sábado, 2 de agosto de 2014

By natural piety


Deixo aquí a miña versión en galego dun dos poemas máis celebrados de Gabriel Ferrater, tirado do volume completo da súa obra poética, As donas e os días (1968). Dedícolla a Adrià Targa, que supervisou a tradución e soubo introducirme no universo do poeta coa gula dun admirador entregado. Velaí:
















By natural piety

Obra do único instante, este fugaz
quiliedro diamantino: a luz
sobre a túa cabeza de pouco cabelo? Non. Lento
para construírse, e esixente, con intensa
finalidade. Empeños dos días, noites
de confiado esquecemento, moitos reinicios
por carreiros que soben cara ao albor,
e cálidos recháns dos mediodías,
e pescozos de fría angustia nos atardeceres
enleados de atallos. O teu corpo
subiu ata aquí.
                           Quero que agora me leves
abaixo. Quero que me amoses os lugares
que portas na memoria e che contan
como fuches nacendo. Guíame aos cachóns
onde aprendiches a nadar, ás furnas
que se irisan de febre dunhas augas
onde ti te mergullaches. Vaiamos perdernos
polos bosques de carballos baixos dos teus
primeiros medos. Sigamos a estrada
pola que te facían ir en bici á vila
a mercar pan para os hóspedes imprevistos.
Xa estamos na intersección onde agardabas
o autobús de regreso a Barcelona.
Subamos. Deixaranos no bar suburbano
cheo de artificios importantes: o prisma
de vidro longo entregábache chicles,
a báscula marcábache o tributo
de cada verán. Dentro da cidade, procuramos
o barrio das cousas que agora son
corpúsculos de instinto teu e son aínda
cousas que eu podo ver. Descúbreme
o escaparate prodixioso de botellas
de facetas difíciles, que eran soños
severos e dúctiles á vez, como augurios
de cando poderías atinxir a túa
retraída e total natureza feminina.
Tomemos aquí un vaso de leite. Ou prefires
un xeado de moitos pisos ou algún líquido
de densa cor edénica, como as pernas
azuis e vermellas destas mozas
que te suceden? Saíron, como ti
saías, do portal revertido
de luz da inocente maxia negra.
A pé, e amodiño, imos subindo
cara ás rúas onde agora non pasan
máis ca figuras túas, as máis íntimas.
Péchanse as contras. A pouca luz
que aínda hai témola toda
para nós, e imos cercando muros
sen farois, que se abren coma un mar
vermello de ladrillos, e cheira a fondo
de mar, de fumes podres e, de súpeto,
a exhalación verde dun piñeiro fresco.
Dáme a man. Fai ver que che dá medo
volver atrás, cruzar de novo
a porta do colexio e retomar
a estupefacción dos xogos antigos
baixo estes piñeiros fóra do tempo, debaixo
do tempo. Será un momento moi breve. É un
momento, e xa esgaza, como a seda
deslucida que tapiza un sofá vello.
Non podes perderte máis aquí. Dáme a man
que é a obra boa do pasado, que es ti.

domingo, 20 de xullo de 2014

Un poema de Antón Blanco


O momento en que un toma conciencia de que deixou de pertencer á canteira da poesía galega porque outr@s veñen detrás, coa forza de Antón Blanco (Carril, Vilagarcía de Arousa, 1996), que asina este poema en diálogo con aqueloutro de Crac.














Como chagas as mapoulas do Somme
as que descobren o rastro
e negan a cegueira.

Querería por isto falar acerca dun ollo anterior ao bombardeo. Un ollo inocente
que se abre un bo día e contempla a desfeita. Un ollo que viu.
O da pupila arrasada. O da derrota.
Gonzalo Hermo

Así sacodes brazos e pernas
coma un rebordar de cunchas doentes
e todo ante o corpo-que-escintilea
figuras mercantís
rotando sobor do cráter.

