sábado, 9 de novembro de 2013

Un poema de Allen Ginsberg






Estou contento, Kerouac, o tolo do teu Allen
ao final conseguiuno: vén de descubrir un novo gatiño
e o meu soño dun rapaz eterno
camiña polas rúas de San Francisco,
fermoso, e queda comigo en cafeterías
e ámame. Ah, non penses que son noxento.
Estás enfadado comigo. Por todos os meus amantes?
É difícil comer merda sen ter visións,
cando teñen ollos para min é como o paraíso.
Reality Sandwiches, 1963
[A tradución é miña]

xoves, 31 de outubro de 2013

Lírica medieval e nacionalismo literario

O nacionalismo literario existe: atópase nos achados e nos silencios, no que se subliña e no que se aventa. Tamén aí, onde parecía que ningún desvío era posible, que non cabía ren, nin opinión nin matices, e resulta que se se furga un pouco, axiña aparece o xuízo da nación agromando como se fose unha fantasma.

A canle de intervención do ideario nacionalista no discurso literario pasa pola canonización do específico. Sempre e cando esa especificidade se axuste ao espírito do pobo, por suposto, que as rarezas están ben para o anecdotario nacional pero un país non se fai de experimentos. Ninguén quere unha literatura excéntrica. Aquí do que se trata é de aguilloar toda forma literaria que lle preste ao volksgeist e deixar os elementos incómodos para o rocho da historia.

A lírica medieval, por moi afastada que se atope do noso horizonte máis inmediato, non se libra destas pugnas. Quen estudase galego no bacharelato, sabe que da tríade lírica medieval a cantiga de amigo é a que sae mellor parada. Non por acaso, esta serie xenérica representa a ollos dos estudosos a máis xenuína modalidade lírica galega-portuguesa, a única autónoma e, polo tanto, modélica, talvez enraizada en formas populares precedentes, desta volta domeadas pola cultísima man dos trobadores. A única que non lle roubamos á Provenza, vaia.


Sobre os outros dous xéneros (tamén moi dignos, insístese), é adoito colocar algúns chanzos. A irmá menor, a cantiga de escarnio e maldicir, ben puidera pasar por xénero autóctono, pois na verdade pouco ten que ver co sirventés provenzal, por máis que se teime no contrario. Ora ben, a sátira, sobre todo se é escatolóxica, non casa ben co canon. O canon debe ser unha cousa seria e isto é válido aínda que un señor como Afonso X deixase escritos versos coma estes: se molher acha que o demo ten / assi a fode per arte e per sen.

As de amor son acusadas regularmente de formulistas. Por seguir coa metáfora, esta sería a irmá circunspecta, demasiado pagada de si, pouco espontánea. A que sempre chega á casa antes das 12. Dos tres, o xénero que menos lle avece á alma creativa do poeta. Isto dise sen ter en consideración que aplicar a noción de creatividade á literatura medieval é tan anacrónico como as pegadas de tractor no campo que aparecen naquela escena de Gladiator, pero iso xa é outra historia.

Porque, seguindo o mesmo esquema argumental que propón a historiografía literaria para desaprobar o xénero de amor, pregúntome eu aquí que hai de formulista, de frío ou desganado neste texto que asina Fernando Esquío, por exemplo:

Amor, a ti me ven[h]'ora queixar
de mia senhor, que te faz enviar,
cada u dormio, sempre m'espertar
e faz-me de gram coita sofredor.
Pois m'ela nom quer veer nem falar,
       que me queres, Amor?
 
Este queixume te venh'or dizer:
que me nom queiras meu sono tolher
pola fremosa do bom parecer
que de matar home sempr'ha sabor.
Pois m'ela nẽum bem quis[o] fazer,
       que me queres, Amor?
 
  Amor, castiga-te desto por en:
que me nom tolhas meu sono por quem
me quis matar e me teve em desdém
e de mia morte será pecador.
Pois m'ela nunca quiso fazer bem,
       que me queres, Amor?
 
Amor, castiga-te desto por tal:
que me nom tolhas meu sono por qual
me nom faz bem [e sol me faz gram mal]
e mi o [fará], desto [som] julgador.
Poilo seu bem cedo coita mi val,
       que me queres, Amor?
                     
