martes, 13 de decembro de 2016

Un poema de Chus Pato para F. Cortegoso


Poema lido pola autora na mañá do 10 de decembro de 2016 no café Badía, 
en Vigo, na homenaxe dos poetas da cidade a Francisco Cortegoso




























A noite caía

e ti

que ata ese intre eras imperceptible 

materializácheste 

non che importaba a chuvia, nin o outono, nin o frío 

non querías marchar


A túa beleza estaba navegada por un delta 

as túas frases eran lentas 

como as de quen foi recrutado no 36 

e descarga toda a metralla sobre si


Eras pausado coma un avó 

partías o tempo como unha onda parte o mar


Non era de morte a orfandade

era ausencia 


Eras rapaz e servías ágapes 

os vidros o pan 

a vitela que fumega e marca o rumbo dos teus pasos

o polbo


As túas noites eran salvaxes 

sobre táboas comidas de verdello e lique

a rosada bañaba as túas maos

Ouriñaches contra as paredes dos grandes alpendres 

era quente o líquido, o leite


A túa casa era un val, de ollada moi ampla


Eran brancas as verbas 

como cortiza dun bosque de ribeira

eran cinza 

populosas como as cidades do delta 


En Berlín escribías unha tese interminable 

Londres non era segura


É así 

que o nome é infranqueable 

e da súa contemplación ou teoría

florece unha escritura 

e outra

e outra?


que a escritura é franca 

e nela flúe todo o que é nacido?


que se espalla 

sendo o seu cómaro un múltiple de nomes ou nome 

todos eles insensatos

sen posibilidade de lectura

mudos?


tal as pétalas na corola 

así escritura derredor dos nomes


por iso podías desatender 

e preguntar polo nome do brión que medra en forma de estrela

ou alzar a vista 

e dar coa diferente 

a folla da sobreira


mira mira 


No estrelecer a túa voz confundíase coas voces armenias da cidade


Un pardal, era un alción, o azul do alción cortando as augas? 


Como a folla do loureiro

como un coitelo de sílex

así a sombra 

cando ningún dos cascos do cabalo 

apaxa a terra

como o sexo dunha ninfa

así o ventre da voz


así medrou a miña envexa sobre a morte 


Xuntos estivemos en Córdoba 

eras unha pomba no peitoril da mañá 

e en Nápoles 

eras Sorrento e Capri e o Pausílipo 


A noite foi un pano de seda 

estenderon o mantel nun oasis 

alí onde as ratas corren o tronco da palmeira 

cara ao seu fogar

arriba

xunto os dátiles  


Chus Pato