Namentres
a nai compra incubadoras
eléctricas

instálaas no grande salón da parte baixa

trátase dun enormísimo cráter
nel
vivaces denosiñas invaden a taiga
(cercanía
centímetro
corenta-e-dous-catorce)
desdebuxándote.



martes, 8 de xullo de 2014

Veus confluents






















Mireu-me bé, sóc jo:
poema que ara escau
o que redola
que agafes o esmicoles
i a una altra cosa…


Mirádeme ben, son eu:
poema que agora se axeita
ou que arrola
que apañas ou esfarelas
e a outra cousa…

Susanna Lliberós: la calma, la empatia, la certesa






Som al paradís.
Però ningú no ha vist
la deessa blanca

Estamos no paraíso.
Pero ninguén viu
a deusa branca

Sebastià Perelló: la llum en la mirada, la saviessa en el vers




















“na lingua das bestas
señor
nesa lingua
escribo”

“en la llengua de les bèsties
senyor
en aquesta llengua
escric”

Chus Pato: tota la potència d'un idioma, el mestratge




















Aquesta és o no és
la qüestió: ens arrisquem a fer-nos grans
per acabar de comprovar que ens hem
equivocat?

Esta é ou non é
a cuestión: arriscámonos a medrar
para acabar de comprobar que nos
equivocamos?

Adrià Targa: la genialitat i la tendressa




















estrela coa túa lingua na semente do abismo
é dicir
rompe a falar

pica amb la teva llengua a la llavor de l’abisme
és a dir
posa’t a parlar

Estíbaliz Espinosa: la delicadesa, la bondat, el talent



Todo foi ben arroupad@s por Mireia, que nos sostiña, coidados por Dolors, que puña orde no caos.

Dirixidos por Albert, iluminados por Menchero.

Rompendo o nome do ciclo, as voces, finalmente, confluíron

























xoves, 15 de maio de 2014

Memorial e danza, de Francisco Cortegoso

«O triunfo do ego é o triunfo da poesía», anunciaba onte un medio dixital para celebrar a chegada do primeiro libro de poemas dunha escritora española nova, Irene X. A xulgar pola experiencia desta rapaza, que tiña colocados 4.000 exemplares antes de que o libro saíra do prelo, a fórmula do éxito parece clara: o poeta novo ha de se converter en personaxe de culto e o poema na vía de acceso á súa vida privada. Noutras palabras, becoming Miley Cyrus e que o libro sexa a Super Pop.

Pois ben, quixera eu aquí saudar a estrea literaria de Francisco Cortegoso, Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé 2013, xustamente co lema contrario: «A morte do ego é a vitoria do poema». Probablemente Memorial e danza non chegue ás cotas de mercado da tal Irene X, mais el si pode alcumarse orgullosamente de novo.


Penso eu que se existe a posibilidade dunha post-poesía, dun discurso poético que vaia alén das estremas do lírico, Memorial e danza se situaría aí, abrindo camiño con brazada firme, tan segura que pode sorprender a quen ignore o traballo de Fran coa escritura desde hai tempo. Non hai neste libro un incipit; antes ben, atoparemos unha manchea de versos que evocan un final, a meta dunha viaxe a través das posibilidades e límites do poema. O resultado de anos de procura e reflexión, ensaio e erro, escrita e lectura, labor. Memorial e danza é un libro de madurez, por moito que a man que o escribiu non chegue aos trinta anos.

A enunciación pasa a un segundo plano. Non importa aquí quen é o eu que fala (cando o hai), tampouco a quen se dirixe. A pregunta pola voz, central na reflexión sobre o poema desde o Romantismo, deixa de ter sentido. O suxeito esvaece ao tempo que comparece o poema, na súa maxestade, coa potencia dun corpo. 

Coido que a proposta que subxace en Memorial e danza asenta, esencialmente, en negar a mímese. Leo no libro e aprendo a lección: un poema non re-presenta, non volve presentar o que xa é. É. Deste xeito, convén non sucumbir á tentación da parábola. Onde Francisco escribe rosa, corazón e xardín léase rosa, corazón, xardín. Non hai símbolo – nada que no texto remita alén de si. E, no entanto, o poema fala de nós nun sentido que transcende a visión de curto alcance, o anecdotario do estar-aquí, agora. A poesía foi visión e pode volver selo. Hölderlin, Celan, Chus Pato. Escoller ben os mestres tamén é sinónimo de talento literario.