Gústame Esquío porque é apaixonado no amor e procaz na sátira. E isto tamén é cuestión de óptica, claro. O nacionalismo literario non é nin mellor nin peor ca ningún outro enfoque. Todo enfoque é limitado e é lexítimo e bo e gústanos cando aquel que fala recoñece o alcance do seu punto de mira. Non hai ollo que abranga o campo todo. O problema do nacionalismo literario é que tenta coarnos as súas impresións a través do filtro da obxectividade científica. Dese estado imparcial no parecer que se consegue despois de anos de estudo, seica. Non é verdade. Tamén eles son parciais. Como eu cando digo que Fernando Esquío é o mellor poeta medieval da Península Ibérica. Por moito que algúns escribamos estas cousas nun blog e outros nos manuais de historia da literatura.

luns, 7 de outubro de 2013

Poesía e precariedade

Os teóricos da escola de Santiago veñen falando desde hai algún tempo de dúas disposicións ou habitus, na terminoloxía de Bourdieu, que compiten por monopolizar o capital do campo literario: unha disposición lírica e unha disposición non lírica. De acordo con Arturo Casas, o habitus non lírico recolle todas aquelas prácticas poéticas que presupoñen a refutación da chamada actitude lírica, entendida esta como a construción dun suxeito discursivo que dá conta dunha subxectividade ligada á doxa romántica. Os discursos non líricos son necesariamente heteroxéneos, xa que se caracterizan á negativa, pero poden ser perspectivados como unidade na medida en que funcionan no seu conxunto como contrapeso dos líricos. En termos de Foucault, o discurso lírico sería a potentia ou forza hexemónica, mentres que o non lírico desempeñaría o papel de potestas, a contra-forza que resiste e nivela o influxo da forza dominante.

Pois ben, a miña idea sobre o estado actual da poesía galega é que a potestas está en condicións de darlle a volta á relación de poder e tornarse potentia. Tomando como referencia a produción poética galega a partir do ano 2000, ano no que, non por acaso, Chus Pato lanzaba un clamoroso «adeus á lírica», percibo cada vez máis tentativas de ensaiar fórmulas non líricas para o poema. Digo tentativas porque nalgunhas ocasións os resultados son tímidos, ou inseguros, e isto explícase pola presenza dunha tradición monopolizada ata tal punto polo habitus lírico que este chegou a confundirse coa esencia mesma do poético. No entanto, si parece claro que existe un certo cansazo das formas de escrita vertebradas en torno ao mundo interior dun eu que facilmente puidese confundirse co poeta mesmo e, por conseguinte, unha estratexia encamiñada a remarcar as fronteiras entre a voz do poema e a voz do poeta.

Ollo, con isto non quero dicir que o salto ao non lírico se salve mediante un cambio pronominal. De feito, existen poéticas perfectamente líricas que se expresan desde un nós. Da mesma maneira, o uso da primeira persoa non implica que o resultado sexa lírico de seu e, de feito, moitos textos nos que estou pensando constrúense deste xeito. A diferenza radica en que na poesía non lírica ese eu dá conta do poema, non é o poema. O texto despraza «a centralidade enunciativa e enunciada do suxeito», o reflexo dunha «sentimentalidade vinculada ao coñecemento» – son palabras de Casas. Cabe aquí a contaminación discursiva, coa entrada de modalidades neo-épicas ou epizantes, dramáticas e ensaísticas, e aínda das non literarias, pero moitas veces son poemas onde o eu simplemente se esforza por levantar a vista do embigo.

Adopte a forma que adoptar, a emerxencia de poéticas non líricas ten as súas implicacións. Por unha banda, revela unha negativa a asumir a máxima posmoderna segundo a cal é imposible saír dos esquemas pautados pola tradición (aquilo que Vattimo chamaba «a fin da era da superación») e, consecuentemente, a actualización da noción de vangarda, non na dirección de recuperar as vellas vangardas históricas, senón como confianza en que a historia, tamén para a poesía, non morreu coa caída do muro de Berlín. Por outra, representa unha posibilidade de intervención no espazo socio-político (se é que tal acción é aínda posible a través do poema), na medida en que, ao sacar o xénero da dimensión autorreferencial, se facilita a posta en marcha de análises críticas da realidade non niveladas polo recurso ao singular e ao emocional.

É dicir, a hipótese que lanzo aquí é que a proxección de poéticas non líricas en Galicia pode estar en consonancia cunha toma de conciencia e un querer posicionarse a respecto da realidade por parte dos autores que as poñen en práctica. Talvez sexa activada por poetas que se saben e se recoñecen como suxeitos históricos, perfectamente transidos polo seu espazo e o seu tempo. Non hai maneira de escapar destas coordenadas, non se pode escribir desde fóra, por moito que se nos repita que a poesía é a arte do transcendente e o poeta, a poeta, unha especie de ente atemporal que comunica as esencias do humano. Falando desta cuestión con Francisco Cortegoso, dicíame el que o escritor é un «conservador do seu tempo». Pode fantasiar coa idea de que escribe sen pai, sen tempo e sen patria, pero a súa produción deixará igualmente rexistro de quen é seu pai, cal o seu tempo e onde a súa patria.

Ora ben, isto non quere dicir que a práctica lírica e a vontade de artellar un discurso de resistencia sexan incompatibles. Por poñer un exemplo, as poéticas feministas continúan a articularse en boa medida valéndose dunha actitude lírica, é dicir, construíndo un suxeito poético feminino que, mediante a expresión dunha subxectividade liberadora, vén entrar en concorrencia co réxime simbólico do patriarcado. Hai moitos outros exemplos, e a tradición literaria galega pode fornecérnolos sen ter que rabuñar de máis. Aí esta Rosalía, sen ir máis lonxe.

En todo caso, sexa mediante a configuración de discursos non líricos, sexa mediante discursos líricos, os elementos repertoriais da recente poesía galega dan a entender que os produtores, incluídos os poetas que se incorporan á actividade literaria no último decenio, non esquecen nin queren esquecen a condición subalterna da cultura da que agroman e cúmprense así a pauta sinalada por González-Millán segundo a cal os autores de literaturas periféricas móstranse máis receptivos a subverter as tradicións discursivas dos xéneros literarios, que son percibidos desta volta como dispositivos de poder que vehiculan unha tradición repertorial que terma do statu quo.

Isto é especialmente visible se o comparamos coas modalidades de poesía que se practican hoxe nos grandes centros de cultura. Ultimamente estiven atento ao que están escribindo poetas novos dos Estados Unidos. Non hai dúbida de que a miña visión do asunto é necesariamente incompleta, máxime cando parte da lectura de antoloxías e panoramas, pero a impresión que extraio é que estes autores mozos proxectan suxeitos poéticos que reflicten a súa percepción ante experiencias cotidianas que se viven como cruciais para a autoformación persoal ou ben reivindican aquelas escritas que senten como próximas, pero non por vía do intertexto, é dicir, mediante o diálogo con eses textos de referencia, senón sinxelamente como catálogo de predileccións, como inventario de fetiches. O cambio verdadeiro que eu detecto nos seus discursos a respecto de, por exemplo, os confesionalistas dos anos 50 e 60, é que, por primeira vez, interesa máis o efecto que o texto produce nos lectores, a imaxe que se proxecta da propia poética, que a poética en si mesma. Interesa a superficie, talvez porque a cultura da imaxe fixo o seu traballo ou ben porque se chegou á conclusión de que calquera tentativa de significación está abocada ao fracaso.

Isto é, a lírica predomina con clareza, mesmo que sexa modulada polo humor, e, ademais, trátase de lírica á que se lle poderían aplicar boa parte dos trazos característicos que Alberto Lema fixaba a semana pasada neste mesmo encontro para a novela posmoderna: predominio dunha primeira persoa que carece de identidade colectiva, preponderancia da ironía, presentismo ou ausencia de profundidade histórica, renuncia ao proxecto que representaron as vangardas, ausencia de conflito de clases, etc.

En Galicia comezan a albiscarse retallos de poéticas máis ou menos afíns, pero, se atendemos á obra dos poetas que foron aparecendo dun tempo a esta parte, xusto é dicir que andan noutra cousa. E digo eu que a barbarie coa que nos obrigan a tragar a diario algo terá que ver con isto.

