martes, 20 de novembro de 2018

Tres poemas de A vida salvaxe


Este xoves 22, ás 19h30, presento o meu novo libro, A vida salvaxe, na sede de Afundación de Santiago de Compostela (rúa do Vilar 19). Estades tod@s convidad@s. 

Velaí vos deixo un adianto:





















O poldro 

O poldro pasa silencioso pola beira do río. Escoito só
o son da herba crocando contra os dentes, a terra a tocarlle
no fociño. E ningún outro rumor. Nin sequera os paxaros cantan
nas pólas dos bidueiros o seu chío fatal, eternamente repetido.
Penso no silencio da fraga como se fose unha besta triscando na herba,
un poldro bravo que cómpre amansar para chegar a querelo.
De súpeto, a imaxe da soga —o poldro rinchando no alpendre—
e xa o amo. Iso que se perde polo medio é o que me interesa.



Autobiografía #1
Primeiro pracer

Oín dicir que o desexo é unha imaxe da infancia.

Daquela o meu desexo acontece ao pé dun río
nunha paisaxe asolagada polas augas
onde dous rapaces xogan a arrolarse pola herba.

Recordo a humidade do lugar.
O cheiro a resina que manaba dos amieiros.
A luz verde que cerca a braña á tarde.

Amparado nesa luz
o corpo do rapaz apertado contra a terra
o meu por riba caéndolle de lado
aterrando sobre as pedras cos xeonllos.

Se en verdade o desexo é unha imaxe da infancia
daquela o meu desexo acontece na ferida.

Cómo fuxir do lugar
en que o pracer se estanca e fermenta,
fermenta.

Cómo se baleira a memoria
para ser por fin
un home novo.












A vida salvaxe 

Por algunha razón, souben que as palabras
acabarían borrando a experiencia
cando o poema chegase. 

Pero eu
atopei o camiño de regreso
ata este encontro:   

despídome do pecado.
Os meus pés pisan a terra,
acollen o seu tacto como se tocasen o mundo
e aquilo que é salvaxe dispón a súa orde
ao tempo que a memoria esvaece na textura.

O descoñecido di:

—Hai un peche entre a vida
e a vida dos demais
que estoura nun encontro.
Non se pode escribir ese suceso con palabras prestadas.
Cando a experiencia se impón, claudica o seu sentido.

Daquela tiven que escoller
entre a palabra e a vida.

Escollín a vida.

Pedinlle ao mundo que me abrise
o seu rostro salvaxe.



Imaxes de Xes Chapela.

Ningún comentario:

Publicar un comentario