 Memorial e danza non fai concesións. Como Oriana Méndez, Daniel Salgado ou María do Cebreiro, Cortegoso é poeta que refuga dos excesos sentimentais, talvez consciente de que tal recurso opera na dirección de conquistar pola vía fácil a aprobación do lector medio. Poeta de técnica, de cabeza, que escribe escoitando o ritmo do corazón, pero non sacumbe ao seu embate cando comeza a latexar demasiado forte. Quere dicir e di. Melodía e palabra ata dar na fórmula precisa, aquela que o poema revela no seu estilo artesanal, de manufactura.

Memorial, porque un poema é economía da memoria, que dixera Derrida, escritura e recordo. Danza, que tamén valería dicir o movemento, a acción, o corpo humano avanzando contra o transcendente, contra o absoluto. Nin máis nin menos. 

Fran escribe:

É sorprendente
non a noticia circundante para cubrir
a imaxe dun furacán atravesando América Central
ou o Caribe,
mais a compracencia con que o vento
vindo do Norte este día de xullo
trata as pólas do plátano nun xardín de Europa;
e non o voo dunha gacela sobre os campos etíopes
atravesado na boca dun guepardo;
e non a portada de National Geographic
testemuñando o cultivo de arroz nas montañas de Indochina
tras o ciclo do Monzón;
e nunca o tempo achegado do Imperio Macedonio
porque eles xa contemplaban este ceo nocturno;
porque hoxe me inquieta
só este compasado movemento
sen retorno.

Hoxe, ás 21:30, en Fene, dámoslle a benvida. Presenta: Antón Lopo

venres, 2 de maio de 2014

O novo dos Ataque Escampe

Talvez lles estea a facer un feo, e probablemente meta a zoca en máis dun verso, pero decidinme a publicar a letra de “Arder”, adianto do novo disco dos Ataque Escampe, antes ca eles. Fágoo porque me parece boa e deixo constancia de que cando a escoitei por vez primeira me viñeron á cabeza os versos que pechan Os hemisferios, de María do Cebreiro. Non falo de intertextualidade (moito menos de plaxio); os textos non teñen nada que ver entre si. Pero supoño que conectan comigo neste momento e a memoria ás veces ten estas cousas.

Aquí o videoclip: http://vimeo.com/93074157#at=0




















Estou tranquila porque vou morrer
non sei se aquí, non sei se o mes que vén
igual que o que canta
igual que os que escoitan.

Parece triste pero non o é
de feito riste cando o pensas ben
das medias que rompen
das leis que preparan

do reloxo biolóxico
e por que pos esa cara?

Se eu quero entender
sen lume na man
as cousas que arden
e as que ficarán

que hora vai ser?
Alexanderplatz
facémosche plas, plas, plas.

Coa bici estática da túa nai
e as guías prácticas do que non hai
pasamos a tarde
en total liberdade

Quérote ben pero xa se verá
se o noso amor será internacional
por países varios
doerán os ovarios

as miñas ideas
e a puta bandeira

se eu quero entender
sen lume na man
as cousas que arden
e as que ficarán

aparecerán
por riba de min
as letras de fin, fin, fin

venres, 25 de abril de 2014

Unha entrevista

Deixo a entrevista que me fixo Olalla Cociña para A voz de Barbantia. Quero agradecerlles a Riveiro Coello e a Barbantia o convite e a xestión, a Abraldes a caricatura e, sobre todo, á propia Olalla que puxera o seu talento como xornalista ao servizo deste perfil-entrevista, que tan ben sintetiza o que foi a miña vida ata agora. 

Tamén a podedes consultar aquí





sábado, 12 de abril de 2014

Un filme sobre o desexo


Para Carlos, que está de despedida, e algo sabe do que aquí conto




Si, ao meu ver, Gone with the wind é un filme fundamentalmente sobre o desexo.

