luns, 29 de abril de 2013

Anne Sexton


Esta fin de semana andei ás voltas coa tradución para o español da poesía completa de Anne Sexton, que acaba de editar Linteo. A tradución ten erros dificilmente xustificables, pero dá para achegarse ao miolo da escrita de Sexton, especialmente se se cotexa o texto orixinal, que o editor tivo o acerto de incluír.


O que me interesa de Anne Sexton é, sobre todo, a súa completa falta de pudor. Penso nela como representante avantaxada dunha xenealoxía de poetas que souberon facer de si mesmas a súa mellor personaxe literaria. Escritas que poñen chanzos ao consenso teórico arredor da ficcionalidade literaria, que xogan a presentarse ante o público, desta volta convertido en voyeur, como escaparate diáfano da vida privada da muller que escribe. A propósito de Adília Lopes, outra grande obscena da poesía contemporánea, Osvaldo Manuel Silvestre define con total elocuencia a estratexia actorial desta liñaxe de poetas como unha «forma de publicidade extrema do mais íntimo que só criaturas desprovidas de pudor –e de senso– se atrevem a praticar». Penso en Sylvia Plath, en Yolanda Castaño, en Miriam Reyes, en Marguerite Duras. Precisamente Duras, segundo me contaba hai uns días un amigo, entendía a tarefa da escritora como un labor especialmente lacerante, pois para contar o mundo ten a obriga de afastarse del cara a un non-lugar desde onde sexa posible observalo cun ollo desapasionado. O escritor, para Duras, é un suxeito que comprende, que é capaz de ver. Pois ben, se Duras andaba no certo (e eu, cando menos, comparto a súa análise), para estas autoras, que foxen de si para mirarse de novo como outra, a poesía debe ser o máis parecido a unha terapia.

Con certeza, a poesía era para Anne Sexton medicamento, terapia. Nunha ocasión, en carta dirixida a un amigo a raíz da morte de seus pais, deixou escrito: “poemas e só poemas me salvaron a vida”. Todo un inventario de revelacións íntimas, de exhibicismo emocional. Anne Sexton exponse ata tal punto nos seus textos que, ás veces, o lector só dá reaccionado pola vía da distancia, cando non da repulsa. Como cando o ecrán da TV nos arrebola as imaxes dunha guerra distante e non somos quen de termar da mirada. Dalgún xeito, Anne Sexton obríganos a observar as miserias da muller pequeno-burguesa americana, constrinxida nun corsé de aparencias, imposicións veladas e frustracións persoais. A experiencia é dura. Ás veces, tamén a ela, non lle damos aguantado o ollar.


De todos os poemarios de Anne Sexton sinto unha querencia especial por Live or Die. Gústame especialmente un texto do libro que se titula “Wanting to die”, e que tiven a ocasión de recitar en tradución propia no Picaversos, sesión "Adictos”, ao que Olalla Cociña e Branca Novoneyra tiveron a deferencia de convidarme. Velaí volo deixo, ao pé dun link de youtube onde aparece a autora recitándoo na súa casa de Boston.


Querer morrer

Agora que o preguntas, a meirande parte dos días non consigo recordar.
Camiño vestida, sen pegadas desa viaxe.
Logo a case innomeable luxuria regresa.

Nin sequera entón teño nada contra a vida.
Coñezo de sobra as follas de herba que mencionas
os mobles que puxeches baixo o sol.

Pero os suicidas manexan unha linguaxe especial.
Igual ca os carpienteiros, queren saber que ferramentas.
Nunca preguntan por que construír.

Dúas veces me expresei con total simpleza,
posuín o inimigo, devorei o inimigo
aceptei a súa arte, a súa maxia.

Deste xeito, pesada e pensativa,
máis cálida que o aceite ou a auga,
descansei, babexando polo burato da boca.

Xa nin penso en expor o meu corpo á agulla.
Ata a córnea e os mexos sobrantes se perderon.
Os suicidas xa traizoaron o corpo.

Nacidos sen vida, nin sempre morren,
pero, deslumbrados, non dan esquecido unha droga tan doce
que mesmo as nenas ollarían cun sorriso.

Botade toda esa vida debaixo do lingua
que, por si mesma, se torna unha paixón!
A morte é un óso triste; cheo de golpes, diríase

e, no entanto, ela estame a esperar, ano tras ano,
para sandar delicadamente unha vella ferida,
para libertar o meu alento da súa prisión cruel.

Abaneando, así se atopan ás veces os suicidas,
rabiosos ante o froito, unha lúa inflamada,
deixando atrás o pan que confundiron cun bico,
deixando a páxina do libro aberta ao azar,
algo sin dicir, o teléfono descolgado,
e o amor, calquera cousa que fose, unha infección

1 comentario: