martes, 27 de agosto de 2013

Alfonso Pexegueiro e as mulleres

Hai uns días escoitaba a Leonor Watling nun programa da TV falar sobre cinema en xeral, e sobre o seu traballo como actriz en particular. Dicía Watling que, no que ao tratamento das mulleres se refire, dous directores españois destacaban con clareza sobre os demais: Bigas Lunas, ofrecendo a pauta hetero, abertamente desexante, e Pedro Almodóvar, que achegaba a visión cómplice da ollada gay. Pensei un momento sobre o asunto e axiña bosquexei coa cabeza un aceno de profunda desaprobación. Pois, tal e como eu o vexo, un e o outro se valen de determinados estereotipos femininos para perfilar un universo cinematográfico que lles grato, e no que as mulleres desenvolven un papel, distinto en cada un dos casos, pero onde non son en absoluto voz nin centro.

Non digo que iso sexa malo. De feito, talvez ningún dos dous estivese realmente interesado en converterse en estandarte de nada. Cada artista merece ser xulgado polo seu traballo e non polas súas boas intencións, aínda que se de boas intencións falamos neste terreo, talvez Watling puido pensar en Julio Medem, independentemente do bo ou malo que lle poida parecer o seu cinema. Pensar en Habitación en Roma, por exemplo.


Escoitaba a Watling cun exemplar de Hipatia na man (aqueles días regresaba á súa lectura) e, turrando fío, ocorréuseme que Pexegueiro ben puidese ser o Medem da súa xeración. Un Medem atorado no medio duns cantos Bigas Luna, con algún Almodóvar perdido polo medio. Digo isto porque cando un se achega á obra do poeta, axiña percibe un tacto especial. Especial por infrecuente se a analizamos en contexto.  

Dous factores diferencian neste punto a obra de Pexegueiro da dos seus contemporáneos. A primeira, pero non por iso a máis importante: a muller fala. Non é, en efecto, nin musa, nin amante, nin Señor. Nin Moraima dándolle asilo ao soldado que regresa vello das últimas batallas: axente. Ben é certo que hai experiencias semellantes nalgunhas escritas coetáneas. Ferrín, por poñer un caso, quixo que o líder da resistencia contra a Terra Ancha fose unha muller e iso hai que valoralo como unha decisión política lúcida. Con voz de muller fala Antonio R. López nun importante número de poemas de Sucios e desexados. No entanto, e velaí o segundo factor caracterizador da obra de Pexegueiro, se en Retorno a Tagen Ata ou en Sucios e desexados a man masculina que modula unha voz de muller se adiviña sen grandes problemas (cando menos neste último libro, semella decisión consciente por parte do autor), n’A illa das mulleres loucas ou en Hipatia esvaece sen deixar rastro. Tecnicamente, isto non debe ser doado; e velaí por que mulleres e homes que escriben poesía tenden a articular suxeitos líricos que se corresponden co seu xénero. Mediante o travestismo vocal, @ poeta corre o risco de que o lector adiviñe enseguida un aquel de impostura. E, se quen escribe é el, daquela exponse directamente a ser acusado de oportunismo.

É máis fácil ser honesto sendo el. Ou, cando menos, así un evita o tema e santas pascuas.

Pexegueiro decidiu asumir ese risco e, podendo fracasar, sae airoso cunha solvencia que sorprende. Non me gusta falar de sensibilidade cando se tocan estas cuestións, pero o certo é que Pexegueiro a ten. É de xustiza recoñecelo. El foi o primeiro. Coma eses episodios únicos, máis ben estraños, que acaban callando moito tempo despois, cando o protagonista talvez perdese toda esperanza de atopar complicidade, ou sequera comprensión.


Non son o primeiro que fala do herdo que deixaron as poéticas feministas dos 90 naqueles poetas (varóns) que vimos publicando algún tempo despois. Inclúome aquí. María do Cebreiro falou diso a propósito da estrea literaria de Alberto Lema. Helena González veno apuntando desde hai anos. Parece que a eclosión da ollada feminina autoconsciente supuxo un boom que a xeito de revulsivo entrou no discurso literario galego para quedar, como unha sorte de experiencia asimilada. Ben sei o que sucede coa miña escrita, pero non creo que se trate dun fenómeno illado. Véxoo moi claro cando leo a Mario Regueira, a Fran Cortegoso, a Ismael Ramos ou a Roi Vidal. Non hai ruptura co discurso inmediatamente precedente, o inaugurado polas poetas. Antes ben, asúmese a lección e tírase para adiante. Sen traumas.

Ora, moito antes estivo aí Alfonso Pexegueiro. Sen case que ningunha tradición que non asente na escrita fundacional de Rosalía. Abrindo camiño.


É bo que saiba. Non descubro nada novo. Pero débese saber

Ningún comentario:

Publicar un comentario