Ocórreseme, mesmo, que a vangarda ben puidese estar aquí, a este lado do mapa, onde cada vez é máis xeral a sensación de que a posmodernidade, tamén a posmodernidade estética, foi un mal soño que cómpre esquecer. Mentres tanto, nas capitais do imperio algúns continuarán a escribir poemas convencidos de que a realidade é un texto e que nada máis importa.

A precariedade conta coa vantaxe de que serve para manter os ollos abertos. Algo bo tiña que ter.



Discurso lido o pasado 3 de outubro na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo no marco do VIII Ciclo de Mesas Redondas «Escritores/as na Universidade», organizado pola AELG e coordinado por Xina Vega. Na mesa estabamos presentes Xabier Xil Xardón, que actuou en calidade de presentador, Berta Dávila e mais eu.


mércores, 25 de setembro de 2013

Un poema de Agustín Delicias

Os mariñeiros, sobre todo se son das rías Baixas, teñen palabra. Velaí a xoia, directamente chegada do esteiro do Tejo:


Colecciono neuroses
coa fascinación de quen atopa mascaróns de proa
despois das tempestades.

–O desconcerto dun vulto na beira,
o medo dun corpo sen vida.–

Pasada a sorpresa levaríao á casa,
penduraríao con cerimonia dunha parede de respecto e baixo a súa volta
convocaría amigas, abriría botellas,
comezaría a parlamentar despois dunha pausa dramática
na que só se escoitase as copas recibiren o líquido
e contaríalles as historias das que eses seres son calada testemuña,
inventaría cadáveres botados ao mar, linguas ignotas,
abordaxes, escorbutos,
 a calor e as estrelas
–o tan socorrido pero sempre seguro erotismo da pirataría.

Se tivese casa.

As neuroses non piden tanto espazo
e non as hai que vernizar nin quitarlles o po tan a miúdo,
que todo o que as augas cospen podrece moi rápido en contacto co ar,
                   coma a mapoula que se arrinca e nos murcha
no camiño de levármola ao pelo.
E, coma as cunchas,
pódelas meter no peto,
intercambialas por especias ou tabaco,
disimulalas no interior dun calcetín aínda que te manquen no pé
ou facer con elas un colar para as ter a par do corazón.

Mais tamén coma as cunchas non daremos nunca feito
o reconto das que fican na area
         e non nos acompañarán riba dos mobles nas noites mal durmidas,
porque as mareas que soben
acaban
sempre
levando os restos que deixou a baixamar.

Entón tírome á auga,
mergúllome
mascarón tronzando o océano
e sinto na pel o silencio súpeto que fura os ollos
da pequena morte de deixarse ir,
da única maneira de ser dentro do mundo sen estarmos mortos.
        
Porque aquí todo xa foi,
e porque é da outra banda do espello
onde non se sobrevive a calquera dos naufraxios.

mércores, 4 de setembro de 2013

Wietnam

Unha colega polaca envíame esta tradución dun texto de Wisława Szymborska, que foi vertida ao galego por Lucía Caeiro en Edicións Positivas hai cousa de dous anos. Quero agradecerlle desde aquí a súa xenerosidade e animala a que continúe co labor, agora que é case que bilingüe. Os lectores de poesía en Galicia saberemos recoñecerllo.



Vietnam
Muller, o teu nome e apelidos? Non lle sei.
Data de nacemento? Procedencia? Non lle sei.
Esta lapa na terra, por que a escavaches? Non lle sei.
Canto hai que te agochas aquí? Non lle sei.
Por que me mordiches no dedo anular? Non llei sei.
Sabes que a nosa intención non é ferirte? Non lle sei.
De que lado estás? Non lle sei.
Agora estamos en guerra. Tes que elixir. Non lle sei.
A túa aldea aínda existe? Non lle sei.
Estes que están aí son os teus fillos? Si
[de Sto Pociech, Unha monada, 1967] 

martes, 27 de agosto de 2013

Alfonso Pexegueiro e as mulleres

Hai uns días escoitaba a Leonor Watling nun programa da TV falar sobre cinema en xeral, e sobre o seu traballo como actriz en particular. Dicía Watling que, no que ao tratamento das mulleres se refire, dous directores españois destacaban con clareza sobre os demais: Bigas Lunas, ofrecendo a pauta hetero, abertamente desexante, e Pedro Almodóvar, que achegaba a visión cómplice da ollada gay. Pensei un momento sobre o asunto e axiña bosquexei coa cabeza un aceno de profunda desaprobación. Pois, tal e como eu o vexo, un e o outro se valen de determinados estereotipos femininos para perfilar un universo cinematográfico que lles grato, e no que as mulleres desenvolven un papel, distinto en cada un dos casos, pero onde non son en absoluto voz nin centro.

