xoves, 16 de abril de 2015

Un poema de Louise Glück


O 22 de xuño estarei recitando na Coruña man a man cunha premio Pulitzer. Ver para crer. Louise Glück (New York, 1943) é autora dunha ducia de libros de poemas e un ensaio sobre a escrita. Abaixo, traduzo ao galego un poema de The Wild Iris, unha das súas obras máis celebradas. 




Trillium

Cando espertei, estaba nun bosque. A escuridade
semellaba natural, o ceo a través dos piñeiros
estaba cheo de luces.

Non sabía nada. Nada podía facer máis ca observar.
E en tanto miraba, todas as luces do ceo
esvaeceron ata ser unha única cousa, lume
que ardía entre os abetos xeados.
Despois xa non foi posible
mirar o ceo sen ser destruída.

Hai almas que requiren da presenza
da morte, como eu de acubillo?
Coido que se falo abondo
poderei responder esta pregunta. E verei
o que eles non ven: unha escada
a erguerse entre os abetos, algo
que os chame a trocar as súas vidas.

Penso que agora dou compredido.
Espertei ignorante nun bosque;
hai apenas un momento descoñecía a miña voz,
se me desen unha
estaría tan chea de dor que as miñas frases
se enfiarían unhas con outras, coma berros.

Nin sequera souben que sentín dor
ata que veu a palabra, ata que sentín a chuvia
fluíndo desde min.

Louise Glück
The Wild Iris
(1992)





Ningún comentario:

Publicar un comentario