florecen solitarios nun xardín agochado”, pero o que nos din tanto Rancière como Cortegoso é que non hai que temerlles nin aos xardíns ―imaxes da simultaneidade do interior e do exterior do corazón humano―, nin ás estatuas.


Ben é verdade que todos os teóricos do poema moderno subliñan a imposibilidade esencial do libro absoluto, que máis dun século antes da revolución silenciosa de Mallarmé xa fora imaxinado polo romanticismo de Jena. O mundo non foi escrito para ir parar nun libro, pola mesma razón pola que Martin Heidegger non puido rematar a obra Ser e tempo. Esta é a causa pola que, malia as súas notables diferenzas como filósofos, nin Rancière nin Badiou (Merleau-Ponty e Žižek escapan un pouco desta lóxica) son de todo compracentes coa procura mallarmeana. Levaba razón Gonzalo Hermo cando advertía de que no libro de Cortegoso non falaba ninguén, pero tamén podería argumentarse que quen fala na poesía moderna é o propio poema. E a violencia do diálogo de Rancière e Badiou con Mallarmé arrinca da constatación de que o baleiro creado na páxina acaba por devorar non só ao poeta, senón tamén ao poema.

Ningún destes perigos fan sucumbir a Memorial e danza, precisamente pola dobre dirección que escolle a súa palabra, e porque nesa lingua da que fala Cocteau por boca de Cortegoso ―esa lingua nin morta nin intelixible―, non é exactamente aquela coa que están escritos poemas como os da páxina 15 ou o da páxina 25 e 26. Este libro ten múltiples virtudes, e entre elas cóntase a de desmentirse a si mesmo. Dividido entre unha orientación rítmica e unha orientación escultórica, Memorial e danza mostra tamén a posibilidade dunha intersección entre estas dúas paralelas condenadas a nunca se xuntar. O que acaso sexa a peza maior do libro, situada entre as páxinas 31 e 32, así o demostra. 

María do Cebreiro

[Texto lido na presentación de Memorial e danza no Medusa de Compostela, o 17 de decembro de 2014. No acto participaron Claudio Pato, a propia María do Cebreiro e mais o autor].

martes, 23 de decembro de 2014

Claudio Pato sobre *Memorial e danza*


No corazón de Europa.
(notas a propósito de Memorial e danza de Francisco Cortegoso)


                                                             para Xonás, que no 2016 terá “cumprido” un ano


“Un texto non é un texto máis que se se esconde á primeira mirada, ao primeiro chegado á lei da súa composición, á regra do seu xogo”.

“Só preciso ler, só me interesa ler, para no caso incluso poder pensar, escribir. Deixarme nos ocos”.


*Resultoume severamente complexo ler onde Fran (non) escribe.  Ler o non escrito, o territorio. Aquilo que non se canta pero que deixa vir á cantiga. Deixando así  á lectora, ao lector nas marxes para a intrusión da súa (in)propia lectura/escritura que tanto terá. O lugar onde o con da escrita se adianta ao se espazar en extremo. Iso que para min fai deste libro exquisitamente escrito ao inventar o “autor”, un autor mestizo e contaminado polo afora, unha gramática propia, ao el a si  expropiarse, lanzarse en envío fóra de si mesmo.

*Precisamente, seguindo a Gonzalo Hermo, o “eu poético” era un límite do poema. Poesía, entón, no intransferible da man que porta, “como un principio de escrita”, o oco por onde ELA respira, xoga, deixa pasar, retrae, exponse ao estremarse.  Ao estremar a vida deixándolle lugar, espazo: o conflito, o disenso por dicilo con Rancière.

*Pensamos que Fran apenas escribe pero escribe.  E como escribe! Porque nós, lectoras, non sabemos cara a onde vai dobrar a corneta, nin quen vai tocar coas palmas dos pés descalzos os “mirábeis tardiamente madurecidos” aló na “Rue Beauregard”. Por iso que esta escritura toléanos, tólease ela mesma por estremarse. Por deixarse nos ocos ao ela devolver “unha exacta proporción de auga” repetidamente baixo do sol, cando se espaza. CORPUS

Claro que escribe, pero nunha lingua “nin viva nin morta”. Escribe o territorio ao tocado dos humildes, unha escritura  tocada, en derrama, desmembrada, en caída. Tocada, logo, esta escritura polo abrirse a si canda o outro que re-trae para apenas cubrir o lugar deixado. Para así deixalo en aberto para nós. TOUCHER