Non digo que iso sexa malo. De feito, talvez ningún dos dous estivese realmente interesado en converterse en estandarte de nada. Cada artista merece ser xulgado polo seu traballo e non polas súas boas intencións, aínda que se de boas intencións falamos neste terreo, talvez Watling puido pensar en Julio Medem, independentemente do bo ou malo que lle poida parecer o seu cinema. Pensar en Habitación en Roma, por exemplo.


Escoitaba a Watling cun exemplar de Hipatia na man (aqueles días regresaba á súa lectura) e, turrando fío, ocorréuseme que Pexegueiro ben puidese ser o Medem da súa xeración. Un Medem atorado no medio duns cantos Bigas Luna, con algún Almodóvar perdido polo medio. Digo isto porque cando un se achega á obra do poeta, axiña percibe un tacto especial. Especial por infrecuente se a analizamos en contexto.  

Dous factores diferencian neste punto a obra de Pexegueiro da dos seus contemporáneos. A primeira, pero non por iso a máis importante: a muller fala. Non é, en efecto, nin musa, nin amante, nin Señor. Nin Moraima dándolle asilo ao soldado que regresa vello das últimas batallas: axente. Ben é certo que hai experiencias semellantes nalgunhas escritas coetáneas. Ferrín, por poñer un caso, quixo que o líder da resistencia contra a Terra Ancha fose unha muller e iso hai que valoralo como unha decisión política lúcida. Con voz de muller fala Antonio R. López nun importante número de poemas de Sucios e desexados. No entanto, e velaí o segundo factor caracterizador da obra de Pexegueiro, se en Retorno a Tagen Ata ou en Sucios e desexados a man masculina que modula unha voz de muller se adiviña sen grandes problemas (cando menos neste último libro, semella decisión consciente por parte do autor), n’A illa das mulleres loucas ou en Hipatia esvaece sen deixar rastro. Tecnicamente, isto non debe ser doado; e velaí por que mulleres e homes que escriben poesía tenden a articular suxeitos líricos que se corresponden co seu xénero. Mediante o travestismo vocal, @ poeta corre o risco de que o lector adiviñe enseguida un aquel de impostura. E, se quen escribe é el, daquela exponse directamente a ser acusado de oportunismo.

É máis fácil ser honesto sendo el. Ou, cando menos, así un evita o tema e santas pascuas.

Pexegueiro decidiu asumir ese risco e, podendo fracasar, sae airoso cunha solvencia que sorprende. Non me gusta falar de sensibilidade cando se tocan estas cuestións, pero o certo é que Pexegueiro a ten. É de xustiza recoñecelo. El foi o primeiro. Coma eses episodios únicos, máis ben estraños, que acaban callando moito tempo despois, cando o protagonista talvez perdese toda esperanza de atopar complicidade, ou sequera comprensión.


Non son o primeiro que fala do herdo que deixaron as poéticas feministas dos 90 naqueles poetas (varóns) que vimos publicando algún tempo despois. Inclúome aquí. María do Cebreiro falou diso a propósito da estrea literaria de Alberto Lema. Helena González veno apuntando desde hai anos. Parece que a eclosión da ollada feminina autoconsciente supuxo un boom que a xeito de revulsivo entrou no discurso literario galego para quedar, como unha sorte de experiencia asimilada. Ben sei o que sucede coa miña escrita, pero non creo que se trate dun fenómeno illado. Véxoo moi claro cando leo a Mario Regueira, a Fran Cortegoso, a Ismael Ramos ou a Roi Vidal. Non hai ruptura co discurso inmediatamente precedente, o inaugurado polas poetas. Antes ben, asúmese a lección e tírase para adiante. Sen traumas.

