Sería deshonesto
pola miña parte escribir unhas liñas sobre Cronoloxía
da urxencia como se acabase de chegar ás miñas mans. Tiven a sorte de
acompañar á autora no percurso que a levou dun primeirísimo borrador á obra que
agora chega aos andeis das librarías. Polo medio, circularon títulos
alternativos e un traballo coa linguaxe que conduciu a escritora a explorar os
límites do dicible. Desprovista de delirios ascéticos, Dores Tembrás vestiu o
traxe de xastra e púxose a coser no verso ata dar na expresión xusta. E nin
unha sílaba máis. O resultado revela unha lingua permeable ao silencio onde
nada nela hai de instrumental, pois a autora sabe ben que o que distingue unha
poeta de alguén que non o é reside na capacidade para producir idioma, e non só
para habitalo.
A técnica e o
talento ao servizo dunha reflexión delongada sobre a natureza e o alcance do
desexo. Velaí a Cronoloxía,
disolución dun número amplo de pensamento e lecturas, algunhas delas
explícitas. O que observamos, ao final, é unha experiencia meditada, consciente. Digo isto porque, ao contrario do
que acontecía con algúns dos títulos máis celebrados da poesía de muller dos anos
90, aquí hai corpo, pero non víscera. O desexo, para Tembrás, é un
acontecemento, na máis pura ortodaxia deleuziana: non propiamente o evento
(poderiamos dicir, a experiencia da carne), senón aquilo expresado que
continuamente nos fai sinais e nos chama.
O poema sitúanos
na inminencia, nese non-dar-chegado
onde comparecen nervio e saliva. O desexo é antes. E a proposta da Cronoloxía asenta na ledicia de gorecérmonos
na urxencia. De aí a cita de Barthes, plenamente cabal a ollos dunha concepción
xusta do desexo, a deste libro: que importan as nosas oportunidades de ser
colmados, se o que de veras paga a pena é experimentar esta pulsión, este estar
abertos á posibilidade de que as nosas expectativas non se cumpran? Žižek, con base en Lacan, falou da
inconsistencia da noción de felicidade entendida como conxunto de obxectivos
conseguidos, propondo substituíla pola máis realista de interese. Do que se trata, ao cabo, é de estarmos interesados e o desexo (do outro e da palabra, ás veces
entrelazados neste libro) é a forma máis perfecta de interese. Talvez por iso a
Cronoloxía a vertebra un aquel de
exceso vital. Porque comprende a vida tal e como é, retirándolle esa carga fantasmática
que nos apiña á frustración, e por iso pode celebrala.
Celebro, canda
Dores Tembrás, a chegada deste libro, o final triunfo da finitude. Aquel que
enlea o corpo saturado de desexo, cómplice co camiño que nos demarca o
presente.
[Publicado
en Tempos Novos, 206 (2014): p. 68]
[Booktrailer do libro aquí]
Ningún comentario:
Publicar un comentario