mércores, 26 de xuño de 2019

Crítica de Teresa Seara en Grial sobre 'A vida salvaxe'




        

ENTRAR NO SER

Segundo María Zambrano, o poeta é un ser devorado polos espazos do bosque e teima en procurar neles o balbucir da existencia, esa vida salvaxe que dá título ao último poemario de Gonzalo Hermo, galardonado co XVI Premio de Poesía Afundación en 2018. O libro comeza cun verso revelador: “No corazón do bosque atopei unha fiestra”. Así se nos orienta cara a un entorno salvaxe que non o é tanto por carecer da domesticidade dos lugares colonizados pola man humana senón por ser preexistente. Desde este punto de vista, o bosque convértese no lugar do que acontece sexa isto o desexo primeiro, a “vida agromando nas estremas”, a memoria ou a viaxe do eu na busca da revelaciónpois nel residen as claves do existir e ecoa ese intre iniciático no que todo era aínda potencialidade de algo futuro. Vólvese, xa que logo, a un tempo no que a palabra, allea aínda á construción simbólica, fluía como voz do arcano só perceptible a través do corazón. De aí nace a certeza de que, como se manifesta nun dos textos epilogais d’A vida salvaxe, “poético é aquilo que desexas coñecer par coeur / (co corazón) // É dicir / de memoria”. Esta equiparación da memoria co coñecemento sensible leva ao eu a expresar a súa vontade de baleirala para logo reconstruíla desde a ferida e o desexo de xeito que revele o descoñecido. É dicir, a voz poética aspira a acadar ese “estado natural de conciencia borrada” que lle permita captar o crucial xusto cando este nos toca e nos altera ou, como se afirma nun poema, ancéiase escribir o baleiro da mandorla, todo aquilo que aos nosos ollos se disfraza de contido ocultando a verdade do seu oco. Así lle sucede á terra cuberta co manto pertinaz e constante da neve, un dos elementos habituais na poética de Gonzalo Hermo. Afirma Cirlot que a neve, ao envolver a terra coa súa indefinición, sublímaa dotándoa dun carácter subterráneo, latente, misterioso. Mais este ateigar colonizador da nevarada resoa tamén no interior do eu e revélalle o descoñecido por medio dun pensamento que non se vehicula en palabras senón na harmonía co tremor vivaz da natureza, ritmo adoito ignoto para os que carecemos da capacidade que si posúe o poeta de captar o seu axitarse. Polo tanto, “aquí, / pénsase sen lingua, sen signo, sen idioma (...) completamente / liberado” de límites que impidan chegarmos a ese “lugar único no tempo” onde o eu pode exclamar: “síntome pleno porque existo por fóra”. Isto é, revertido no éxtimo e non só reconcentrado no íntimo, aberto ao que sucede no alén de si mesmo, esa verdade non dita xa que as palabras non a expresan adecuadamente― que, como resonancia mórfica, devén soño revelador. O corpo capta e comprende este misterio pero, dado o seu carácter mortal, debe botar man da palabra para fixalo. Así evidencia a linguaxe a súa facultade de perdurar, de concibir o eterno; en definitiva, de ser memoria. Con todo, dicir a experiencia do eu require que a palabra (re)adquira capacidades que xa non posúe, se baleire do que a embaza até quedar a “flor de pel”, prístina e plena como na orixe. É por iso que Gonzalo Hermo persevera neste poemario en levar á lingua ao seu momento auroral, converténdoa en idiolecto do desexo, en código que revele a viaxe dun ser que non volta incólume, senón profundamente transformado, do seu contacto co primixenio. Conclúe o autor, nos textos que conforman o “Epílogo (7 achados sobre o poema)”, que todo poema “ao seu paso deixa unha pegada. O resto que produce é a cicatriz” pois, como xa afirmara Octavio Paz, a poesía leva á persoa fóra de si para, simultaneamente, facela regresar ao seu ente orixinal. De aí que a poesía sexa, en realidade, entrar no ser.

TERESA SEARA