Ora, moito antes estivo aí Alfonso Pexegueiro. Sen case que ningunha tradición que non asente na escrita fundacional de Rosalía. Abrindo camiño.


É bo que saiba. Non descubro nada novo. Pero débese saber

venres, 9 de agosto de 2013

Ningún precipicio


Dedicado a Eduard, polas conversas no bar de Castrón Douro, para que volva co sol da Costa Brava metido por dentro

Estes días ando ás voltas coa quinta entrega poética de Olalla Cociña, acabada de saír do prelo de Toxosoutos. Leo no libro, leo no prólogo de Ildefonso Rodríguez e penso nos discursos, no discurso que unha poeta inaugura cando dá a coñecer un primeiro libro e en como ese discurso evolúe co tempo, algunhas obras éditas despois, cando á autora comezan a saírlle as primeiras canas. Esa etapa da madurez literaria da que tanto se fala. Qué pasa aí.


Ben pensado, todo primeiro libro institúe un proxecto de escrita e o lector-seareiro gusta de detectar as modulacións, os cambios de rumbo que a autora vai delineando a partir dese primeiro plano ou ben a súa indeleble perseveranza. Non coñezo un poeta que non acabe renegando do seu primeiro libro e, no entanto, en moitos deles ese libro segue aí, alumando o camiño como se se tratase dun facho.

Pois ben, o que me interesa da obra de Olalla Cociña, vista en perspectiva, é a existencia dese facho; dito noutras palabras, a capacidade para instituír un discurso poético que, mantendo a coherencia trazada na súa opera prima, nin se estanca nin se esgota. Porque os discursos literarios poden esgotarse. Hai exemplos abondos, a esta e á outra beira do mapa. Poéticas moi potentes que ao cuarto, quinto libro acaban convertidas case que en caricaturas de si. Se a grandeza dun proxecto de escrita radica na súa capacidade para diseminarse sen morrer, para ir colleitando froitos novos da mesma árbore, daquela o discurso de Cociña é valioso. Éo sen grandes alaridos; dificilmente un lector a quen non lle guste Ningún precipicio o detestará con vehemencia –non hai grandilocuencia, hai honestidade. Ora ben, se lle gusta, amarao con paixón. Pasa coas cousas pequenas. Pequenas de tamaño. Unha pedra miúda de acibeche no medio dunha lámina de granito. O granito tamén é fermoso, pero vese. No acibeche hai que reparar.

Quero dicir con isto que Ningún precipicio é congruente coa poética da autora pero, ollo, hai evolución. De feito, eu diría que é o seu libro máis distinto. En certos momentos, mesmo semella difícil recoñecer a escritora que hai oito anos dera ao prelo As cervicais da memoria. Pasa nalgún texto, non en moitos, en poemas coma este:

Viñera unha palabra á boca

cruzara o corpo enteiro
e velaquí estaba o son, o peso

o estalido na lingua pero non o nome
non o nome

o esforzo por descorchalo
dilataba opiáceo os sentidos
e outorgaba moito máis
que unha palabra

Pero o pouso mantense. Olalla Cociña sabe traernos unha ollada diferente do cotidiano, a visión dun suxeito poético marcado en feminino que ben puidese ser unha rapaza especial, algo estraña ou louca, que nos encandea porque sabe descubrir mundos onde os demais só vemos zapatos, castelos de area, empanada de raia que se come os domingos. Na súa obra no hai guerra, ou mellor, a guerra atópase de portas para a dentro. Como darlle de comer na boca á irmá máis nova, que xa ten anos abondos para facelo de propia man. Tenrura e crueldade, dous planos que a poeta sabe taxar con tino para que ningún dos dous chegue a molestarnos, o un por sobredose de azucre, o outro por exceso de estridencia. Aí está a poética de Cociña. O seu enxeño.


Quixera pechar esta nota apuntando que, malia o dito, Ningún precipicio é ás veces bastante cruel, mesmo morboso en momentos, e a quen isto escribe iso gústalle, claro. Ora, se queredes unha lectura verdadeiramente lúcida, basta que vos fagades cun exemplar e o abrades pola páxina cinco. Ildefonso Rodríguez ofrécevola de graza