martes, 16 de xuño de 2015

Ana Salgado sobre Celebración


Publicado en Grial 205 (maio de 2015)


En Celebración hai un poema, “Despois de Crac”, co título do libro de Gonzalo Hermo de 2011, o primeiro dun mozo de 24 anos. O dato da idade seméllanos irrelevante, ocorre co que escribe hoxe outra xente que anda arredor dos 30, poéticas unidas a este libro por algúns nós: Raida Rodríguez, Francisco Cortegoso, Xiana Arias. Outro nó de complicidade sería a marca editorial: o libro de Hermo, obxecto inusualmente coidado, abre a colección de poesía de Apiario, proxecto que sae das mans das escritoras Dores Tembrás e Antía Otero.

A voz que, no remate, escribe as dedicatorias, dinos que este é “tamén, o libros dos amigos”. A partir destas e das citas fomos construíndo unha lectura de Celebración. Detémonos nas dúas iniciais. Unha dun texto en catalán de Eduard Velasco, tamén poeta en galego a quen leremos axiña como gañador do premio Pérez Parallé. Di: “Sempre stimaràs la terra amb què has compartit el fred”. Outra de Antonio Gamoneda, do poemario de 1992 titulado Libro del frío: “He llegado por fin; este no es mi lugar, pero he llegado”. E atopamos en Celebración elementos deste poema narrativo, do conxunto deste libro do escritor leonés. Unha simboloxía próxima: os insectos, os elementos vexetais, as aves, o frío. Unha voz poética que parece descansar no verso longo, que escora nunha fatiga extensiva, que medra e creba. Entre as conexións, amais, as tantas posibilidades de lectura para esa falta de lugar: desclasamento, desposuimento, desterritorialización, alleamentos de diversa caste.

“Renuncio a unha escrita afectada // realmente este libro acaba aquí” dicían os versos finais do penúltimo poema de Crac, e establecían unha fenda que vemos cumprida en Celebración. A violencia de Crac, con Müller, Duras, Celan, Jelinek ou Artaud, vese agora aplacada, faise máis esquiva, diríxese menos cara á memoria e máis cara ao desexo, eses planos que mesturara T. S. Eliot no comezo d'A terra herma e cavilamos se para sempre. “[...] pois nada é máis fermoso que que a memoria nos engane”, di Hermo nun verso.

Lemos Celebración como un libro sobre a perda. Sobre as perdas: a civilización rural, o territorio, a lingua, os corpos amados, a clase. Talvez estes poemas se escribisen para dicir que a perda pode ser un camiño produtivo. Achegaríase aquí ao pensamento de Jacques Derrida cando coloca, non enfrontados e si no mesmo plano, os procesos de memoria e esquecemento. E a perda pode ser no libro un proceso produtivo pola súa conexión co desexo. Os desacordos entre Lacan e Deleuze canto á maneira de entender este vólvensenos entón pertinentes para lermos Celebración. Isto tamén porque a escrita de Gonzalo Hermo se sitúa en discusión co pensamento contemporáneo: a filosofía, a teoría da literatura, as poéticas que procuran na linguaxe. E parece querernos dicir que só debera servir unha linguaxe común. Cara a esta, que se sabe extirpada, quizais apunte a presenza do corpo no libro. Cara á busca dunha lingua das iguais, no sentido en que a pensou Jacques Rancière. Así, quere que o verso se mida antes de máis consigo mesmo e sitúase enfrontado á metáfora. Dixo nunha entrevista: “Onde digo 'frío' quero dicir 'frío' e máis nada”. Hermo sabe que non damos desaprendido de vez, que non sabemos ler suspendendo o peso da tradición, en común, entre todas. Tamén que precisamos pensar esa apertura.

E outro horizonte do posible ao que Celebración se está abrindo sitúase alén dunha idea historicamente hexemónica onda nós, aquela que coloca a nostalxia nun plano privilexiado na construción da nosa subxectividade e do noso discurso político. Lemos no fragmento final dun poema da sección “Grao límite de frío” : “Porque non hai lingua que impugne o contido dunha perda // nin hai consolo desta volta / no brazo das palabras. // O movemento imponse. / Revélase a color. // Ti e eu marchamos sen mapa e sen costura. // É doloroso / pero salva. // Tarda en curar pero libera”.

Ana Salgado