Boa tarde a
todas, a todos.
D’A oseira podo dicir que para comprendela no seu alcance hai que ter unha
educación literaria delongada, un vagar poético de longo alento. Ese é un dos
riscos que corre este libro: que pase por diante dos nosos ollos sen que nos
decatemos de canto hai de novidoso nel, por máis que o autor estableza un
diálogo feliz con aquela liña poética dos 90 que Iris Cochón denominou corrente post-sublime e que recolle autores
como Chus Pato, Xabier Cordal ou Manuel Outeiriño. Semella mentira que un rapaz
que vén de saír da adolescencia sexa quen de discutir na súa praxe literaria os
fundamentos en que se vén erixindo a poesía aquén do romantismo, a saber, a
centralidade do suxeito e a transmisión dunha sentimentalidade vinculada ao
coñecemento. Nada disto hai no libro de Antón Blanco. O suxeito
autorreferenciado da poesía moderna, escasamente discutido aínda nos nosos
días, deixa paso n’A oseira a unha
perspectiva visual da enunciación poética que ten máis que ver coa narración
obxectalista de Arrabaldo do norte de
Ferrín ca co punto de vista omnisciente da novela do XIX: o poeta dá conta do
que ve coa frialdade precisa dunha cámara de cine, sen saturar o poema coa súa
subxectividade.
Hei de recoñecer
que cando pechei por vez primeira este libro e me enfrontei á dureza do seu
relato (os mortos do Somme, os afogados de Sálvora, o sangue do neno na pedra)
tiven que recomezar inmediatamente a súa lectura para responder unha pregunta
que daquela consideraba clave: que me di Antón Blanco sobre esta barbarie?
Inxenuo de min, procuraba un discurso autoral sobre as feridas do conflito sen
decatarme de que a súa aposta pasa por deixar nas miñas mans, nas mans dos seus
lectores, as conclusións e as dores de cabeza.
Nunha carta
dirixida a Gimferrer, comentaba Octavio Paz a propósito da poesía dos novos: “Habría que usar un lenguaje más ascético, más
decididamente prosaico o más desgarrado, más seco… y sobre todo, que no se oiga
la voz del autor, que la moral la extraiga el lector sin que el poeta se lo
diga”. Parece como se Antón Blanco decidise converter os desexos do mestre nunha
realidade tanxible. Blanco escolle a paisaxe e elixe o momento (o da
deflagración, antes de que a carne sexa oseira –A oseira é un título invocativo e non exactamente referencial-), a disposición
ética tirámola nós se nos prace. O poeta conténtase con obrigarnos a mirar alí
onde os ollos quixeran renderse. E non é pouco.
O
que talvez sexa un dos mellores poemas deste libro remata cun verso decisivo: A ferida mirámola pero non se pronuncia.
Consciente das limitacións da linguaxe para dar conta do mundo, Antón opta por
unha poética da escena visual, como se dun artista plástico, e non exactamente
dun poeta, se tratase. Do meu punto de vista, a novidade esencial que achega
este libro asenta precisamente en que enuncia imaxe e non discurso. E coido que
poucas obras da nosa contorna poden fachendear de semellante xiro de temón.
A
modo case que de invocación, gustaríame por último poñer a atención sobre un
feito: Antón Blanco e Afonso Traficante, só por citar dous autores presentes,
pertencen a unha xeración de poetas novos (novos
nos dous sentido do termo) que están turrando pola poesía galega con brazada
firme. Todo parece indicar que o sistema non dará encauzado a creatividade poética
última nun discurso crítico meditado e probablemente acabe falando de poesía
nova como rótulo válido de englobar a todos aqueles que non superamos os trinta
e moitos. A fortaleza da poesía galega vista desde unha perspectiva diacrónica
continúa a desbordar os marcos do sistema e coido que é bo que así sexa. Antón
Blanco non é da miña xeración, como eu non son da xeración de Daniel Salgado ou
Olalla Cociña, pero iso non importa, desbordemos todos o sistema. Haberá
mellores tempos para a crítica.
Moitísimas
grazas.
Gonzalo Hermo
[Texto lido por Antón
Lopo no meu nome na presentación en Compostela d’A oseira, na libraría Chan da pólvora, o venres 1 de xullo de 2016. A fotografía
do libro é de Irene García Paz]
Ningún comentario:
Publicar un comentario