PERO non estou logo eu clareando nada, no entanto certa hermenéutica fala de comprensión, explicación e interpretación á hora de clarificar o claro-escuro. Mais eu non tratei de comprender nada para logo poder explicar aquí algún tipo de estrutura ou retórica referida á escritura que vén canda  Memorial e danza. E menos tratei ao fin de interpretar. Polo tanto non pensei nin escribín en tal sentido. Esta vía de coñecemento só trataría, se así se dera o caso, de situala aquí por escrito, de urbanizar o territorio Cortegoso como quen tratara de urbanizar Rosalia, Fassbinder, Celan, Artaud, Genet ou a Duras. (E claro que se pode).

“Só preciso ler, só me interesa ler, para no caso incluso poder pensar, escribir. Deixarme nos ocos”.

Entón poderiamos pensar que en Memorial e danza se escribe sobre a premura de pór en escena o desaxuste do noso tempo, e se escribe xustamente desde aí , tratando de axustarse ao desaxustarse, precisamente ao deixarse tocar polo afora, ao exporse ao que esta operación opera.

E entón poderiamos dicir tamén que Memorial e danza é un libro que procura temporalizar o espazo e espazar o tempo, para que xustamente nesa operación se poda dar, se fose o caso, o que de acontecemento vén canda ela con todo o real que a estrema.

E entón tamén poderiamos dicir que en Memorial e danza non hai silencio(s), en todo caso territorios : “Se digo que hai beleza no xiro que desprega a dalia; / se digo:  olla ese neno que pendura da figueira; / digo o territorio”. Corpos, atravesados, entreverados, con-entre-cruzados de turbulencias. Quizais un ruído negro aquí no libro que lemos tratado canda unha lingua pos-humana que, no entanto, o pon en escena dándolle, iso si, acubillo por mor dun saber retórico fóra xa de toda violencia fonocentrada. Aquí esa idea de que o libro contén certa repetición sen repetición, certo traballo agochado de AMOR.  “Lixadas do pó que achegara a si, / aquelas uñas grosas e arqueadas / como unha resoluta revolución / corporal / que deslinda”. 

E tamén poderiamos dicir que  todo en Memorial e danza está transido polo transcorrer do sangue clorofílico.  Ao contacto dos corpos coa luz dos outros, incluso coa propia exapropiación hermafrodita. Que fai do poeta un animal  do  afora, ao sobrepasar a realidade sinxelamente presente por vivir no real na dirección do imposíbel.             

E poderiamos dicir que en Memorial e danza  se dá  un asunto ao que, seguindo ao detective Delmiro Rocha, chamarémoslle exapropiación: un exceso dobre, un exceso sobre a propiedade do propio. “Un dobre movemento no que me dirixo cara ao sentido coa intención de apropiarme del, pero á vez sei e desexo, o recoñeza ou non, que siga sendo estraño para min, transcendente, outro, que fique alí onde hai alteridade”.

E tamén, incluso, se nolo permitides, poderiamos dicir que Memorial e danza é un libro queer. “Un único órgano / emerxente e central, / hermafrodita e de polución intensa, / a onde levar este baciamento / da cunca en que bebemos.”

E se en Memorial e danza se dese unha tal relación, meu querido Xonás, que deixa a marca leve da ave. Real espazamento do tempo e real temporalización do espazo. Unha relación cunha fronteira. María, pero non como parábola, como nos adianta o tal Hermo, non, senón como REAL A SI. Alí, aí, aquí. “por se devolver ao mundo” esta escri(a)tura, meu Xonás. Este a si de seu estar fóra.

Poderiamos seguir e despregar estas notas para así seguir lendo Memorial e danza. No entanto,  quixera para rematar pór aquí unhas palabras que Jacques Derrida lle adica ao poeta Francisco, dixo del que a “exactitude” é a súa palabra, a “esixencia de chegar ao último extremo”, a esixencia que o leva a querer “tocalo todo” e que non desexa renunciar a nada, nin sequera a palabras “incríbeis” como alma ou espírito, corpo, sentido, mundo, comunidade, liberdade, amor…

                                                                             Praia de Oza (A Coruña) outono 2014

Logo do escrito: “Lean Cortegoso, o planeta ben o merece”.


[Texto lido na presentación de Memorial e danza no Medusa de Compostela, o 17 de decembro de 2014. No acto participaron María do Cebreiro, o propio Claudio Pato e mais o autor].