Renego desa lectura canónica segundo a cal Ashley sería o verdadeiro amor de Scarlett, mentres que o fracaso do seu matrimonio con Rhett Butler se explicaría polo seu carácter de comodín ou segundo prato. Case diría que ao revés. Ben pensada, a relación de Ashley e Scarlett é a paradigmática do amor cortés, pero cos papeis cambiados: aquí ela exerce o rol de amante penitente e el o de amada esquiva. Funcionan todos os elementos: Melanie, a bondadosa (e almibarada) prima de Ashley, con quen está prometido, actúa como o elemento que imposibilita a consumación do amor, ese papel que nas cantigas provenzais e galego-portuguesas exercía un esposo ciumento ou a distancia entre clases. 

Pero que pasaría se Melanie morrese, non sei, nun accidente doméstico, e se salvase o escollo que lles impedía estar xuntos? Para min non hai dúbida. Scarlett acabaría fuxindo de Ashley como da peste. O desexo que sente cara a el é puramente fantasmático, e non se entende sen o factor-barreira que impide a consumación. Finiquitada esa distancia que permitía apreixalo como un obxecto de desexo sobre o cal fantasear, o interese desaparecía inmediatamente. Noutras palabras, Ashley pasaría de ensoñación romántica a señor-algo-molesto-que-ocupa-a-metade-da-cama e cumpriríase así a máxima da psicanálise segundo a cal non sempre queremos conseguir aquilo que pensamos desexar.




Rhett, no entanto, é real. Aparece desde un primeiro momento desprovisto de máscaras, sen carga espectral: é un latin lover caprichoso e cara dura que aspira a conquistala. Os devaneos dela, que parece nunca asumir de todo a relación, acaban co matrimonio – e velaí por que a escena final, onde el lle espeta aquel memorable «frankly, my dear, I don't give a damn», posúe a categoría de clímax no conxunto da trama. Non porque Scarlett sexa unha nena caprichosa que quere o xoguete cando llo quitan (como el mesmo suxire ao despedirse), senón porque descobre que a quen ama de verdade non é a Ashley, senón ao propio Rhett.

O final, a orixe como subterfuxio, o regreso ao fogar para comezar de novo, agora comprendéndoo todo, dá sentido á historia e complétaa como un xogo de equívocos sobre a verdadeira natureza do desexo.




Pecho esta entrada cun dos mellores poemas que se escribiron en Galicia na década de 90. E iso penso, talvez porque tamén eu regreso a Tara[goña] de cando en vez, para reconstruír o mundo ou o que sexa, e porque desde Tara hoxe escribo estas liñas. 

Tara

Como en ti, como en Atlanta. Falando da seca, da sega, dunha xeografía arriscada que se extendía simplemente así, coma campos de algodón arredor de Tara. Pero aquí, aquí todo foi noso; aprender o mundo que regresaba sempre para salvarnos xuntos, agardando atados, coas mans á espalda pero vivos, porque aquí, incluso aquí, o mundo seguía ben, nen mellor nen peor de como o deixáramos.

Xa non importa, pero eu non tiven corazón; amaba os golpes baixos e aprendía a falar con terror porque sabía historias das outras, das que aínda están por contar e permanecen sempre como a terra roxa de Tara. Sen embargo non fixen nada inútil por salvarme, e agora non debo pensar niso, de todas formas xa non importa.

Porque xa nada queda do sur, Ashley. Agora só quero amar o que me pertence e esquecer a agresividade daqueles días como esquezo a fuxida, o reencontro. O inferno non é un lugar decisivo aínda que o queime todo e xa non tente versos dominantes para ter razón e forza. Regresa o texto sen pulso nen forma e escribo detalladamente nada, reanimo algo que nen sequera existe porque esta vez habemos dicir a verdade. Porque era ese o noso destino e os nosos ollos épica.

Regresaremos a Tara para reconstruir o mundo. Será a poética da sega, da seca. Será un motivo literario que sangre. Con razón ou sen ela teremos a forza necesaria para cinguir á cintura toda esa terra queimada, estilizar o poema con violencia até que nos custe respirar.
Abismal como unha dama, e nunca máis como unha dama.

Agora que todo marchou co vento non faremos nada inútil por salvarnos, esta vez habemos dicir a verdade como se ese fose o noso destino, e os nosos ollos épica.

Realmente, mañán será outro día.

Emma Couceiro