Este poema está noutro poema.
María do Cebreiro
Non queres que o poema te coñeza (2004)
Este poema está neste poema.
María do Cebreiro
Os hemisferios (2006)
Os hemisferios (2006)
Se hai poetas que citan a mans cheas coa única finalidade
de prestixiaren o que escriben, María do Cebreiro é autora doutra pasta. Os inocentes vén reafirmar o apego da
poeta a non establecer xerarquías entre o texto que cita e o que compón, talvez
porque á escolla deste determinado fragmento (deste libro e deste autor) lle
outorgue as mesmas dimensións ca o do proceso creativo propiamente dito. E así
é, que nela non hai nunca referencia baleira, referencia, digámoslle, art decó. Os inocentes ábrese e péchase con cadansúa cita e un pensa que se
se decidise prescindir dalgunha delas o libro ficaría igual de coxo ca varrendo
os poemas que circulan polo medio.
Quixera comezar reparando na cita final, pois semella que
todo o libro fose escrito para desmentila. Asínaa Heidegger, nin menos nin
máis. Heidegger, como se sabe, é o principal e máis equivocado dos hemeneutas
de Hölderlin e María decidiu recoller precisamente un fragmento da sentenza
primeira de Hölderlin e a esencia da
poesía, que remata dun xeito, cando menos, rechamante: “A poesía é ineficaz
e inofensiva. Que pode haber menos perigoso que a linguaxe?”.
Basta coñecer un pouco a obra de María para sabermos de
antemán que ou ben decidiu entoar o mea culpa e dar un xiro radical a todo o discurso de seus anos ou ben a
usa cunha finalidade retranqueira. Desde logo, a linguaxe bailando dentro da
carne que nos presenta nun dos poemas dificilmente encaixa nesa dimensión
inocua que Heidegger quixo para ela. Coido que neste punto hai que valorar a
posición ético-estética da autora contra as chamadas “poéticas da comunicación”,
o cal a afasta inexorablemente do miolo da poesía dos 90. Para María do
Cebreiro a poesía non é un xeito diferente e fermoso de comunicar, senón unha
vía de acceso ao coñecemento, e de aí que os seus poemas tendan ao aforismo e
adquiran a forma da reflexión e da pregunta.
Dalgún xeito, escribimos para que o libro nos fale, di, e un imaxina a poeta asistindo pampa ás descubertas que lle revela o libro que asinou, igualiño que se se tratase dunha lectora máis. Na súa concepción, daquela, o poeta non sería creador, senón apenas a canle para algo que desexa e pode ser dito no idioma. Contra a posmodernidade, a autora revaloriza o concepto de verdade e sitúa a poesía ao seu carón, senón revelándoa en forma de palabras, si facendo as preguntas capaces de mover os marcos do noso acceso á realidade. Bater na porta do mundo para que non durma.
Poesía que desatende a eternidade e olla o mundo pasar,
poesía, por tanto, histórica: temporal. Dinos María que nós somos os inocentes,
non por sermos necesariamente bondadosos, senón máis ben por definirnos a nosa
situación de impotencia. A fórmula exacta do que supón vivir cos ollos abertos
estes violentos anos dez.
A cita que abre Os
inocentes, un fragmento do Diario de
Roché, funciona no conxunto como unha sorte de nota mental que nos recorda: ollo, non vos despistedes, este libro é un
libro sobre o amor. E así semella concibido, como un diálogo co amante que
foi e xa non é, pensado desde a lucidez que proporciona a distancia, o tempo.
Penso, e podo equivocarme, que a chave de acceso ao amoroso que aquí se nos
propón é de matriz lacaniana. Amar,
dicía Lacan, é dar o que non se ten a
alguén que non o é. María fainos intelixibles as palabras do francés en
tres versos memorables: Aprende que
ninguén / nos dará nunca o que buscamos / e que esa fenda é o único que temos
para dar.
Había que facelo. Falar do amor a través da poesía sen a exposición sentimental que caracterizara o lirismo. Por iso neste libro hai algo novo que vai cos tempos. E por iso cumpría que se escribise. Hai que celebralo.
Había que facelo. Falar do amor a través da poesía sen a exposición sentimental que caracterizara o lirismo. Por iso neste libro hai algo novo que vai cos tempos. E por iso cumpría que se escribise. Hai que celebralo.
E non sería mellor considerar que María do Cebreiro non ve no poema unha canle, unha vía de acceso para acadar o coñecemento, senon un xeito de coñecemento en si mesmo, un fin? Porque máis ca desconfiar da linguaxe, a agarima sen medo de ser traicionada. É dicir, que María do Cebreiro di "este poema está neste poema" porque confía no poema, habita o poema. Élle sensible. Porque, tal e como eu o lin, *Os inocentes* quizais non sexa un libro sentimental, pero si un libro sobre os sentimentos, sobre a intuición e as preguntas, máis que sobre o coñecemento. E si creo, en calquera caso, que algo hai de candor, de dúbida co amante (que está máis vivo ca esquecido, que ten moito que dicir no poema), de apaixonamento e présa. María do Cebreiro non é canle, non é dona, é amante do poema.
ResponderEliminar