Francisco Cortegoso volve á carga e desta volta traduce un poema de Yves Bonnefoy (Tours, 1923). O texto viu a luz por vez primeira en outubro de 2014, nunha tiraxe especial non comercial de 125 exemplares acompañados dunha litografía en cor de Farhad Ostovani, destinados ao Cercle des Amis de Éditart en Xenebra. Bonnefoy recuperou este poema na edición de La Grande Ourse (Éditions Galilée, 2015). As imaxes que acompañan o texto son do propio Ostovani.
DENTRO, FÓRA?
I
Fuxir, si, por aí! Da beira do lenzo que seca.
Tantas cores! Esta camisa,
encarnada, estoutras azuis. Estes brancos de toda sorte de branco. Esta luva de
baño deitada na herba.
Rin. Xogan a ser de cor, a vestila.
A lanzar unha bala de cor. Apañándoa no voo ou guindándoa un cara ao outro até
arrincar con toda a forza o encarnado, o azul; alento precipitado, bocas
próximas.
E agora este vento da tarde en toda
esta roupa que abanea!
Unha saba despréndese, voará? Non,
cae, retumba. Pasar entre eses dous outros grandes lenzos que restrollan,
mollados aínda. Perderse no seu albo onde abanean sombras. Aí que corren o sol
déitase. Aínda por pintar.
E xusto un pintor está alí, tras do
seu cabalete. Unha barba amarela. Un sombreiro tido dunha man, a causa do
vento. Da outra, se cadra a esquerda, tenta pintar.
É a variante deterxente.
II
E se fose por aquí?
Unha porta, certo. Purran por ela e
é o fóra. De certo fóra, o inmenso fóra plano, descoñecido, con animais ao
lonxe que semellen pensar noutra cousa.
E aí, diante deles, un neno, aínda
un, no alto pendurado dun muro, dediante do ceo. Ri, guíndalles xerseis, vaqueiros,
un vello vestido negro, esgazado.
Ponde isto, dilles. Fano. Óllanse,
saltan a rir, tamén eles.
E agora, subide!
De feito fórmanse marchas, soben.
Velaí están sobre unha terraza.
E sobre esta terraza un outro muro
desde onde o neno fica enribaaínda, moi axitado. O que fai? Adiviñade. Guinda
fotos, en feixes que se espallan. Que triste, dilapidar estas imaxes! Branco,
negro, toda unha vida.
Esta, por exemplo. Apáñaa!
É, mais é o meu avó!
Un rapaciño con colo de mariñeiro,
en efecto, moi serio por mor do aro que lle confiamos durante o tempo da pose.
A variante fotografías.
III
Esas voces, escoita!
Si, é alá no alto, na cima.
Desas árbores? De todas as árbores?
Como sabelo? Berra.
Non, ri.
Risos e berros a un tempo.
Agatuñados, eis, Deus sabe por que,
ou quizá non, que Eva rubiu tan alto que volvéndose colleu vertixe. Adán, que
de rama en rama a segue, tende a man. Os ollos pechos, ela alonga con risco a
súa perna. A primeira man que coñeceu o mundo cingue esas dedas levemente
empoadas. Descende, con precaución, ou ben non.
Vin, di ela.
O que entón?
O alén, vin o que está máis alá.
Todo anicado. Nubes que non corren. Casas.
E regalar a Adán o máis alá, este
froito da árbore. Rubamos máis unha vez!
Ah, canta ramada e follas, canta
froita! Apartan rama a rama para acceder a outras, sempre máis altas. Observan
ao lonxe, desta vez xuntos. É a variante “vida certa”.
Non descenderán xamais. Nenos que
xogan no alto, atizándose, con berros e risos como ninguén coñece sobre a
terra.
Pouca atención poñen nas pedras que
lles caen de perto destas non saben canto aínda máis altas. Son de diverso
grosor, rebotan sobre as ramas, por veces pártenas.
É a variante cima das árbores.
Ningún comentario:
Publicar un comentario